domingo, 30 de outubro de 2022

Libro silente

Verme de Fernández & González é un libro sen texto. Deses nos que les as imaxes e lle vas poñendo palabras, as palabras da túa lingua.

En verbas de Kalandraka (a editora), trátase dun "libro interactivo en formato acordeón que nos presenta un novidoso dispositivo mecánico dirixido por uns divertidos operarios, con el é posible viaxar ao centro da Terra. ¡Mira con atención e descobre todas as aventuras posibles"

Despois de Balea, aparece este outro artefacto. Un aparato perforador habitacional de grandes dimensións vén sendo a mellor maneira de viaxar ao centro da Terra. Imos vendo, por unha cara o interior do aparato e pola outra o exterior. Unhas chiscadelas fan que podamos observar as tumbas de Rosalía, Fridha e outros/as. Aparece baixo este nome en galego, castelán, euskera e catalán.

mércores, 26 de outubro de 2022

De Ánxel Fole a Xosé Tomás

Contos de seu de Xosé Tomás publicado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega é unha homenaxe e Fole, ao seu mundo, á súa maneira de contar. Un libro composto por dez contos e un epílogo ou varios cómics. O seu autor explica que "non é un libro sobre Ánxel Fole, nin unha versión en banda deseñada dos seus contos. Trátase, pola contra, dunha obra resultante dun pouso que queda tras a súa lectura. Son historias que beben do seu ambiente, do seu cheiro, da súa retranca e do seu misterio. (...) Falan de personaxes que resolven dende a idiosincrasia propia, que non miran a realidade dunha maneira plana, senón sempre de maneira poliédrica. Personaxes que responden á dureza da vida con humor, coa aceptación intelixente do inevitable, cunha atitude de supervivencia, no fondo, e de creatividade e enxeño. Falan tamén de ambientes, de costumes, de lugares, de maneiras de relacionarse, e duns tempos vitais moi diferentes das présas actuais. Un tempo de pouso, que permite feccionarse á lectura mentres as vacas pacen, solucionar un problema na espesura da noite, ou maquinar crimes dende a serenidade e a paciencia. Ese tempo sen tempo que esculpe o arácter na infancia, que resulta tan necesario para labrar persoas donas de si."

Ninguén o pode explicar mellor. Só hai que lelo, entrar en cada unha das historias e gozar deste privilexio de ter bos contadores en diferentes códigos pero cos pés na propia terra, alí onde é posible medrar. 

domingo, 23 de outubro de 2022

DÍA DA BIBLIOTECA, 24 de outubro

 

Sempre se celebra o Día da Biblioteca, sempre. Tal vez porque se precisa seguir facendo fincapé nese espazo común e solidario, espazo de cultura e aprendizaxe, espazo para todos e todas.

Dalgún sitio recollo que se celebra dende 1997, da man da Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil e do Ministerio de Cultura que apoiou a celebración. Así o presentan: "A edición deste ano, baixo o lema “BiblioTEcuida”, céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, preocúpanse por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un piar fundamental ao servizo das comunidades ás que pertencen." A biblioteca cóidache, non podía ser doutra maneira, ese faro e refuxio, esa casa de saúde...

Dende bibliotecas escolares galegas dise: 

"As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender e lugares para descubrir. 

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS.  " Moi certo!

Normalmente, as bibliotecas escolares asumen todos os días do mes como Mes da biblioteca, porque as festas hai que alongalas e van durando dende que se pon en marcha e se abren as portas ata reatar co Samaín, o Magosto, os Defuntos e os Santos.  

E para máis celebración, este ano, temos cartel galego, de  Xulia Vicente, a moza que realizou para o Consello da XCultura Galega o cómic de Elisa e Marcela para conmemorar o Día do Orgullo LGTBI+ 2020