venres, 25 de febreiro de 2022

O I Premio Xuventude Crea de Novela Curta

 

Cando sangren os lobos de Adrián Gómez Ramos acadou o  I Premio Xuventude Crea de Novela Curta. Aparece, agora,  publicada na colección Fóra de xogo de Xerais. 

Da presentación editorial: "Hai un asasino solto polas rúas de Compostela e só dous irmáns distanciados tras a morte dos seus pais coñecen os segredos necesarios para detelo. Fernán e Xandre Malvís terán que superar as barreiras autoimpostas entre eles e aprender a confiar o un no outro mentres se enfrontan a un criminal que supera totalmente o raciocinio. Lobishomes, meigas e segredos de antigas familias crean un entramado que, de non ser resolto, porá en perigo as vidas de todos os habitantes da cidade. O tempo corre ata a seguinte lúa chea; cada nova noite pode supoñer unha vítima máis e, un só erro, a perda de todo aquilo que os irmáns consideran digno de protección."

Unha novela na que o realismo (a investigación dun asasinato por parte da policía) se mestura coa ficción (Haberá homes lobo? Mulleres lobas? Meigas que se agachan detrás dunha tenda pseudo esotérica? Gévaudans, acaso?). Na cidade de Compostela andan soltos seres que poden facer moito mal e outros que tentan evitalo. Unha loita entre o ben e o mal. Unha novela policíaca, un relato negro, uns novos licántropos soltos pola nosa xeografía...

Esta entrevista achega información sobre o autor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario