Ás veces atopamos libros cun tamaño que nos semella excesivo para o seu valor literario, incluso por veces tamén, para as ilustracións que acompañan o texto, por iso sempre animamos a pasar pola libraría a coñecer as novidades, a deterse na lectura de imaxes e texto e non deixarnos levar polo reclamo comercial ou polas dimensións.
Enyd e o bosque esquecido de María Quintana Silva, ilustrado por Silvia Álvarez e publicado por Triqueta Verde na colección "Camiñemos cara a un mundo verde". Porque no bosque están fartos do lixo que lles levan os humanos, o mapache decide comezar a protesta, vaino seguir Enyd e o sapo. Ao chegar á cidade, os veciños secúndanos. Ademais, vai arder o bosque e van traballar por recuperalo.
Un texto que defende valores medio ambientais. Un libro con grandes ilustracións moi coloristas, realizadas a pastel, que non só enchen a páxina senón que nun caso se abren a ambos lados duplicándose e converténdose en doble páxina.
Olivia e o clarinete máxico de Francisco Álvarez Koks con ilustracións de Emilio Baz e publicado por mr.momo.es en tres linguas (galego, castelán e inglés) cóntasenos a historia dunha nena que atopa o clarinete de seu avó nun baúl; decide tocalo e cando o fai nun concerto sente que todo se ilumina como nunha milagre.
A editorial Fervenza que nos tiña acostumadas ao teatro, está a publicar relatos ilustrados e álbumes. O porco Farruco de Margarita Fernández, ilustrado por Sabela Cadarso, con algunha rima que non se sitúa no final da liña e unha historia: a do porco namorado da veciña que pensa que non lle corresponde porque está pálido así que decide baixar á praia; ante a cantidade de dificultades que lle van xurdindo el repite:"Seguirei adiante con tal de coller cor / Ai, canto se fai por amor...!" Ilustracións dixitais moi evidentes.
Unha ponte para Najla. Construíndo unha ponte de amor entre os pobos de Maite Herrero Ameixeiras con ilustracións de Joseba Plazuelo. A avoa fala cos netos do Libro da vida, de que se pon triste ao ver os sirios fuxindo e acórdase de cando no 1939 un tío seu estivo nun campo de refuxiados francés "porque calquera persoa de calquera lugar se pode converter en refuxiado". Os netos coñecen unha nena siria que acabará indo á súa escola e usan camisetas que levan o lema Open the borders,o irmán ten un soño no que ve como os refuxiados dun lado do mundo se poden atopar no medio dunha ponte de luz cos do outro lado.