xoves, 6 de outubro de 2022

Un libro ben orixinal

O garabato e o escritor é un deses libros novidosos, interesantes; deses que resultan unha descuberta como cando atopas algo inesperado. Pois si, cando aparece un destes álbumes entendes que é necesario, que non é máis do mesmo e, moito menos, un innecesario gasto en papel (que os hai e todos/as o sabemos). Aí é onde está o papel do editor, en escoller o que ten calidade e limalo para conseguir que teña aínda máis, non en aceptar todo o que chega pola porta e darlle carta de identidade, poñer ao servizo do ego ou dos cartos o nome da editorial.

Da autoría de Miri Leshem-Pelly, traducido por Raquel Mosquera e publicado por Picarona. Así o presentan: "A viaxe de Garabato empeza nunha tranquila beira chamada PRINCIPIO e segue por unha silvestre e arriscada METADE que conduce definitivamente a un FINAL, aínda que nada diso era o que Garabato realmente esperaba… Garabato é un Garabato e Escritor é un Escritor, pero, en realidade quen conta o conto?"

 En realidade o libro é un diálogo entre o escritor e o garabato, entre o creador e a obra creada, entre os dous Frankenstein, e aquí como alí, a obra quere compañía, non quere seguir só, por iso espoleado polo autor, Garabato debuxa a Manchiña e dálle a benvida ao seu conto. Ese xogo entre o creador e a obra creada vese enriquecido na parte icónica con intervencións diferentes que van da liña á mancha, do debuxo á pintura e a fotografía: ese lapis, pincel, afila, celo e goma son os que en realidade crean a obra, tal vez por iso son reais. Por outra banda, o artista actúa coma un mestre que orienta "estou aquí para axudarte a crear a túa propia viaxe", que lle propón retos, que o anima a superar os medos e o convence de que é quen de atopar as respostas ás preguntas que lle xorden e así vai superando dificultades e atopando novos camiños (pode construír un barco coa folla onde o escritor escribiu "Ti podes" e así atravesar o río das preguntas). Garabato vai avanzando, collendo confianza en si mesmo, tendo ideas e colléndolle o truco a esa viaxe quer dende o principio ten un obxectivo "Gustaríame facer un novo amigo" di Garabato, e iso é o que sucede ao final, que o constrúe. A maiores, Garabato podería ser Garabata pois leva tacóns e algo semellante a un colar e, que é Manchiña?

Un libro que nos fai pensar, que nos remite aos vellos mitos e á mestura de técnicas, un libro como non coñeciamos outro, que igual fala da maternidade / paternidade, igual do pintor e a modelo, igual dos camiños da vida... Unha das mellores obras que chegou ás miñas mans ultimamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario