Sempre nos preocupou saber a razón pola que temos que durmir e xa non digamos, saber como dormen os diferentes animais, como o fan cando andan atravesando océanos, cando corren perigo, cando voan ou nadan, cando pasan o inverno durmindo... Pois ben, agora temos o libro que nos resolve todas as dúbidas. O seu título é O sono animal, está escrito por Silvia Lazzaribo Binelli e ilustrado por María José Arce Letelier; a tradución ao galego é de Iago Nicolás e publicado por Kaladraka.
Preséntase así: "Un libro informativo rigoroso e sorprendente para descubrir as curiosas e variadas formas de durmir que se dan na natureza. En “O sono animal” poderás coñecer as insospeitadas formas de descanso de máis dunha trintena de animais, tan diversas como a mesma natureza. Un paxaro que apaga a metade do cerebro mentres voa, unha mosca que adormece sobre a súa flor favorita e un peixe que se recosta na súa cama de burbullas... Uns dormen escasos minutos, mentres que outros o fan durante longas tempadas. A algúns gústalles permanecer enterrados e, a outros, apiñados no alto dunha árbore para que os depredadores non os alcancen. Unha obra cuxo minucioso contido científico se complementa cunhas elocuentes e detalladas ilustracións a acuarela".