Trece avisos. Contos para ler pola noite, de Paula Carballeira, iliustrado por Iria Fafián e publicado na colección Sopa de Libros de Xerais. Así se presentan estes trece contos: "O medo avisa cando chega. Un sopro de aire frío. Un arrepío polas costas. Un corazón que latexa. Algo que non vemos, pero sabemos que está. Algo que sentimos, ou que presentimos. Estes contos son para ler de noite, se te atreves". Un libro sobre os medos, que presenta a autora explicando que vive a poucos pasos de onde nace a néboa que sobe dende o río e envolve a casa. Non ver os contornos das cousas nin das persoas que atopa polos camiños (e poden ser pantasmas) é vivir entre o misterio. Tamén nos conta que empezou a ler relatos de terror (e a escribilos) para poñerlle nome aos medos que cada noite acudían a visitala, cando era pequena. Agora, recolle os seus e os dos demais, incluso en centros de ensino onde a rapazada acode a contarlle.
Hai moito de tradición oral nestes contos, porque daquela cando non había luz eléctrica, polas noites o medo campaba ás súas anchas, de feito, pensouse que na cidade e coa electricidade desaparecerían... pero non foi así, porque "cando petan na porta pola noite" estremecémonos.
Os faiados, eses lugares onde se atopan as cousas abandonadas e os monstros que ninguén quere ver; neles escóitanse ruídos, son eles. Seres de pesadelos que aparecen para anunciar o máis malo de todos os males, a morte. O cheiro a cera é un clásico; a compaña que chamamos santa para dulcificar pero seguimos vendo a percorrer os camiños; as maldicións que se botan ás fillas e acaban cumpríndose (por iso cómpre ter man das palabras), aí están as lobas; os seres que quedan entre un e outro mundo sen avanzar, os nenos e as nenas aí, a medio camiño, perdidos; os pesadelos adiantándose ao que vai suceder, as casas abandonadas ou tomadas onde se escoita falar ou chorar... elas están pedindo que entres e non volvas saír ou saír moi diferente a como entrastes. O pranto do bebé como reclamo, ese terror que ninguén resite porque é a supervivencia da especie e reaccionamos por instinto. Das lendas urbanas véñennos os bonecos maléficos que nos vixían, eles non estaban nos vellos contos, nas aldeas non había porque a ausencia de xoguetes era total... éramos tan pobres!, o vudú tamén veu de lonxe para quedar, eses meigallos que facemos sobre un obxecto que representa a persoa e acaban lastimándoa a ela, as mandas de xoves que atacan aos trasnoitadores ou aos que pasan por lugares pouco axeitados, os cuartos prohibidos, pechados baixo chave, as vinganzas daqueles aos que lles fixemos mal; o vaso que se move contestando as preguntas, a sombra e os xemelgos, o número trece... de todo hai neses trece contos para ler pola noite.
Unha cita (da persoa que lle achega a idea) dá pé ao relato que vén a continuación para continuar co aviso que se extrae de cada un dos contos. Si, o misterio, ese xénero que tanto gusta á mocidade, vese así incrementado por este volume que se incorpora aos de Miranda, AFP, Carlos Negro (que se anda a estrear...)
Ningún comentario:
Publicar un comentario