domingo, 2 de xullo de 2023

Unha novela a partir dos 11 anos

 

A memoria dos pingüíns é a última entrega de Xavier Estévez, un autor que acostuma escribir para lectorado autónomo. Neste caso, dálle voz a un rapaz de catro, Aldán, que nos conta como ve o mundo, ese universo que anda a descubrir e que interpreta como pode, á súa maneira. O autor crea unha magníficas metáforas que nos sorprenden pola súa orixinalidade enriquecendo así unha linguaxe que busca ser literaria máis alá de producirnos comicidade ou identificación con ese pequeno que dan ganas de adoptar, outra voz será a dun adolescente que anda a namorarse e a dun narrador omnisciente. Tres voces para un relato: a amizade de dous pequenos (ela con síndrome de Down que resolve a maior parte da súa comunicación coa palabra "pingüín") e dous adolescentes que descobren a amizade e o amor, pero tamén a de dous vellos que se recuperan despois dun accidente. Si, o libro vai de amizade e de como ese valor en alza non pode perderse porque é a mellor vacina contra os virus da vida diaria. Cando te distancias da media, cando a situación familiar se fai imposible, cando a soidade morde... a amizade cura. No medio de toda esa historia, un acontecemento atroz cun incendio que ademais de rematar cun bosque pode facelo coa vida dun par de rapaciños, pero ás veces, cando máis abaixo estamos, decidimos erguernos e con nós podemos salvar a outros. Diso se trata, de rescatarnos, rescatalos, rescatar a natureza, salvar o noso mundo.

As ilustracións de Carlos Gallego xogan entre o clasicismo e un certo impresionismo ou suave informalismo nos fondos. Creo que vos van gustar porque fan unha achega interesante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario