martes, 29 de setembro de 2026

Novela xuvenil froito dun obradoiro de escrita

Contas de buxo podería ser unha novela negra, unha obra policíaca... pero tamén é unha novela xuvenil na que o centro está nunha moza de dezaseis anos que sente o arrebato de fuxir da casa. Que ten que ver con iso o que lle acaba de pasar co rapaz co que mantén unha relación especial? Ou é máis ben o resultado da deriva duns soños que non a deixan descansar?  

Imos de arroutada en arroutada, pois a iso responde tamén a baixada do autobús en Ribadeo, onde pasou as últimas vacacións coa nai na casa dunha irmá antes de que ela desaparecese. O encontro fortuíto co primo que a recoñece a pesar dos once anos que levan ser verse desata unha marea de sucesos que nos levan a resolver a trama da historia con crime e engano.

Aparece, agora, publicada pola editorial Galaxia na colección Árbore, onde se presenta desta maneira: "Lara é unha adolescente que saca boas notas e que nunca dá problemas, pero iso muda cando abandona Gondomar e sobe a un autobús sen lle dicir a ninguén a onde vai. Tras dela, un desengano amoroso, os silencios da súa familia e un león que, sen descanso, a persegue nos seus pesadelos. Sen saber moi ben como, remata en Ribadeo, unha vila unida estreitamente a aquel último verán que compartiu coa súa nai antes de que esta a abandonase. Dende alí, coa axuda do seu curmán e, ao mesmo tempo que a familia e a policía a buscan, irá debullando un pasado descoñecido e arrepiante para ela. A moza, coa praia das Catedrais de fondo, pronto empezará a comprender que as verdades a miúdo non o son tanto."

Raquel Fernández Fernández traballa na restauración, lectora e escritora con varios premios recibidos que se publicaron en antoloxías, dise que acadou o pulo necesario para escribir esta primeira novela despois de asistir ao Obradoiro de Escritores da editorial Galaxia.

sábado, 26 de setembro de 2026

Eu mato xigantes. Unha bd de Rinoceronte

Eu mato xigantes de Joe Kelly e Ken Niimura traducida por Moisés Barcia, é unha bd publicada por Rinoceronte. 

Da presentación editorial: "Barbara Thorson é un becho raro; non lle interesan as mesmas cousas que ao resto de rapaces da súa idade, é distante e solitaria, pasa os seus días enfrascada en xogos de rol, libros e, especialmente, matando xigantes co seu martelo de guerra máxico, Coveleski. A protagonista aprenderá a afrontar os problemas da vida, sen evadirse da realidade." Realmente non lle queda outro remedio, pero non imos adiantar nada, simplemente recomendamos a súa lectura, só citamos ao paso: un colexio, uns abusadores (como sempre), unha rapaza diferente que está fóra do sistema sempre lendo, contestando mal, cunha arma secreta que ela mesma crea, unha rapaza que cando lle preguntan que fai responde"mato xigantes, as súas visitas á dirección, a súa vida non ten nada que ver coa das compañeiras, vemos cinco irmáns nesa casa, a maior delas traballando e tentando amañarlles a comida e a vida pero non llo poñen doado, unha rapaza aparece e quere ser amiga de Bárbara, insiste sen presionar estando sempre aí igual que a psicóloga... Unha gran tormenta, a nena pelexando contra titáns e xigantes pero este que veu, búscaa a ela e aí aprende que non queda outra que gozar de todo o que temos cando o tmeos, que somo máis fortes do que pensamos e podemos vencer as adversidades. Todo se remedia a partir de aí, aínda contando coa morte, porque neses casos hai que asdumir o que está a pasar e facerlle a vida o maís agradable posible aos demais e a unha mesma. Todo iso aprende a asasina de xigantes: a valor da amizade e do amor, non tapar os ollos fronte á realidade, non loitar ao tolo, despedirse dos seres queridos...

Nós choraremos nalgún momento; non hai maneira de evitalo. A historia ten os compoñentes das boas de sempre. O misterio que garda ata acase o final, os silencios ante determinadas ausencias e a cadea de axuda que estará aí para cando se precisa, só hai que pedir axuda; é difícil pero hai que facelo. 

En branco e negro. Directamente á sensibilidade. 

Lédea, non vos arrepentiredes! 

venres, 25 de setembro de 2026

Un libro para lectorado autónomo de Xerais e un xuvenil de Toxosoutos


Pantasmadas, escrito e ilustrado por Andrea García Martínez está publicado na colección Merlín de Xerais dirixida a rapazada a partir de nove anos. 

Da presentación editorial: Finalista do Premio Merlín 2025. "O avó Seronio é o último veciño de Treboeiro, un lugar envolto en néboas, vellas historias e habitantes moi pouco comúns... Cando a súa filla chega disposta a levalo con ela e a súa familia á cidade, Seronio terá que demostrar que, aínda que non saiba nin fritir un ovo, non está tan só como pensan. Conseguirá Seronio quedar no seu fogar? Poderase salvar Treboeiro do esquecemento? Unha aventura fantasmal chea de diversión e sorpresas sobre os vínculos que nos atan aos lugares e ás persoas que amamos." 

Unha aldea na que só queda un vello. A filla que vén da vila para levalo e todo o que se monta para evitalo. Porque existen as pantasmas, porque viven nas casas nas que os recollen porque foron a súa residencia noutros tempos, porque cada unha delas segue coas súas manías e intereses (a avoa que calceta, o que foi deseñador de moda e pode continuar facendo o seu traballo, a cociñeira, o inventor...) porque é necesario que algún manteña a aldea viva aínda que dubidemos da súa natureza ou teña que utilizar como carteiro a un xabarín... Atoparemos cochinadiñas desas que tanto gustan á rapazada, misterio, desconcerto... e gustaranos ler esa historias que semella sen pés nin cabeza pero si con seres de carne e outros de aire. Dous mundos que se tocan na aldea de Treboleiro á que custa traballo chegar: "implica unha viaxe de aproximadamente vinte e tres días, que se podían reducir a quince se ías en coche polos camiños axeitados. Debías atravesar o Monte da Rata Peluda e, se saías enteiro (cuestión pouco probable se eras descoñecedor do lugar), non ías tardar en atopar a Árbora da Indecisión.) e así continúa ese camiño imposible.

A novela xuvenil Eu, monstro de Guadalupe Vázquez Formoso está publicada por Toxosoutos na colección Nume de Narrativa xuvenil. 

Unha adolescente que coas características sexuais de muller pero que se sente home cóntanos a súa historia. Esa loita constante entre o que ve, o que sente e o que desexa. A relación coa familia cun pai que traballa, unha nai que escribe un diario e poesía nos que conta as relacións con outros homes, unha amiga que é o sustento afectivo, a psicóloga que atende a súa problemática pero coa que non sempre pode falar sinceramente... o instituto e o seu director. Aí, nesa parte final aparece a aventura para que a novela vaia máis alá, entrando no xénero negro con pantasma incluída que reivindica o castigo ó seu asasinato. Un director cun pasado oculto e un presente con medias tintas. Unha celebración e como en  Carrie a descuberta do horror. E, un anexo final coas poesías da nai que non se entende o que achegan.


mércores, 23 de setembro de 2026

Dous álbums con mocos de narices

O moco máis rico do mundo de Valeria Kiselova e Mamen Marcén, traducido por Vanesa López e publicado por Miau. O ogriño adoraba os mocos, era o que máis lle gustaba no mundo e sempre llos pedía a súa nai, pero non era doado conseguilos. Para o seu cumpreanos é o que pide e os pais vense na obriga de organizar un concurso de mocos. Quen pensades que ganou? Nin o trasno, nin o dragón, nin a meiga, nin a serea, ni o monstro do lago Ness... 

Escatoloxía en estado puro!

O outro álbum é O dedo no nariz de Paula Merlán e Gómez, traducido por Maruxa Zaera e publicado por Nubeocho. A Sofía o que lle gusta é ter o dedo índice metido no nariz todo o día, os pais avisan pero ela non fai caso, segue ao seu. Ata que un día descobre que ten un nariz enorme e preocúpase, daquela fai todo o posible para que disminúa de tamaño e elimina ese costume, pero... hai alguén que copia o que ve porque é moito tempo de observar mentres semella que anda ao seu, sen fixarse. Esa segunda historia tamén vale a pena.

Dá moita pena ver que a editora presenta todos os seus libros en castelán e para atopar o imaxe en galego temos que acudir a unha libraría. É oportunismo, ou que é? é minusvaloración? é facelo por algunha razón pero non crer na lingua?

luns, 21 de setembro de 2026

A continuación dunha serie: Ratos no tren

 

Ratos no tren de Oli e Natalia Colombo, é unha nova "aventura dos roedores máis divertidos, que transcorre en tren, no que viaxan, se divirten e fan trasnadas." Así son os ratos, e nós que moitas veces os odiamos (ou tememos) na realidade somo admiradoras súas na literatura. 

Antes desta edición, coñecemos Os ratos da casa, Ratos de viaxe e Ratos na escola.   

Enlazando palabras e versos, asistimos a divertidas aventuras que nos levan á escola para aprender, á casa para manexarnos por ela sen correr perigo, de viaxe para coñecer novos lugares e no tren para gozar de todos os momentos no que este nos fai soñar.

Os ratos son todos diferentes, grandes e pequenos, de diferentes sexos e condicións, cada un leva a roupa, accesorios e adornos que considera, os diferentes tipos de maletas e mochilas, de bolsos e bolsas. Na primneira das gardas preséntansenos elementos que logo atoparemos no álbum, nas últimas atopamos momentos que vimos ao longo do relato.

"Pola avenida / poñede atención, / que veñen os ratos / buscando a estación. 

Na estación, / portas e valados, pasan sen billete / os máis aloucados.

Aos máis aloucados, / deulles a arroutada / de coller no quiosco / moitas lambetadas.!

E así continúa o texto, collendo a idea do verso final para comezar a seguinte estrofa / plana.

As imaxes son estupendas. aí os vemos moverse, uns con gafas de sol, outro tirando por unha criatura, con expresión para indicarnos a ledicia ou a preocupación, os que xogan en calquera circunstancia, os accidentes que ois sorprenden, a axuda que se prestan uns a outros ou como se aproveitan der quen tira pola maleta para que os leve en volandas Os ratos, coma nós perden a cabeza e o tempo despistándose á mínima, un deles (ou unha delas) aproveita para ler en calquera circunstancia, outros xogan ou comen, pensan ou dormen, pouco a pouco ímolos recoñecendo: o que leva gorra azul, a do turbante amarelo, o que leva máis carga da debida, a mamá que leva a peluche para a cría... o momento de entrar na cama, cada un co seu pixama, gorriño e pantuflas, a criatura co doudou ou obxecto de apego e outros coa almofada, o romántico mirando a noite a través da fiestra, as posturas diferentes para durmir... e de pronto, no medio do sono, o máis madrugador dá a voz de alarma: ven o revisor! e todos botan a correr. Porque si, a súa non é unha viaxe ormal ou legal, van clandestinamente. Sentímonbos tan unidos a eles que esquecemos que son animais incómodos nas nosas vidas. 


 



domingo, 20 de setembro de 2026

Un finalista do premio Merlín: O caderno de Roque en homenaxe a Carlos Taboada

O caderno de Roque de Carlos Taboada resultou finalista do premio Merlín. Aparece publicado con ilustracións do mesmo autor na colección Merlín de Xerais.

Da presentación editorial: "Unha orixinal novela de viaxes, aventuras e fantasía, rica en detalles e desbordante de imaxinación e humor. Finalista do XXXIX Premio Merlín 2024" E da sinpse tal como recolle a páxina: "A familia Charabiscas da aldea de Pedrafermosa agarda con impaciencia a chegada do tío Roque, que marchou a percorrer o mundo e que lles prometeu volver para celebrar unha festa polo seu trinta aniversario. Cando chega o día sinalado, a familia recibe na caixa do correo o caderno de viaxe do tío e, ao longo da xornada, non para de soar o timbre da casa. Será Roque? Non! Unha sucesión de personaxes fantásticos (un xigante, unha serea, un vampiro...), cada cal máis peculiar, vai aparecendo por sorpresa, convidados á festa de aniversario. E o tío Roque onde está? Unha orixinal novela de viaxes, aventuras e fantasía, rica en detalles e desbordante de imaxinación e humor."

Unha escrita na que se combina a narración en terceira persoa da historia coas cartas que Roque escribe á familia e o caderno de viaxe falando dos diferentes lugares polos que pasa, os personaxes que coñece e as aventuras que neles lle suceden. A familia vive en Pedrafermosa, un sitio marabilloso que tentan agachar do mundo exterior para seguir mantendo de forma natural. Egoísmo? pode que si pero hai que protexer os tesouros da rapiña dese empeño en viaxar de toda a poboación dun planeta disposta a pasar, fotografar e destruír moitas veces. Esta vez vailles resultar difícil seguir ocultando o paraíso no que viven pois uns detrás doutros van aparecendo por Pedrafurado personaxes de todo o mundo e algún deles seguro que se namora e queda e outris contarán o vivido... e veremos en que dá a cousa. Nesa festa de aniversario atoparanse mulleres que sendo familia se descoñecñían pero que continúan sendo case iguais e facendo cousas semellantes como pilotar avionetas e aterrar en Pedrafermosa dun xeito accidentado: a nai de Roque é tía e inspiración de Papoula Parasol que continuou a súa vocación. Unha xuntanza de personaxes extraordinarios como Maruxaina, Galatea coas súas alerxias, ameiga Eira que axuda coa preparación da comida e os servizos a modo de deusa de mil brazos, trasnos, o violinista Dimitri... A última folla do caderno m´ostra un pequeno misterio: Exeria de Papaventos atopara o caderno de Roque e foi ela quen o enviou por correo.  O protagonista, quere coñecela e viaxa ao seu encontro, de aí virá a última postal para a casa dos Chisgarabís e unha nova moi interesante, adivíñase?

O carácter de cada un deles (dende os avós aos netos que adoran ao tío) os agasallos que trae Roque pero sobre todo o relato dos lugares que van dende Pericia a Kiboko, de Falaomar a Caldoamerenda, de Abafar á fervenza Pimpante, de Ondeoairedavolta á illa Morna, de Zaragallada á cova da Boca, de Falacia á cidade flotante, dos xardíns de Medradeira ao monumento á Poalla, do tesouro de Chanza Negra a Esmendrelle, Botaporfora, Andarica, Cavapha, da biblioteca do Farallón a Noitepechada e moitos outros.   

Leamos un fragmento: "Daquela festa habíase falar durante décadas. Os convidados estableceron ligazón e moitos deles quedaron algúns días máis para coñecer a vila e hospedáronse en casas veciñas aos Chasgarabís. Ficaron vencellados á cidade para sempre, mandándose cartas, irmandando as súas urbes e visitándose con frecuencia. Cada un ao seu ritmo e ao seu xeito, volveron percorrer o camiño de volta aos seus fogares, pero xa tiñan unha nova saudade no peito e un estraño desexo de volver algún día. Ademais, o avó Gregorio compartía esa saudade dos que quedan e prometeuse ir visitalos nalgunha ocasión."

sábado, 19 de setembro de 2026

De Antía Yáñez: A eiruga rabuda


 

A eiruga rabuda de Antía Yáñez é un libro para primeiras lecturas, de pastas duras, ilustrado por Iván R, e publicado por Xerais. 

Da presentaciçón editorial: "No corazón dun zoo cheo de criaturas sorprendentes, Dorotea, unha eiruga que se sente máis fea ca as demais, espera ansiosa converterse en bolboreta. Pero a metamorfose falla e segue igual ca sempre: sen ás, sen brillo e sen beleza. Coa axuda do rato Arrebato e dunha panda de animais tan raros coma marabillosos, Dorotea atravesa o Insectario, o Acuario e o Terrario, e descobre talentos propios que nunca imaxinara. Cando uns visitantes maleducados comezan a atormentar os seus amigos, a pequena eiruga terá que decidir: agocharse... ou loitar!
Unha aventura irreverente e moi divertida sobre a valentía e a beleza de ser quen es." 

Este é o primeiro libro que escribe para peques porque agora ten un na casa, mellor chamémoslle unha porque llo dedica a Eire, a miña rabudiña "Este foi o primeiro libro que escribín despois de que chegase ás nosas vidas". O desexo de ser guapa, verse diferente ás demais eirugas (a verdade é que é distinta), tal vez por iso non se transforma en bolboreta, tal vez por iso se define como rabuda porque morde a quen fai mal (debíanlle chamar xusticieira). Menuda decepción cando continúa a ser eiruga no medio das bolboretas pero iso non lle impide continuar percorrendo eses mundos e facendo xustiza, castigando a quen se mete cos animais (normalmente son os humanos quen o fai). O libre consiste, tamén no paseo polos diferentes ámbitos (bolboretario, insectario, acuario ou terrario) e, finalmente, a liberacións de todas as súas compañeiras porque as bolboretas deben voar libres, ou non?

As repeticións, o uso da tipografía como medio de expresión, as ilustracións sinxelas e cheas de cor, coa abundancia dos vermellos que tan ben caracterizan a este artista achegan un produto amoroso para compartir e xogar.  

xoves, 17 de setembro de 2026

A lenda de Santoro, a BD dun autor moi novo


A lenda de Santoro, a BD dun autor moi novo Mario Ezequiel Casas Comojo, editado por Mariano Casas Gil.

Así se presenta: " Libro encuadernado en cartoné de 48 páxinas en cor máis cubertas.

Unha aproximación á lenda do minotauro, na que se contan moitas máis cousas sen contalas de todo, en fin, un auténtico "capolavoro". A Lenda de Santoro es unha impresionante ópera prima, máis aínda se vos digo que Mario, o seu autor, fixo o guión, debuxo e entintado con 13 anos, e a cor con 14.

Os debuxos, a historia, a narración, todo lle saiu redondo. É un cómic para gozalo de verdade, sen importar a idade que teña el nin a que teñades vos."

A magnífica relación entre un avó e o seu neto, unha familia formada por eles dous coa nai do rapaz. Tamén están os animais, claro! galiñas e galo, burro, e sobre todo Fénix, o moucho vermello do avó que manteñen en segredo, o xabarín que baixa de cando en vez, a cabra coa que ás veces se confunde o ser mítico, os porcos do veciño e o can que os vixía... Vida rural. Unha lenda. Un minotauro que o avó viu pero que só cren os pequenos da casa (a filla cando escoitaba os seus contos na cama e o neto que agora ten esa idade). Será que o viu ou que algo o confundeu? uns cornos, dúas picadas na barriga do burro e na dun porco, unha foto que fai o moucho e a busca do minotauro. Avó e neto poden velo e moitos anos despois o rapaz feito avó cóntalle a historia ao neto. Semella que a historia se repite, igual que a familia que aparece na foto, igual que esa corrente de afecto entre avó e neto.

Unha magnífica historia. Un personaxe infantil tan amoroso que resulta estraño que o estea a crear un adolescente. A tenrura e o mito.  

martes, 15 de setembro de 2026

Un autor que se estrea

Axencia máxica de vetectives é a primeira obra de J. Santoro Gallego e está ilustrada por Ignacio Hernández. Publícao oqueleo.

Así se presenta:"Preguntácheste algunha vez que lle pasa a unha serea cando se arrefría? Ou a un vampiro se ten unha carie? Ou… a unha elfa se rompe un óso ao caer dunha árbore despois de que a súa nai botase toooooda a tarde dicíndolle que non xogue nas alturas?

Pode que no teu mundo non ocorran estas cousas, pero no Val da Fantasía existe unha axencia máxica, dirixida por unha marabillosa veterinaria, medio detective, chamada Vega Vet. Por ela pasan toda clase de seres fantásticos con problemas do máis disparatado."

Contado en primeira persoa pola protagonista, Bega Vet, que vive no Val da Fantasía onde trasnos, dragóns, bruxas, fantasmas, unicornios, elfos, fadas, sereas, vampiros... conviven felizmente cos humanos e son atendidos (cvando teñen problemas) na Fabulosa clínica para animais fantásticos e axencia de monstros superxeitosos (no seu nome completo). Os asuntos son tan especiais que aparecen capítulos titulados O fantasma visible (como invisibilizalo?). O primeiro caso ao que se enfronta esta nena e o seu axudante Bruno Ventuno vai requerir moito empeño de investigación conpaseo pola  pizzería e o seu baño, a visita á profesora Elinor que lles axuda a atravesar espellos e a análise no laboratorio da axencia (teñen de todo!) onde descubren que o fantasma tomara uns nutrientes bos para a vista e a partir dese momento todos o ven a el, así que toca tomar uns comprimidos antivitamínicos (que tamén llos dá directamente ela (pois ademais de médica é farmacéutica). O vampiro con dor de cairos é o segundo caso que se lles presenta: un vampiro neno con tanto dor de moas que fala co ceta e a súa nai que se transforman en morcegos sempre que queren. O pequeno de douscentos anos (unha nimiedade para un vampiro) que usa chupete e decidiu facerse vexetariano... de aí virá o problema, duns pasteis que lle prepara un amigo nun laboratorio; neste caso van axudar as tías vampiras e xemelgas do pequeno, e todo resolto cuns novos amigos. O terceiro caso é o do pedante mago Rybka que perde a súa maxia porque a vara que herdou ten un problema... haberá que ler o libro para averigualo! pero xa vedes que cantidade de problemas pode resolver a Axencia Máxica de Vetectives.   

O peor é a que a tal Vegavet existe e é unha clínica veterinaria. 

domingo, 13 de setembro de 2026

Un libro de información dende Galaxia

 

Por que comemos? E outras preguntas sobre o pracer e a historia da comida de Xosé Cermeño está publicado en Galaxia, na colección Lanterna de Aristóteles.

Así se presenta: "Comemos porque é unha necesidade biolóxica. Comer é inseparable do feito de estarmos vivos, pero tamén comemos porque nos gusta, e soubemos converter esa necesidade nun pracer.  Ademais, dicimos que a comida é cultura porque forma parte esencial da nosa vida en común. Producir alimentos e compartilos crea vínculos poderosos entre as persoas. Por iso celebramos arredor da mesa os aniversarios, as vodas, as festas, os éxitos académicos e profesionais e os acontecementos importantes da vida. Este libro ábrenos o apetito por buscar en cada prato moito máis que sabores."  

Unha obra de divulgación sobre a comida, cunha bibliografía que nos leva a Xavier Castro cos seus fogóns galegos, a referencias como Cunqueiro, Pardo Bazán, Picadillo (Manuel María Puga y Parga) ou Julio Camba.  

Un libro centrado na comida, nos motivos para comer  e reunirnos ao redor dela, das razóns para comer o que comemos, nos produtos e a súa orixe... pero tamén nos autores e autoras que falaron da gastronomía de Galicia. Para rematar, pregúntase o autor de que falamos cando falamos de comida e que comeremos no futuro. 

Deberiamos dicir que esta colección recolle libros informativos con distintos formatos, algúns deles dirixidos á infancia cunha presentación case de álbum e que representan o que nós agardabamos da persoa do CSIC que dirixía a colección. Outros son libros como este, que tratan unha temática (e que tamén son necesarios) pero que non responden a esa necesidade de libro de coñecemento en galego para que a rapazada entre na temática científica de maneira amena. Non é doada unha colección deste tipo, de aí os vaivéns que teñen tamén as coleccións que foron nacendo desde Xerais. Todos eles produtos imprescindibles (como dicíamos) pero que tememos sexan superados polos de Zahorí CSIC que chegan doutras latitudes. Estes, seguen os postulados de aqueles vellos manuais que nos presentaba Altea nos anos setenta e oitenta e que tanto nos axudaron na escola. Dende a desaparición de A Nosa Terra quedou ese baleiro nos libros de información en galego feitos dende Galicia, que tanto Xerais como Galaxia e Baía van enchendo pero botamos de menos algo máis atractivo e ao alcance dos máis pequenos para que podan ir ampliando da maneira máis atractiva os seus coñecementos. 

mércores, 9 de setembro de 2026

O lago e os medos de Flop

Flop e o lago de Marianne Dubuc é un álbum ilustrado, traducido por Tamara Andrés e publicado por Kalandraka. Preséntase como "a historia dun pequeno coello e dun lago, en cuxas profundidades se agochan moitos segredos, pero tamén unha gran valentía."

Forma parte da colección Demademora a partir de tres anos.  

Hai unha emoción maiúscula, un na que ten sentido pararse e é o medo. Ese que nos salva de riscos pero tamén nos limita non permitindo que cheguemojs a onde poderiamos. Si, no medo ten sentido que afondemos, tal como o fai Flop (o protagonista desta historia). Vai cos irmáns ó lago pero mentres eles se bañan e xogan na auga Flop le e só se atrefve a andar sobre as pedras que sobresaen da auga, non quere nadar, sabe que o lago agacha segredos pero pode caer e non sabe nadar. Nunha ocasión entra no lago (non diremos como) e descobre que pode respirar debaixo da superficie, daquela investiga, descobre unha sombra enorme e tamén que en vez de temela pode ser amable con ela e facerse amigo, descubrir a beleza do mundo subacuático e aplicar a mesma estratexia con todos os seres que poden asustalo... pero isto cóntao dunha maneira ben fermosa con palabras e imaxes.

Será que soñou ou foi real, será que podemos superar todos os medos?    

Teredes que lelo e atopar ese outro ser pequeniño que o acompaña nesa viaxe pola auga e o que significa a sombra da que se fai amigo. Porque nos libros para pequenos tamén hai varias lecturas e todas están ao noso dispor. 

luns, 7 de setembro de 2026

O último Heartstopper da serie?Xerais manteranos ao tanto!


Heartstopper 6. Acaba de aparecer (e imaxino que ao tempo) o volume 6 que se presenta como o último da serie dos mozos Charllie e Nick, dous rapaces que se coñecen no instituto e se namoran, que se fan mozos e (a pesar de que non ser o máis común) continúan séndoo despois de dous anos.  Agora veremos a Charllie presentándose a representande do alumnado, saíndo ganador e facéndoo moi ben. Atoparemos a Nick presentando os seus papeis a varias universidades e vendo que o escollen na primeira. Pero non todo son rosas, os problemas están aí: un pai que case abandona a Nick, o irmán maior que semella seguir os pasos do pai (aínda que o coñece ben e non se deixa enganar), os problemas coas autolesións e a anorexia, os medos a que algo tan bo poda rematar... Aí os temos! A vida de dous rapaces que loitan pola súa saúde e pola dignidade de todos, contra o abuso e a discriminación de calquera tipo de resistencia á diversidade de xénero e sexual. 

Así se presenta: "O volume 6 de «Heartstopper», a entrega final da serie de Alice Oseman, narra o peche da etapa escolar de Nick e Charlie. Enfrontados ao reto da universidade e a distancia, a parella demostra que o seu amor é sincero e forte ante os cambios e o futuro. No instituto, todo o mundo sabe quen son o Nick e o Charlie. E todes saben que continuarán xuntos para sempre. Mais o Charlie está ocupado coa súa candidatura para representante do alumnado. E, mentres o Nick se prepara para marchar á universidade, comeza a preguntarse o que será del... sen o Charlie. Este é o sexto e derradeiro volume da serie best-séller «Heartstopper» con millóns de exemplares vendidos, da autora premiada Alice Oseman." 

Alice Oseman é a autora deste cómic que nos presenta a evolución dunha parella homosexual que se di "cambiou a vida de máis de 20 millóns de persoas, para sempre". Agardamos que se siga lendo e axudando a transformar a sociedade.

O último Heartstopper da serie? Un epílogo, recursos sobre saúde mental (e outros), unha nbota da autora, o playlist de cada un deles dedicado ao outro. Escrito cob linguaxe inclusivo con remate en "e", traducido por Nee Barros e cun aviso de contido na primeira páxina sobre as conversas que imos atopar sobre saúde mental, transtornos da conduta alimentaria e referencias sexuais e unha web da autora para ampliar o contido.

Grazas a Xerais por este esforzo que nos coloca na cabeza de lecturas contemnporáneas e avanzadas!!!! 

domingo, 6 de setembro de 2026

Paula Carballeira en oqueleo

A última novela de Paula Carballeira aparece en oqueleo. Arquivo de voces en casas abandonadas.

Preséntase así: "Cando Navia desaparece, a irmá pequena, Xere, descobre unhas gravacións que demostran o contacto que a maior mantivo co «Outro Mundo». A través deses arquivos, a nena afondará nos sucesos que rodean a inquietante Casa do Alto." 

A irmá pequena (Exeria ou Xere) conta e a maior (Navia) grava. Ela escoita voces, ve pantasmas, vive un pouco aquí e outro pouco alá, viste daquela maneira (de negro e roupa moi ancha), anda triste... A pequena observa e cando desaparece vaina buscar porque ela sabe algo. Como se pode vivir vendo o que ninguén ve, esocitando o que ninguén escoita...? Como se pode resistir tanta dor cando a única alternativa semella ser a psicoloxía e a farmacia?  Coñecemos casos de desaparecidos, de carteis con fotos de persoas ás que se busca, sabemos que non todas aparecen, sabemos que non somos quen de comprender todo o que existe e o misterio visítanos,

Neste caso, Paula, atopa o ton para introducirnos nunha historia na que os espazos en branco, as elipses  e o silencio crean o espazo do misterio, do que non está na nosa capacidade entender e a dúbida de se hai máis mundos que os que habitamos e como funcionan. Unha de pantasmas para ler coa mesma sensación de cando asistes a unha película de medo. "Encher os ocos da historia", di Navia "porque é incrible a nosa capacidade para fabular, para crear ficcións que se volven máis reais canto máis se contan" e porque esas historias poden beber da tradición coma a do Porviso do que fala Sonia que se nos pousa no peito e nos rouba os soños ou as lendas urbanas acerca dos aparecidos que se negan a marchan mentres non se descobre o que hai detrás da súa morte. 

sábado, 5 de setembro de 2026

Premio do II Certame Jaime Olmedo Limeses

Alén e o dragón de Olaia Sendón resultou ganadora do II Certame Jaime Olmedo Limeses.

Da presentación editorial: "Alén nunca imaxinou que a súa vida en Sardiruña agochase nada extraordinario. Pero todo cambia cando un dragón comeza a aparecer nos seus soños e esperta preguntas ás que nin a súa nai, Emma, nin o seu irmán Xoel parecen poder responder. Só Mamamucha, unha enigmática anciá, semella saber máis do que conta. Porque, ás veces, os segredos dunha familia non desaparecen. Simplemente agardan o momento axeitado para regresar."

Dous irmáns, un pai músico que anda en concerto en concerto (e polo tanto desaparecido), unha nai que exerce de traballadora social e aguanta como pode dos adolescentes e a súa fame infinita. Un traballo escolar sobre a familia levará ao pequeno a investigar no faiado, no álbum de fotos e na aldea na que viviu a nai algúns anos. 

A historia, contada en terceira persoa, xira ao redor do menor dos irmáns que comeza a sentir rarezas como visións ou capacidades que se desenvolven a moita velocidade. Unha amiga (a rapaza lista e aventureira que está aparecendo ao lado de moitos protagonistas rapaces neste tempo) que o acompaña máis alá de onde el quere ir e acaba amaestrando galiñas.  Alén semella ir para superheroe e nese camiño ten a Emma disposta a non perder a oportunidade de asistir á transformación. A bisavoa (de máis de cen anos e disposta a todo) vaino entrenar pero o que el quere é entender que é o que lle pasa.  

As preguntas andan polo aire: que teñen de especial os da familia Migallas?, que lle pasa á bisavoa para conservarse así de ben?, por que a nai non quere saber nada da Mamamucha?, de onde saca esta tantos cartos?, como poden transformarse outros animais en dragóns?, por que hai dúas clases de dragóns?, cal é a diferenza entre uns e outros?, que ten en común a nai coa amiga á que chaman tía?, por que non se nos conta case nada dos avós dos rapaces?, por que chove tanto no lugar onde viven?... 

As ilustracións de Víctor Rivas móstrannos uns personaxes, tan ben caracterizados, que nos parece velos pola rúa.