Amosando publicacións coa etiqueta narrativa infantil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta narrativa infantil. Amosar todas as publicacións

xoves, 11 de xuño de 2026

Un novo título de... Xelís de Toro

Un novo título de... Xelís de Toro: A zapateira mecánica, acaba de ser publicado na colección Merlín por Xerais para lectorado a partir de sete anos.

Unha fábrica que funcionou ao longo de séculos, un edificio que mostra os cambios nos estilos artísticos e na fasquía marabillosa dunha obra única. Os tempos que nos obrigan a cambiar o rumbo das empresas e os traballos dos seus operarios e o encontro cunha solución que xorde de maneira imprevista porque no medio do caos hai orde, porque case sempre é posible atopar unha saída creativa. Porque esa rapaza sempre foi moi imaxinativa e inventora como demostra esa gorra con "Mecánica profesional, non interrompan" ou "Preguiceira alsoluta, non molestes" e vaino demostrar, tamén agora transformando unha fábrica de vehículos en zapatos. A nostalxia que leva aos traballadores a non abandonar a fábrica, a volver ás agachadas ata para xogar ao tute, coidar o xardín, facer tortas de mazá,  O bo empresario que cando pecha o seu negocio se encarga de buscarlle a cada empregado un futuro.

Así se presenta: "A Lucía sempre lle gustaron as chaves inglesas, a graxa e os motores, pero, de repente, a fábrica onde traballa como mecánica pecha e decide aceptar un traballo que nunca imaxinou: aprendiza de zapateira. Co seu enxeño, os zapatos do barrio comezan a facer cousas extraordinarias. A xente amoréase para conseguir cita con Lucía, e esta convértese, sen pretendelo, na mellor zapateira... mecánica! Entre tortas de mazá e festas secretas cos compañeiros na antiga fábrica, Lucía descobre que, ás veces, os cambios traen sorpresas inesperadas. Unha historia de superación, chea de humor, enxeño e compañeirismo. 

Co optimismo, a imaxinación e o bo facer deste autor, unha nova obra para rapazada.

xoves, 7 de maio de 2026

Un novo libro de Antela editorial


Lis e o Bosque das Sombras de Clara Artiaga está publicado por Antela editorial.  Entre o álbum, o cómic e narración, un produto que innova e non deixa indiferente. Unha nena, unha voz interior que critica coma Pepito Grillo non permitíndolle que se conforme co que logra pero alguén lle mostrará que o camiño consiste en non esquecer os soños. 

Preséntase así: "Lis quere ser cabaleira, afouta coma a das lendas. Acompañada do seu amigo Bigotes, internarase no Bosque das Sombras en busca de aventuras. Mais a realidade pode ser máis complexa e difícil do que ela imaxinaba. Conseguirá vencer todos os perigos?" 

Porque a lenda fala dunha cabaleira valente que protexeu o reino do mal ao longo de centos de anos, pero desapareceu un día sen deixar rastro. Lis quere ser coma ela, unha cabaleira andante, tal como contan os xograres que pasan pola vila. Ela prepárase, sempre acompañada polo seu amigo e fiel escudeiro Bigotes. Con el intérnase no Bosque das Sombras, ese lugar do que non volvía ninguén. Alí atópase na casa da bruxa que engana aos nenos coas ricas tortas e os converte en ananiños; ela tanpouco se salva, pero o anel da bruxa racha cando o ratiño lle morde o dedo e todo desaparece... Semella que o que logrou non foi un bo final así que continúan a aventura, agora con Lis montada no rato Bigotes e atopan un novo desafío no sotobosque por onde agora se moven debido ao tamaño da pequena. Alí, as flores choran porque unha avelaíña bruxa, nai das flores non as deixa medrar e só se mira no espello. Ofrécese a volver a Lis ao seu tamaño e poder saír do bosque se lle trae luz de lúa. Lis recolle as bágoas das flores e baixo a luz da lúa entrégallas á Dama Avelaíña. Daquela vaille pedir o desexo que lle prometeu no trato que fixeron, terá que deixar que as flores medren e florezan cando queiran e terá que escoitalas. De novo, todo acaba no cabreo da nai que berra e berra. Unha voz na cabeciña de Lis vaina acusando de non conseguir realizar fazañas... Tócalle seguir e seguir tentándoo sen conseguir calar esa voz acusadora nin sentirse satisfeita, ata que unha noite esperta escoitando á Cabaleira das Lendas. Que pasará?

Unhas imaxes moi atractivas e acaídas a queles tempos de cabaleiras/os e bruxas, de bosques enmeigados e aventuras míticas. Nalgún momento, semella que a elipse resulta algo difícil, ou se non é a elipse é a pouco información sobre determinados pasos, pero todo se amaña para quen le con gusto e atención, que é do que se trata.  

xoves, 26 de febreiro de 2026

Nova entrega da serie Curriño

Curriño. Salchichas picantes de Ledicia Costas dálle continuidade á serie de Curriño, o can que pasa mil vicisitudes. Despois de Curriño.  O can influencer e Curriño. Benvido ao equipo aos que nos temos referido neste blog.  Faltaría aí Fama ou fuga. 

Da presentación editorial: "Un novo título da saga infantil de Ledicia Costas, protagonizada por Curriño: o can influencer máis famoso de internet. A vida no parque é xenial... ata que alguén decide deixar trampas para cans. Gordon come unha salchicha envelenada e Curriño e a súa cuadrilla póñense a investigar para descubrir quen está detrás do terrible acto, mentres adoptan un gato que quere ser can. Quen odia tanto os cans como para envelenalos? Curriño e os seus amigos darán localizado o culpable? E o máis importante: a vida de Gordon corre perigo. Logrará recuperarse?" 

Esa cría de gato que se achega á panda de cans pedindo que o adopten e tenta parecerse a el, en todo. Comicidade desa relación que os leva a chamarlle Guau por non poñerlle Gaticán.  Medo, o que sinte Curriño cando descobre quen anda polo parque e o que pretende. Bondade, a da muller que lles axuda a curar a Gordon despois do envelenamente e lles fai unha proposta moi a ter en conta ao final... Unha historia que camiña con moitos ingredientes que pasan polas diferentes personalidades de cada personaxe, polas intervencións de Superferolítica, o parásito ao que lle sobra sentido material, como corresponde a alguén da súa condición. Esa maneira de levarse ben a pesar das diferenzas e incluso dos intereses de cada un deles... A crítica ao mundo dos influencers e as súas mañas. A crueldade infantil (que tamén existe) e a inocencia dos adultos que non caen na conta de con quen conviven e o que permiten por andar cegos de afecto. Unha lectura doada e rápida que pon no centro da historia o mundo animal, tal como facía María Victoria Moreno e fai Eva Mejuto.  

Animais si, mascotas si pero con condicións! 

mércores, 25 de febreiro de 2026

Secuelas, series... Mariña e o balón

Despois de Mariña e o balón, aparece un título que lle dá continuidade: Mariña e o balón. O primeiro gol. Pere Tobaruela dálle continuidade á historia anterior. Daquela levaba incorporada a reivindicación da nena que quere xogar fútbol e ha de enfrontarse aos compañeiros de patio, neste caso a opción é dar por resolto o problema e simplemente xogar poñendo en evidencia outros valores tamén necesarios.  

Da presentación editorial:  "Mariña é unha namorada do fútbol e da poesía. Despois dalgunhas dúbidas, por fin decide anotarse no equipo de fútbol feminino da vila coas súas mellores amigas. Empezan os adestramentos e elas pásano de marabilla practicando o seu deporte favorito. Cando se achega o primeiro partido, Mariña relouca por demostrar o moito que aprendeu e por axudar as compañeiras a marcar gol. Unha historia inspiradora sobre superación, traballo en equipo e o poder da amizade. Unha historia de superación, paixón polo deporte e o amor pola poesía e a forza da amizade verdadeira."

Como non todo poden ser boas novas, polo medio hai un accidente que ten çá protagonista da historia retirada do deporte un tempo que é  frutífero porque eses días ela anima ás compañeiras, apoiaas para que collan seguridade, Cando volve ha de facelo con tino, só xogará uns minutos ao final do partido pero é suficiente para que meta ese primeiro gol do seu equipo.

Certamente trátase dunha historia de superación e de sororidade. Unha historia positiva  e dá gusto na que o gusto polo deporte ten un papel central  e dá gusto ver esas rapaces felices dándolle ao balón, axudándose unhas a outras, recoñecéndose e divertíndose.

Seguramente teremos ocasión para continuar sabendo de Mariña e as súas amigas.

Nestes casos chama a atenicón o camnbio de ilustrador, neste caso faise cargo das imaxes Irene Sanjuán, peor igual que pasa ás veces coas presentadoras dos programas de televisión ou radio, acabámonos acostumando e gústannos. De todas maneiras, igual tiña sentido fidelizar tamén ás persoas que ilustran.  

mércores, 3 de decembro de 2025

Unha autora de libros para adultos e mocidade que incursiona na infantil

Elena Gallego Abad acaba de publicar O libro de Borboligón na colección Merlín de Xerais, con ilustracións de Chus Rojo.

Da presentación editorial: "Chega a Hora do Conto. A Elba gústanlle os Contos de Felices Soños que lle le o seu pai antes de durmir e os Contos dos Domingos que relata a avoa Merliña na vella biblioteca. Cando chega o Nadal, pide como regalo de Reis «O libro de Borboligón», que garda todos os contos do mundo. O que ninguén imaxina, é que Elba pode acabar atrapada nas súas páxinas, convertida nun personaxe máis, entre princesas, dinosauros, piratas ou bruxas. Había unha vez... Unha aventura sorprendente que che fará crer na maxia dos contos e da lectura." Porque "Había unha vez un Conto Nunca Contado, escrito con Letras Simpáticas nun Libro Máxico..."

O poder dos contos. Os momentos felices cando entre a criatura e o libro se moven os afectos nun camiño de ida e volta. As persoas adultas prestando toda a atención ás crianzas léndolle ou contando directamente o que nace da imaxinación. A nena di personaxes e a avoa crea o conto. A aprendizaxe das palabras para facerse co mundo. Os Reis Magos cumprindo desexos (cando se merecen). Aqueles outros agasallos que crean problemas en vez de resolvelos, ese excesos de xoguetes cos que fan que xogan para non defraudar pero que só serven para dicirlles aos demais que os queren moito (porque moito gastan neles) pero que maldito o interese que lle teñen. Porque a maxia está na poesía non na manufactura. E andando o conto aparecea tinta simpática, a dos espías e nenos con segredos, o poder do limón máis alá de achegarnos vitamina c. Gardiá de biblioteca e dos contos, persoas que ao mergullarse nunha historia queda dentro porque tanto poden facerse reais os personaxes como converterse en personaxes as persoas reais, contos de contos nos que aparecen os personaxes doutros, príncipes e princesas, armarios dos que sae xente, portas máxicas, pradarías de trevos de boa sorte, cousas que aparecen de verdade cando as pintas... quen son as Medras para as que quedan a roupa e os zapatos que nos son grandes? que pasa cando o tempo se parou nun instante mentres as aventuras corren e corren e todo vai semellar un soño?

Avoas e netas compartindo historias e libros, segredos que non poden contarse...   

sábado, 20 de setembro de 2025

Vai de enigmas

O enigma de Sempreviva de Andrea Maceiras está ilustrado por Sara Porras e publicado na colección Sopa de Libros de Xerais.

Da presentación editorial:"Senda múdase cos pais á pequena aldea de Sempreviva. O matrimonio de biólogos vai estudar a zona porque está tan contaminada que non medra nada en toda a contorna. A nena queda moito tempo soa na vella escola onde viven, coa única compaña de Sentinela, a súa asistente virtual. Un día decátase de que no patio agromou un pequeno brote verde. Decide facerse cargo del e así atopará unha caixa con obxectos que pertenceron a un neno chamado Olmo. Se cadra neles se atope a resposta ao enigma de Sempreviva."

En primeira persoa vainos contando Senda a historia. Son moitas horas de soidade acompañada unicamente pola asistente persoal virtual e unicamente cun par de visitas ás dúas casas veciñas nas que queda alguén habitándoas. A terra está vermella, todo contaminado, nin gota de auga se pode utilizar nin a terra se pode cultivar. A caixa dos tesouros levaraa a Olmo (o neno que homenaxea ao personaxe da gran película de Bertolucci, Novecento. Porque houbo un tempo no que as persoas recibían o nome das flores e logo pasouse a poñerlle o das árbores

As conversas soa asistenta virtual son ben interesantes e acaídas, moitas veces rimadas e cunha intelixencia artificial incipiente. A distribución dos roles tende a unha visión moi actual. A ecoloxía está moi presente pois todo este desastre parte do aproveitamento das minas (como se puidésemos ver Touro e outros lugares da nosa terra nos que se vai recomezar a explotación, esquecendo todo o que sabemos). O pasado representado pola avoa que foi mestra, unha boa mestra nesta aldea.  Como se pode chamar Sempreviva unha aldea na que apenas hai seres vivos? Ademais, en Sempreviva os pais non querían que se relacionase con humanos... De milagre, atopa un pequeno brote no xardín, unha plantiña de xirasol, e tamén unha caixa de galletas co tesouro dun rapaz, que xa non o é. O vello e Sentin ela cóntanse chistes, pero o vello tamén lle vai contar tres historias á nena: cada unha delas baseada nun dos obxectos da caixa e unha das persoas que o marcaron: o avó e os prismáticos para concluír que hai xente que está lonxe de ti e preto ao tempo, a historia da súa avoa que foi a mestra e amiga de Olmo e lle ensinou que hai xente que pasa pola nosa vida sen poder ficar ao noso lado pero compartindo a esperanza e para rematar contoulle a historia da súa muller xirasol que o enchía de luz e do seu fillo que é como a semente porque leva consigo a paixón. Olmo é o único amigo que Senda ten en Sempreviva igual que para el o fora a súa avoa. No seu último conto explícalle como a razón dos nomes da aldea e dos habitantes respondía á esperanza. O avó tivera á raposa igual que o Principiño, Persoas anteollos, xirasol, semente e semprevivas. 

A homenaxe ao Principiño e a Charlie e a fábrica de chocolate, esa alegoría que vai definindo ás persoas polo que significan para os demais, a necesidade de coidar da terra e das persoas, esa aprendizaxe da soidade e dos tesouros que gardamos dun tempo para outro e dunhas persoas para outras... fan desta unha novela especial que vén co premio Vila d´Ibi.  

luns, 2 de xuño de 2025

Un novo libro de Anxo Fariña

A Escola Robot con texto e ilustracións de Anxo Fariña está publicado na colección Merlín de Xerais.

Así se presenta: "Que pasaría se un día a famosa corporación Piña te convida a estudar na misteriosa Escola Robot? E se a escola está nunha illa móbil? Pódese crear un robot con forma de gato? Existen as pantasmas con calzóns de cocos? Pode unha nena que está nun hospital ir á clase a través do seu avatar robótico? Que lle pasa a unha caixa cando vai ao ximnasio? Farase... Mmm... caixa forte? Moitas preguntas sen resposta! Terás que ler este libro para descubrir todo iso e máis! Unha divertida aventura tecnolóxica contra o Robot Maligno, que pon en valor a amizade, o traballo en equipo e a importancia da ecoloxía." 

E realmente así resulta. Robots que contan chistes, rapaces que se converten en especialistas en programación, un loita entre o ben e o mal na que participan uns e outros, rapaces e rapazas cada un deles coa súa personalidade particular, profesorado con nome de froita e características ben especiais... Un novo mundo creado por Anxo Fariña no que recoñecemos as claves do seu imaxinario.

venres, 4 de abril de 2025

Dúas traducións: BD e narrativa

En camiño de José Ángel Ares e Paco Hernández, unha banda deseñada traducida por Isabel Soto está publicado por Galaxia.

Así se presenta: "Emma, unha debuxante de cómics na trintena, acaba de romper coa súa parella e, guiada por un impulso, preséntase en Roncesvalles coa mirada fixa en Santiago de Compostela.
Co paso dos días -e acompañada dalgunha que outra bocha inesperada-, irá decatándose de que o camiño que percorre achégaa e afástaa de todos os que a rodean, que o peso da mochila non só o enchen os vinte quilos de roupa e as dúas tixolas que leva, e que o que cría que sería simplemente poñerse a andar e botar quilómetros ao lombo, converterase en toda unha aprendizaxe, non só pola xente que cruzará no traxecto, senón por todo o que descubrirá sobre ela mesma."

O camiño de Santiago realizado por unha autora de banda deseñada e contado por dous autores. Semella o resultado dunha experiencia de facer ese camiño, de encontrar a xente que acostuma facelo e de contar as cousas que poden pasar, o percorrido cos debuxos dos lugares polos que se pasa, as arquitecturas... Eses encontros coa xente en crise, cos persoanxes que seguramente se repiten, as situacións ou as conversas. Vidas en contacto nun camiño que desemboca nunha das cidades máis fermosas do mundo, ou nun pobo da costa que foi o fin da Terra nos tempos antigos. Toda a maxia envolvendo un relato.  

Tres contos para nenas malas de José Ovejero ilustrado por Miguel Robledo e traducido por Mariña González e  publicado por Aire editora.

Da presentación editorial: "Este libro recolle tres contos que lle dan a volta por completo ao sentido da tradición. As nenas protagonistas demostran grande enxeño e valentía para esquivar os problemas que lles pon diante a vida. O texto de José Ovejero e as ilustracións de Miguel Robledo lévannos a un universo cheo de humor e crítica social sobre temas como o patriarcado, a monarquía ou o capitalismo. Unha delicia pequena que se desfruta ao grande."

"O señor Crocodilo e a nena negra" conta a historia dese crocodilo chorón ao que escoita o paxaro dentista sen pode facer nada, por medo a que o trague coma ao avó, mentres se alimenta limpándolle os dentes. O crocodilo tenta enganar á nena negra que vai mexar á beira do río pero sae burlado.

"Conto da leiteira e o cántaro de leite" fala da diferenza de trato entre a nena e o neno, peor tamén da ahabilidade desta para saír vitoriosa da proba á que é sometida. Ir vender un cántaro de leite ó mercado, ir negociando polo camiño de forma que vai mercando diferentes animais por unha porcentaxe do que vai ganar co leite e acabar realizando unha caridade á cota dos demais...

"O sapo é un príncipe e viceversa". Cando a nena atopa o sapo que lle pide o bico acostumado, ela non se fía e esta é esa historia.

sábado, 1 de febreiro de 2025

Unha historia sobre a sombra e o imitador

Os imitadores de Alberto Hontoria Maceín está ilustrado por Nuria Díaz e publicado por Hércules de Ediciones.

Así se presenta: "Os imitadores é un conto infantil protagonizado por sombras. Invertindo a relación entre as sombras e os corpos que as proxectan, a obra presenta un universo no que as sombras son os seres autónomos e pensantes, mentres que as persoas non son máis que os seus reflexos. Tanto é así que «imitadores» é o nome co que as sombras chaman aos humanos, pois, desde o punto de vista das sombras, os humanos son esas criaturas que están sempre o seu lado copiando cada cousa que fan."

No mundo das sombras cren que non poden separarse do imitadores. Só un par de sombras se van atrever a loitar contra esta limitación. Un vello que marchou hai oitos anos buscando fuxir do seu imitador e unha nena que o fai agora. Ela, igual que todos os demais, escoitou dende sempre a historia de Apagón desaparecido nunha caverna escapando do imitador. O certo é que "Na escuridade somos libres. Ninguén nos molesta. Ninguén entra no noso mundo fabulosamente negro. A luz é a nosa inimiga. Cando sae o sol, con el espertan os imitadores, que non nos deixan en paz ata o solpor. Na escuridade somos libres. Por iso adoramos a noite"; por iso, Eclipse fuxe seguindo o camiño de Apagón e nesa viaxe fará a descuberta que o lector xa coñece: quen é realmente a copia. De todas formas, a dúbida está en se contarllo ás sombras ou non, porque saber a verdade pode ser motivo de tristeza e temor... Só atopan a verdade os valentes, as que non se conforman co que lles din, as que precisan descubrilo todo en primeira persoa. 

Prohibicións inventadas para facer felices aos pobos, mentiras creadas para "os menores" poque consideraos que non están preparadas para aceptar a verdade. 

E, ao final, unha verdade que pode convencer, porque tampouco son tan pouco importantes as sombras... agora toca que o lectorado o descubra e poda asistir a esa imaxe final que reconforta. 

domingo, 15 de setembro de 2024

Narrativa con protagoista xitana

Como escorrentar un lobo de Antonio M. Fraga está publicado en Cuarto de inverno con ilustracións de María Brenn.

Preséntase así: "Ano 1944. Nunha Polonia ocupada polos nazis, Noncia rescata dúas crianzas xudeas do seu tráxico destino e agóchaas na súa casa. Para as axudar a combater o medo, relátalles unha incrible aventura que viviu na súa infancia, cando percorría os camiños acompañando o tabor xitano ao que pertencía. A historia trasládaos ao corazón do misterioso bosque de Białowieża, onde a familia de Noncia, tras extraviarse no medio dunha treboada, chega á vila secreta de Polana Wilków, o fogar dos Neuri. Alí coñecerá as distintas criaturas fantásticas que se agochan no bosque e aprenderá a mirar o medo cara a cara. 

Como escorrentar un lobo é unha aventura chea de misterios co arrecendo das lendas contadas baixo a luz dunha candea."

No medio do horror hai que facerlle fronte ao medo, pode ser aos nazis ou aos lobos, sempre está aí. E como di Nuncia: o medo pode axudarnos a sobrevivir, pero non podemos deixarlle que nos trabe, haino que irar aos ollos coma se fose un lobo que quixeses escorrentar, porque lle podes ter medo a algo que está no medio da xente ou ao que está no máis profundo do bosque. Diso vai a historia, de fuxir do medo aos fascistas contando unha historia que nos sitúa ante o misterio, os pobos descoñecidos, as nenaspaxaro, os lobishomes que poden comernos, os meigos que poden transformarnos en árbores e o poder da amizade, a solidariedade entre as vellas e as nenas, o amor polo outro e a necesidade de atopar a alguén que nos axude a levar a soidade. Dúas nenas que se axudan, uns pais aos que perden os seus intereses, o perigo de quedar sós no medio do bosque, unha vella disposta a sacrificarse para axudar. Seres que teñen parte vexetal ou animal. Unha historia na que o mundo xitano sae ao encontro.    

domingo, 26 de maio de 2024

Outra entrega da Señorita Buble

Unha nova entrega desta serie de Ledicia Costas que tanto gusta ao lectorado autónomo. A señorita Buble. Deus salve as raíñas está publicado por Xerais e ambientado na corte británica ata na presentación da autora e ilustrador (Andrés Meixide).

Así se presenta: "A señorita Bubble recibe unha carta de Isabel II e ten que viaxar de inmediato ao Palacio de Buckingham. A raíña está en problemas: hai unha invasión de ratas na cidade de Londres. Conseguiron entrar no palacio e roubaron unha das pezas máis valiosas da colección de Isabel II. Os roedores actúan baixo as ordes de Jack White, un cazador de ratas que conseguiu adestralas coa intención de dominar o Reino Unido. A inventora vai ter que despregar todo o seu enxeño para recuperar a peza roubada e tamén para que a paz regrese a Londres. Mais non o vai ter nada doado."

Non, volver a Londres é reencontrar o pasado, ese "accidente" no que perdeu un ollo e un brazo, ese irmán que non é amigo... pero tamén a raíña e a xente que traballa no pazo, o laboratorio que sempre foi dela, a presenza da raíña dos británicos recentemente falecida... Están as ratas e todo ese mundo ao redor delas. Está o respecto por todos os seres vivos que sente a señorita Buble e o seu fillo Vincent (ese neno feliz que forma unha familia perfecta con Buble), están os inventos e as solucións que sempre estiveron a man. Unha nova aventura que non vai defraudar a ninguén, porque nela recobramos esa atmosfera que para nós creou Ledicia Costas, ese universo no que a bondade loita por seguir viva.

As ilustracións de Andrés Meixide cumpren marabillosamente ese papel acompañante, ese complemento que alimenta a historia.

mércores, 1 de maio de 2024

De Pepablo Patinho e Dani Padrón

De Pepablo Patinho e Dani Padrón é o libro Receitas para cociñar o ar, publicado por Embora.

Así se presenta: "A miña avoa tamén era unha meiga. Ela lía moitísimo máis ca min. Tiña libros por toda a casa; andeis, caixóns, arquetas...; habíaos baixo da cama e incluso na cociña! Alí tiña libros nun
alzadeiro cheos de feixes de herbas que recendían a marabilla. E foi alí onde, precisamente, lin o primeiro libro que me transformou: Receitas para cociñar o ar." Un feixe de relatos que teñen como decorado de fondo a natureza, unha mirada distinta na que as meigas nos acompañan da forma máis natural, onde a referencia aos libros de fadas producen risa pero non así aos de aventuras como A illa do tesouro ou Moby Dick, onde a aprendizaxe nos sae ao encontro porque non é o mesmo a necesidade de auga e a sede; porque os camiños están vivos, teñen séculos, son compartidos con outros seres -e outros tempos- e deben nacer naturalmente; porque cando encontras ecoloxistas descobres que somos parte da vida que nos rodea e sabemos que esa vida é tamén a nosa, porque o mellor alimento é o ar; tamén descubrimos a diferenza entre unha mestra e unha boa mestra, o valor das historias que nos contamos, a razón polas que as fragas non teñen portas e as árbores teñen pastores...

Coñeciamos este autor a través do teatro:  ...3, 2, 1..., Nana para un soldado, a poesía de Lúa ou O saltón astronauta.

domingo, 28 de abril de 2024

As Sentinelas do Silencio (e outras obras) de Beatriz Maceda

As Sentinelas do Silencio de Beatriz Maceda, ilustrado por Laura Veleiro está publicado por Xerais na colección Merlín.

Así se presenta: "Iria ten que deixar a cidade onde vive, as súas amigas, o colexio, a praia das tardes do verán... para mudarse cos seus pais ao campo, a un lugar chamado Malvela. Alí a súa vida semella perder todo o sentido. Mais, pouco a pouco, irá coñecendo unha comunidade de persoas especiais que, dotadas de cadanseu don, van ensinarlle outra maneira de estar no mundo, moito máis consciente. Todas elas teñen en común unha curiosa característica: calzan un zapato de distinta cor en cada pé. Iria descubrirá que ese distintivo é o que identifica os membros dunha sociedade creada en Malvela: «As sentinelas do silencio».
Unha emotiva novela ecoloxista; un canto á natureza e á defensa do medio rural."

O paso do mundo urbano ao rural, a retirada para que os pais lle dean unha nova oportunidade á relación, o encontro cun mundo idílico no que a solidariedade, o respecto polos demais, o ecoloxismo, o respecto polas artes e as diferentes maneiras de ser, a mirada sobre a diversidade funcional e a diversidade sexual ou familiar, a descuberta da natureza como o ser dos seres... todo iso ben envolto nunha narración que nos vai levando silenciosamente, tal como funciona a vida en Malvela, tal como len os pais de Iria (editor e crítica) e tal como viven  os veciños que viñeron de París. Unha mirada ás sufraxistas e os seus procedementos de loita, unha sociedade organizada autoxestionada no rural, unha loita para a defensa da natureza e contra todo o que a ataque.  

Continúa a súa autora pola deriva que encetou en Lúa en Ningures e Ardora, un camiño de bo facer que a rapazada lle agradece. 


martes, 9 de abril de 2024

Series que veñen de lonxe (non por ser traducidas doutros idiomas senón por contar con moitas entregas)

Series que veñen de lonxe (non por ser traducidas doutros idiomas senón por contar con moitas entregas). Estoume a referir aos Megatoxos, esa saga de Anxo Fariña que parte dun premio Merlín Os Megatoxos e a chave da Atlántida e conta cos títulos Os Megatoxos e o aprendiz de druída, Os Megatoxos e a espada esmeralda, Os Megatoxos e os Templarios da Luz, Os Megatoxos e a cara oculta da Lúa, Os Megatoxos e o dragón de xade, Os Megatoxos e a batalla de Rande, Os Megatoxos e o RETO de Internet.

No seu empeño por defender o mundo e coidarse, neste caso, vanse ver implicados no medio dun videoxogo. Faísca, Lúa, Ninfa e Ruxe compartirán espazo cos xemelgos Exerie e Ezbel, con ese par de profesores que acostuman acompañalos nas sáus aventuras e con todos e todas nós  que os lemos. Texto e ilustracións de Anxo Fariña, un creador que permanece ao pé dun lectorado fiel. 

mércores, 27 de marzo de 2024

Unha pequena historia

Don Carlos e o misterio dos lucecús de Patricia Torrado Queiruga con ilustracións de Xan López Domínguez publicado na colección Meiga Moira de Baía.

Un profesor, Carlos. Un grupiño de alumnos preocupados polo que se anda a dicir a respecto de que o profesor anda despistado. Un misterio: parte das as árbores queimadas -xustamente as autóctonas- apareceron vestidas cunhas especie de chaqueta de cores feita de lan a punto de niño de abella.

A historia vai indo, aínda que semella que a autora ten moito interese en que se vexa a diversidade, en que se noten os valores que se pretenden transmitir en base a ruptura de roles tradicionais, o que está moi ben pero ten certo problema cando se ve forzado e na busca dun público determinado. Para mostra un botón: "Román ía pola súa nai á obra, que é a que máis manda e a que vai de última para a casa; Afonso uedaba tendendo a roupa co seu pai, Maca xogando aos camións coa súa irmá máis nova e a min tocoume levar a Sofi á casa, porque vive moi preto do apartamento da miña avoa, ese no que vive coa súa parella, a afamada concertista de violín polaca, Brezezinski". Hai apuntes moi acertados como cando a rapaza que vai en cadeira de rodas conta o problema derivado do lixo polo chan (excrementos de cans, chicles...) e o que iso implica sumado ás barreiras arquitectónicas. Fálase con naturalidade das mariñeiras, unha das rapazas é a que salva o barco no medio da néboa (coma as heroínas de Sálvora), o profesor fala en feminino, os homes levan falda, un dos rapaces é transexual, o barco está gobernado por unha patroa pero tamén se apuntan probelams medioambientais como cando se cita o castro que está cheo de lixo a pesar de ser un ben de interese cultural, os microplásticos ata na chuvia... Hai relatos que escapan da mensaxe e fermosean a narración como ese momento no que os poldros se converten en unicornios, as conversas coas avoas, esa bruxa que vive cun troll e un dragonciño...

A defensa do medio ambiente e a igualdade son ámbitos presentes.

venres, 21 de xullo de 2023

Era outra vez

 

Non, non se trata da colección que contaba os contos doutra maneira. Ou si, porque se van contar tres contos dándolle unha volta. Era outra vez contén. O xigante egoísta por Ramón D. Veiga, O traxe novo do director por Bea Campos e Aladino e a lámpada tecnolóxica por Paula Merlán. Está publicado por Cumio. Unha actualiación!

Así se presenta: "'Era outra vez' é unha escolma deses contos que había antes da Internet, dos móbiles, da televisión ou mesmo da radio.

Como son os xigantes deste século? E se en vez dun emperador se tratase do director dun colexio? Necesitarían hoxe en día os xenios das lámpadas marabillosas wifi para conectarse? 'O xigante egoísta', de Oscar Wilde, 'O traxe novo do emperador', de Hans Christian Andersen e 'Aladino e a lámpada marabillosa', o conto popular árabe adaptado tamén por Andersen, son os contos favoritos de Ramón D. Veiga, Bea Campos e Paula Merlán.

Hoxe son reinterpretados con talento, imaxinación e un mundo de cariño. Unhas ilustracións ben interesantes de Xiana Teimoy completan unha peza de luxo para todos os públicos."

domingo, 2 de xullo de 2023

Unha novela a partir dos 11 anos

 

A memoria dos pingüíns é a última entrega de Xavier Estévez, un autor que acostuma escribir para lectorado autónomo. Neste caso, dálle voz a un rapaz de catro, Aldán, que nos conta como ve o mundo, ese universo que anda a descubrir e que interpreta como pode, á súa maneira. O autor crea unha magníficas metáforas que nos sorprenden pola súa orixinalidade enriquecendo así unha linguaxe que busca ser literaria máis alá de producirnos comicidade ou identificación con ese pequeno que dan ganas de adoptar, outra voz será a dun adolescente que anda a namorarse e a dun narrador omnisciente. Tres voces para un relato: a amizade de dous pequenos (ela con síndrome de Down que resolve a maior parte da súa comunicación coa palabra "pingüín") e dous adolescentes que descobren a amizade e o amor, pero tamén a de dous vellos que se recuperan despois dun accidente. Si, o libro vai de amizade e de como ese valor en alza non pode perderse porque é a mellor vacina contra os virus da vida diaria. Cando te distancias da media, cando a situación familiar se fai imposible, cando a soidade morde... a amizade cura. No medio de toda esa historia, un acontecemento atroz cun incendio que ademais de rematar cun bosque pode facelo coa vida dun par de rapaciños, pero ás veces, cando máis abaixo estamos, decidimos erguernos e con nós podemos salvar a outros. Diso se trata, de rescatarnos, rescatalos, rescatar a natureza, salvar o noso mundo.

As ilustracións de Carlos Gallego xogan entre o clasicismo e un certo impresionismo ou suave informalismo nos fondos. Creo que vos van gustar porque fan unha achega interesante.

domingo, 26 de marzo de 2023

Lobo Ramón, 2ª parte

Sempre nos levamos unha alegría cando un libro se converte en serie e polo tanto vai fidelizando ao lectorado. Sucede agora con Lobo Ramón que aparece co subtítulo: a vida é unha festa!

Continúa a historia dese lobo amigo que viaxa en motocicleta á vila para visitar ao fillo do libreiro e ler novas historias. Dese lobo que, de paso que vai... fai recados para as amizades e cando lle din de pagarlle négase en redondo, considera que, aos amigos, non se lles pode cobrar. De feito, entre todos van ter que inventar un negocio para que Ramón non se arruíne con tanto gasto en carburante. Vai ser repartidor de empanadas de bacalao con pasas.

Ramón viaxa á praia co paxariño Fito, este voando vaille marcando o camiño que el segue en moto. Mirando a unha nena emociónase: é tan bonito xogar coas olas... Mirar a posta de sol, colocarse manguitos para flotar na auga. Facerlle un agasallo á lúa: unha empanada, pero que difícil facerlla chegar. Ir á festa, gozar de cada lambetada que merca, de ir na noria ou xogar na cama elástica; rescatar ao corvo Lucas cando cae nun pozo. Con el aprenderemos para que serven as pompas de xabón, sobre todo se son xigantescas. E así enterámonos que, con este libro, a autora suma medio cento de obras publicadas. Un bo número! E un verdadeiro luxo.

luns, 20 de febreiro de 2023

De bruxas traducidas

Malvarina. Quero ser bruxa de Susana Isern con ilustracións de Laura Proietti publicado e traducido por Triqueta Verde.

Así a presentan: "Unha valente nena de nove anos desexosa de converterse en bruxa. Ela decide tomar o control do seu destino e visita ás tres bruxas que gobernan a súa cidade, temidas polos seus terroríficos feitizos. Dispostas a atopar unha herdeira, adestran a MALVARINA para que se converta nunha delas. Pocións máxicas, caldeiros fumarentos, vasoiras voadoras e feitizos enfermizos…" Con ese estética tan chea de estímulos na que tanto no texto como a ilustracións se xoga con introducir novas un e outro incentivos en forma de caracteres de diferente tipoloxía, negriñas e diferentes tamaños de letra e presentacións, acicates que van levando ao lectorado nunha carreira sen par ata quedar sen alento; seguramente é necesario fronte ás pantallas, só agardamos que como do cómic pasaron a outros xéneros deste formato podan trasladarse a outros máis tranquilos e serenos. A historia está ben pois a rapaza quere ser bruxa pero en vez dunha bruxa mala converterase nunha mala bruxa que desfai o meigallo e trae de novo o neno que as bruxas converteran en ogro... con el poderá xogar!

Máis tradicional é A bruxa Selana de Alba de Evan e Xabier Domínguez ilustrado por Laura Cortés. Tranquila vai andando a historia e, aínda que as ilustracións se prodigan traen ese ritmo da camiño para facera pé. A pequena bruxa (que o é) ten que facer os exames, non os do cole que os leva moi ben senón os da bruxería, e no medio deles entra un dos compañeiros da escola co que non se leva ben e que acaba convertido en gran babosa por unha confusión: Ela traerao de volta ao seu ser e as cousas volven ao seu estar. Ela é unha bruxiña boa sen necesidade de reivindicarse, capaz de entenderse coa Santa Compaña e con quen se lle poña diante. 

Dous modelos de bruxa, porque ten que haber de todo e... non é malo. O bo é poder escoller.  

luns, 23 de xaneiro de 2023

Un libro dunha escritora clásica: Ana María Machado

Publicado por Xerme no 2018, traducido do portugués por Manuel Barbadillo, o libro que aparecera en castelán en 1996, O domador de monstros de Ana María Machado. 

Así o presentan: "A Serxio non lle gustan nada os monstros que aparecen cada noite no seu cuarto. Son realmente arrepiantes! Pero un día encontrará a maneira de acabar con eles..."

E así é, porque el enfróntase ao monstro dicíndolle "Ti pensas que me pos medo porque es moi feo? Como me sigas mirando así, chamo un monstro máis feo ca ti para que te asuste" e nun xogo acumulativo vaille engadindo a ese monstro todas as monstruosidades posibles ata que lle dá a risa (e non só a el senón tamén ao coelliño de peluche que o acompaña todas as noites); daquela o medo estará superado porque a mellor arma é o humor.