Sangue no dron é unha novela xuvenil escrita por Ignacio Vidal Portabales e publicada por Xerais. Unha distopía, situada no noso mundo (esa Cidade das Campás que non deixa de ser unha Compostela descoñecida) e protagonizada por un mozo que deseña e manexa drons, que loita nun xogo inmundo con outros dous, que está namorado dunha moza e só acepta o xogo por salvala pero... a Ditadura Privilexiada Bélica non perdoa, non comprende, non está disposta a dar nin media oportunidade. Ela aproveita todo, incluso aos disidentes, como toda boa ditadura.
O país da choiva, publicado por Antela editorial, está escrito por Miguel Anxo Alonso Diz e ilustrado por Xosé Tomás. Preséntase así: "Esta novela infantil/xuvenil ilustrada, fala da importancia do idioma, de usalo e conservalo, e de como a nosa lingua é parte da nosa herdanza cultural como galegos. De xeito delicado e con sensibilidade aborda a problemática da perda de falantes na nosa lingua."
Un prólogo de Fran Alonso serve de pórtico á obra apunta ideas como esta: "Ás veces dá a impresión que hai pobos que perden a memoria. Pode un pobo perder a memoria? Se esquece o seu pasado, pode. Se esquece cal é a súa cultura, pode. Hai pobos que perden o contacto coa historia. Que perden a súa lingua. E chega un momento que non saben o que son. Por que? Porque non saben o que foron." Cando un pobo perde a memoria, igual que unha avoa, acabas por non saber quen es, deixas de ser ti; di Fran. E tamén, afirma que a lingua forma parte da nosa memoria porque é unha boa parte do que fomos, do que somos e di que seremos.
Miguel Anxo cóntanos unha historia, a do pobo que mentres dorme nunha noite de chuvia perde a súa lingua, só aqueles que non durmiron a lembran, só eles cos súas bágoas son quen de devolver as palabras primixenias e xa non terán medo de pechar os oloos. Mentres tanto as ilustracións traerannos un mundo case submarino no que os peixes nadan as rúas: unha fermosa imaxe.
Conta con material didáctico sobre o libro, no seguinte enlace.
Ningún comentario:
Publicar un comentario