Amosando publicacións coa etiqueta Antela editorial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Antela editorial. Amosar todas as publicacións

luns, 11 de agosto de 2025

Unha bd e un noveliña

Miquits. Visita á casa da avoa de Paula Cheshire nas imaxes e nos textos Alba de Evan con Xabier Domínguez, aparece publicado por Antela editorial.

Da presentación editorial: "Miquits non é un gato calquera, é o inseparable compañeiro dunha bruxa. Canda ela, e o resto dos seus amigos, enfróntase a misterios e perigos en cada recuncho. Nesta ocasión, a viaxe lévaos ata a casa da avoa Emelinda, onde novas aventuras e desafíos os agardan.
Un cómic cheo de maxia, diversión e emocións que conquistará pequenos e maiores."

Vai de bruxas, neta a avoa, cada unha coas súas mascotas, unha araña a da avoa e un gato, un rato e un can de neta. -Como viaxan? -En vasoira, - Como se entenden entre si os animais? - Vanse afacendo incluso aos bovos que alí coñecen coma o gran dragón chamado Coca e as preguntas continúan: -Teñen medo? -Como se comunican cos que están lonxe? - Cal é o oficio da araña? -Lévanse mal o can e o gato? - E o gato e o rato? - Non hai bruxos na historia?...

Unha banda deseñada para pequerrechos e pequerrechas!

A miña avoa, a miña heroína de Sabela Fernández Trelles ilustrado por Blanca MIllán e publicado na colección Merlín (a partir de nove anos) de Xerais. 

Preséntase así: "Un emotivo relato sobre a ansiedade na infancia e a fortaleza de sentirnos acompañados polos nosos seres queridos."

Certo, vai de sentimentos e emocións. Ansiedade, inseguridade, tristeza... nunha costa abaixo: mal humor, enfado cos demais, pensamentos negativos, silencio... non querer preocupar aos que a queren, sentirse "coma se estiveses a recibir empuxóns cada vez máis fortes ata que caes ao chan e es incapaz de volver levantarte". O diario como a mellor maneira de expresar os sentimentos e desfogar, a compañía dos que a queren como a mellor medicina.

Despois de contar a súa historia, pasa a contarnos a historia da súa avoa de como viven nunha aldea e se ten que desprazar á cidade e a un internado para poder estudar, o mal que o pasa alí pero tamén como consegue unha amiga para toda a vida, con ela aprende o valor da lectura. A avoa ademais de mostrarlle un moddelo de superación explícalle que é a ansiedade: "Imaxina que estás na selva e ves un león. O teu corpo pose alerta: notas suores fríos e o teu corazón bate moi rápido... Pois ti agora mesmo ves leóns por todas as partes e a túa cabeza envíache eses sinais de alerta en forma de pensamentos negativos. Por iso tes que tratar de plantarlles cara, dilles que nestes omentos tes mellores cousas que facer. Non deixes que ocuen a túa mente. Verás como a seguinte vez que veñan o farán con menos forza, e así ata que teñas o control". Si, acabará aceptando que ven dunha saga de mulleres fortes e nada poderá con ela.

Entendo que este tipo de libros poden ser necesarios pero igual había que coidalos un pouco máis...

sábado, 21 de xuño de 2025

Primeira convocatoria do premio Jaime Olmedo Limeses


Pernascochas de Ramón D. Veiga está ilustrado por Blanca Millán e publicado por Antela editorial co patrocinio de Avigal. Pernascochas resultou ser a novela infantil ganadora do premio Jaime Olmedo Limeses. 

Da presentación editorial: "«Marcelina: ese é o meu nome. E esta é a miña historia. Ou parte dela. Un anaco de vida que non durou nin unha semana, pero que algo me di que vai ser difícil de esquecer. Ou, se cadra, imposible.» "Pernascochas é unha novela sobre o poder da amizade, os sentimentos e, alá no fondo, tamén sobre o primeiro amor." 

Unha novela que semella situada no tempo das novelas infantís, cunha nena protagonista que é orfa e vive cuns tíos (que cumpren as expectativas deste tipo de obras) e tres primos que tamén cumpreno seu papel (dous estraños e unha moza amiga) nun pazo. Esta descrición ambientación complétase co acoso escolar que se ve de lonxe e o nó establécese cando un sobriño dos gardiáns a quen ela adora vén pasar unha semana no pazo. É el quen lle pon Pernascochas por como as leva cheas de moratóns  e marcas e é a el a quen lle pon tres retos para que se os supera pasar a ser amigos para sempre: sacala do pazo un día enteiro, levala a un lugar fantástico e contarlle unha historia que a sorprenda. Non sei que opinades, se é mellor chamarse Pernascochas ou Marcelina, se chorar polo aigo que se vai ou permanecer nese estado de indiferencia non que nunca pasa nada... Teredes que ler a novela para opinar! 

domingo, 1 de setembro de 2024

Bea Gregores. Banda deseñada para peques e non tanto

Avelaíña e o camiño á illa de Bea Gregores é unha banda deseñada especial. Lírico nas cores e o deseño, cun aire modernista para falar dos animais que forman parte dese mundo no que os gorros son flores ou os pendentes obras de arte, onde a natureza se debuxa fermosa e curva, vexetal e en proceso de creación, os camiños son simbólicos e os encontros son aprendizaxes. 

O diálogo entre dous xogadores de xadrez dá comezo á historia dunha avelaíña que nace dunha planta, quere seguir ás outras avelaíñas que marcharon detrás dunha luz. Os xogadores discuten pero non queren separarse porque sempre estiveron alí... da mesma maneira irá atopando máis personaxes que non se apuntan ao seu camiño por seguir facendo o que fixeron sempre: mulleres xigantes con flores na saia que a levan sobre o seu ombreiro mentres destapa as plantas para que se enraícen (cando medran demasiado protexidas adoitan ter as raíces moi febles e pouco profundas porque coidar algo non significa evitar todas as desgrazas senón axudar cando algo malo ocorre). Semella que todo o mundo atopou o seu lugar mentres ela busca o seu: a illa; hai xente que só camiña, canta e baila divertíndose, sen destino, hai xente que atopou o que buscaba e isto se lle converte nun problema e ha de buscar un novo para seguir...

Dous bechos que se pelexaban, unha muller invernadoiro, un desfile cunha serpe, un home que cazou unha estrela e agora alguén que se ri de que xa non hai camiño, ela axúdalle a construír unha barca pero non a acompaña porque se perdeu tantas veces que pensa que o sitio ao que quere ir xa cambiou, pero antes de irse dille que non esqueza que ten ás para voar; e si, farao, nese intre déixanos coas ás estendidas... 

Unha historia chea de simboloxía e un cailo de aprendizaxe!

Tebeosfera define a banda deseñada como de aventuras, bruxería, fabulístico e fantasía.

domingo, 19 de maio de 2024

Maldiño, a vergonza da familia

Maldiño, a vergonza da familia de Esteban Souto está publicado por Antela editorial.

Da presentación editorial: "Os pais de Maldiño esperan que manteña unha curiosa tradición familiar, pero só conseguen que os decepcione unha e outra vez. Poderá Maldiño ser feliz  a pesar de todo?" Pois é o que hai, un país afastado, unha familia de magos malvados: Malvón (o pai), Maldicia (a nai) e o pequeno Maldiño. Malvón convertíase en dragón e arrasaba coas aldeas ou en pantasma e asustaba a xente, pero Maldiño era boíño, gustaba dos animais e das persoas... o pai pono a proba e el sae dela da única maneira que pode. Veredes que o rapaz ten cabeciña... Un bo conto e unhas ilustracións que van do colaxe a diferentes técnicas. Un álbum da colección Pitiños a ter en conta.

Outros produtos que van aparecendo: Unha cativa nova no parque de Cristina Leyva e Rocío Martínez publicado por La estrella azul traducida ao galego por Blanca Rodríguez. Un parque (sen apenas vexetación) e moita rapazada con familia movéndose por el; unha rapaza e un rapaz que non se ven e acaban véndose, seguramente quen o idea pensa en ensinar maneiras de relacionarse tendo en conta os gustos dos demais, observando...

sábado, 16 de marzo de 2024

Bululú e Antela

Bululú presenta A cor dos sentidos (Un conto en branco e negro, a toda cor) de Gustavo Roldán, traducido por Xosé Duncan.

Así se presenta: "Poden as cores ser as protagonistas dun libro en branco e negro? A cor dos sentidos é unha reflexión moi imaxinativa e alegre sobre as cores que nos rodean. Só é preciso fechar os ollos para descubrir que podemos experimentalos doutro xeito, con outros sentidos diferentes á vista: azul é o son do mar; violeta, o recendo das flores; vermello, o calor dunha fogueira…Un álbum ilustrado e de textos moi líricos, que nos convida a observar o mundo a través das sensacións." 

Ese é o xogo: definir as cores por medio dos outros sentidos. Un xogo que abre a mente a outros noitos pois ese paso duns a outros sentidos pode multiplicarse. Un libro moi potente e iteresante dende o punto de vista do deseño gráfico e da historia. Minimalismo en estado puro. Escrito con maiúsculas.

Antela editorial, na colección Pitiños, presenta un libro de poesía no que os animais teñen un papel importante. Animalgama de Ramón Sánchez está ilustrado por Lucía Barros. Así se presenta: 

"Isto que tes nas mans non é un libro corrente,
é unha ANIMÁLGAMA!
E iso que é?
É un fantastilibro no que a poesía se volveu tola.
É «un gorila que baila ao son dunha gaita».
É «un verme en monopatín».
Ou incluso «unha medusa con tiracroios».
Se non mo cres, ábreo e verás!
Unha animálgama agarda por ti.
Seguro que che fai rir."

E así podemos entrar: 

"Se queres entrar, pois adiante, / o libro sempre está aberto, / dá igual que veñas ao trote / ou saltando coma un cervo, / ou facendo malabares / de acabalo dun cangrexo, / o importante é divertirse / con este feixe de versos."

Boa poesía e boas ilustracións. Poemas para  ir máis alá, para desmentir falsas verdades, para introducir o proceso da escrita, para percorrer o mundo animal e rematar a abrazos. Recomendo todos os poemas, pero especialmente aquel que leva a o nome de Acochadiños.

Ramón Sánchez, que se define como músico y poeta autodidacta.  disparatadas, hilarantes, y en muchos casos, irreverentes. n caracol montado en patinete corriendo mil peripecias para llegar a su cita con una limacha, hasta cuatro gallinas que sueñan con volar como águilas y harán todo lo posible para conseguirlo.

 

martes, 1 de novembro de 2022

Unha obra sobre a perda da lingua e unha novela xuvenil na colección Fóra de Xogo

Sangue no dron é unha novela xuvenil escrita por Ignacio Vidal Portabales e publicada por Xerais. Unha distopía, situada no noso mundo (esa Cidade das Campás que non deixa de ser unha Compostela descoñecida) e protagonizada por un mozo que deseña e manexa drons, que loita nun xogo inmundo con outros dous, que está namorado dunha moza e só acepta o xogo por salvala pero... a Ditadura Privilexiada Bélica non perdoa, non comprende, non está disposta a dar nin media oportunidade. Ela aproveita todo, incluso aos disidentes, como toda boa ditadura. 

O país da choiva, publicado por Antela editorial, está escrito por Miguel Anxo Alonso Diz e ilustrado por Xosé Tomás. Preséntase así: "Esta novela infantil/xuvenil ilustrada, fala da importancia do idioma, de usalo e conservalo, e de como a nosa lingua é parte da nosa herdanza cultural como galegos. De xeito delicado e con sensibilidade aborda a problemática da perda de falantes na nosa lingua." 

Un prólogo de Fran Alonso serve de pórtico á obra  apunta ideas como esta: "Ás veces dá a impresión que hai pobos que perden a memoria. Pode un pobo perder a memoria? Se esquece o seu pasado, pode. Se esquece cal é a súa cultura, pode. Hai pobos que perden o contacto coa historia. Que perden a súa lingua. E chega un momento que non saben o que son. Por que? Porque non saben o que foron." Cando un pobo perde a memoria, igual que unha avoa, acabas por non saber quen es, deixas de ser ti; di Fran. E tamén, afirma que a lingua forma parte da nosa memoria porque é unha boa parte do que fomos, do que somos e di que seremos.

Miguel Anxo cóntanos unha historia, a do pobo que mentres dorme nunha noite de chuvia perde a súa lingua, só aqueles que non durmiron a lembran, só eles cos súas bágoas son quen de devolver as palabras primixenias e xa non terán medo de pechar os oloos. Mentres tanto as ilustracións traerannos un mundo case submarino no que os peixes nadan as rúas: unha fermosa imaxe.

Conta con material didáctico sobre o libro, no seguinte enlace.