Un ewok no xardín é o último premio Edebé de Literatura xuvenil. Trátase dun libro de Pedro Ramos, un autor que pasou por múltiples traballos pois semella que todo lle ten interese. Hai algo na súa biografía que non me cadra, cando afirma ser o único profesor de escritura creativa en Galicia cando outros e outras se lle tiñan adiantado e andan polos camiños de universidades, asociacións, bibliotecas e demais, sen parada. Seguirán facéndoo mentres a xente non se decida a probar con chatgpt.
Así se presenta: "Zoe, preocupada pola actitude de David, o seu irmán pequeno, escríbelle
correos electrónicos para tentar sacalo do buraco de escuridade no que
está afundido. A David, de dezaseis anos, cústalle atopar motivos para
seguir vivindo. Durante un día enteiro, o encontro cun home que se
describe como tolo, que cre que ten un ewok no xardín, levarao por
camiños inesperados." Pero non é suficiente, David está moi mal e o pantasma do suicidio dá voltas ao seu arredor, semella que non hai nada ao que agarrarse... a situación familiar non axuda e os listados de razóns para permanecer vivos... igual tampouco, Berlín está lonxe. Dende alí, Zoe escribe mensaxes de móbil, David escribe unha especie de diario no que nun momento determinado plasma: "As feridas que se abren e non cerran non se poden converter en cicatrices" ou remata "Agora calquera pode ler a miña historia, pero o meu corazón, só o teño eu. Podemos pensar o mesmo, pero non sentilo." Eses dous tipos de texto complétanse cuns listados de cousas polas que vale a pena seguir vivo. Valerá de algo?
Ningún comentario:
Publicar un comentario