Amosando publicacións coa etiqueta Iván R.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Iván R.. Amosar todas as publicacións

mércores, 12 de marzo de 2025

Poetas na colección "O meu amigo" de Triqueta editora

A colección O meu amigo de Triqueta editora publicou Gloria (Gloria Fuertes) e agora acaba de saír Federico (Federico García Lorca).   

Así o presentan: "Todo o universo de Federico García Lorca nun conto biográfico cargado de chiscadelas á obra e vida do poeta granadino.

A colección “Os meus amigos” recrea a vida ficcionada de grandes escritores e escritoras. O delicado texto de Jesús Castro Yáñez trasládanos á Granada do pequeno Federico cando a chegada dunha compañía de teatro ao seu pobo, anima ao protagonista para montar o seu propio espectáculo. Para iso deberá reunir a diferentes actores e actrices que moitos e moitas recoñeceremos na obra de Federico García Lorca. 

Conmemorando o 125 aniversario do seu nacemento, Jesús Castro Yáñez e Iván R. homenaxean ao autor (esta vez personaxe) e todo o seu universo poético. Unha historia con dobre lectura, un achegamento á obra e vida de Federico aos máis pequenos e, por outro, unha homenaxe ao universo lorquiano para os máis esixentes."

Unha boa edición na que imaxe e texto acadan unha gran altura, dende a sinxeleza iconográfica á profundidade e as lecturas varias da narración. Lorca entra no volume con todo o seu mundo!!!

luns, 24 de febreiro de 2025

Novidades de Xerais

Carrilanas bestiais de Esteban Souto está publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Unha carreira de carrilanas enfronta a dous grupos de mozos e mozas. Quen gañará?" Na sino`se: "Vacacións de verán na aldea e unha carreira de carrilanas. Ten boa pinta. Pero cando hai dous grupos de mozos e mozas enfrontados, e aparecen sospeitas de sabotaxe, das risas pasamos aos berros. E dos berros ás risas. Quen gañará a carreira?"

Detrás desa historia hai outra que é do máis interesante.

Un cómic para lectorado autónomo!

Maios e desmaios de Ramón D. Veiga e Iván R. un libro moi ilustrado de Xerais

Da presentación editorial: "Un libro sobre a festa dos Maios apto para persoas alérxicas ao pole".Da sinopse: "Na vila onde todas as nenas e nenos teñen nome de flor pasan o ano enteiro esperando a primavera, e danlle a benvida celebrando a festa dos Maios. Grazas a un programa de televisión, coñecen a Toxina, unha nena alérxica ao pole que vive nunha fraga onde festexa os Maios dun xeito un tanto particular. Quen gañará este ano o premio ao maio máis orixinal?"

No estilo propio de Iván R., cores e máis cores para traernos a festa dos maios e un problema que non aparece tanto nos libros para rapazada: as alerxias. Que mellor lugar para tratalas que unha festa de maio chea de flores e pole? Pois diso vai, dunha nena que ha de vivir na fraga de Toxina e celebra a festa dos desmaios. A fraga de Toxina non ten cores, aí todo sucede en negro e azul (como se foxse noite), din que Toxina é un pouco bruxa porque fai apócemas que bota na terra para que non abrollen as plantas nin florezan, ten que controlar a natureza para non atopar pole ao que é alérxica. Os desmaios son coma os maios pero con flores murchas e follas secas que non lle fan mal á nena. Unha nena da vila consegue saber desta historia por un programa de televisión e ponse en contacto con Toxina, fanse amigos por correo electrónico. Mentres isto sucede, unha abella que andaba polas flores dos toxos (a única á que se acostumou Toxina e non lle fai dano) picoulle e así acabou coa súa alerxia. Por iso vai poder viaxar para celebrar con eles aos maios, levou un desmaio que resultou gañador e eles decidiron facerlle un rabiño para que o coloque encima do N do seu nome, así en vez de Toxina será Toxiña.

Cantan a cantiga, feita para a ocasión, e despídense.

Ao final, rematada a historia aparecen os títulos de Veiga relacionados coas festas tradicionais galegas: É tempo de entroido!, Non pare a festa, Meigas fóra, Violeta quere ser vampiro e Maios e desmaios.   

martes, 21 de marzo de 2023

DÍA DA POESÍA... Premio Arume de poesía para a infancia

O premio Arume reaparecu en 2021, convocado pola Fundación Neira Vilas e GALIX e patrocinado por Deleite (ese leite que alimenta a nosa cultura, a nosa lingua, o noso país). 

Entregouse ex aequo a Violeta Parapluie e ouras historias de xente pouco corriente e A flor da letra. O primeiro deles é un poemario canalla que bebe nas fontes do escatolóxico, o politicmaente incorrecto e a provocación. Unha mademoiselle que viste elegantemente e camiña cun paraugas vese convertida nunha moza gótica cando lle cae un raio e a partir de aí vai camiñar cun pararraios, o rapaz Martiño tan temesiño que pensa que os veciños son fantasmas porque ve moitas sábanas colgadas cando está nun hotel, Guillerme que descobre que adora comer vermes despois de ter tragado un nunha castaña, Carmiña é unha rapaza a quen meten en auga moit quente para quitarlle a tiña e encolle tanto que a partir daquela lévana como a un chihuahua con correa, Andrea empeñada en facerse serea para o que merca un peixe ben grande e contrata un cirurxián e unha costureira pero non sabía nadar, Tara e Mara as irmás siamesas que compartían o corpo pero discuten tanto que lles cortan unha das cabezas e a que queda chamarase TaMara, Mariana Porcallana lava os dentes entres caga... e un sin fin de personaxes inesperados. Ao final, queda un espazo para que a lectora ou lector escriba o seu. Da autoría de Ramón D. Veiga está ilustrado por Iván R.

O outro poemario é A flor da letra. Estampa de lectura, con percusión, para nenas e nenos de Manuel López Rodríguez ilustrado por Nuria Díaz. Un monllo de poemas plenos de ritmo e repeticións que pretende ser unha homenaxe a outros poetas (Xela Arias, Lois Pereiro, Luz -non sabemos cal delas porque non achega os datos suficientes para recoñecela agás cando o nome é case irrepetible-, Uxío, Rosalía, Eusebio Lorenzo Baleirón, Xohana Torres, Celso, Pura Vázquez, Dora Vázquez, Manuel Antonio, María, Luís...  e un xogo de canto e baile.  Unha pena non telo traballado un pouco máis e que ademais do ritmo puidera ser unha porta de entrada á poesía de cada un deles.

Ambos libros son publicados por Embora.