As pombas de Bastián de María Canosa e ilustrado por Noemí López, está na colección Merlín, a partir de nove anos.
Da presentación editorial: "Desde a fiestra da súa casa, Minia observa todos os días como un home lles dá de comer ás pombas da rúa. As aves semellan ser as súas únicas amigas, mais a rapaza intúe que aquel home agocha unha maxia especial tras a soidade en que semella vivir. Por iso a nena toma unha decisión: achegarse a el. A partir do primeiro encontro prenderá neles a ilusión que vai alumear unha fermosa amizade."
Un libro que pertence ao imaxinario de María Canosa, ese da fantasía total integrada nunha historia que podería ser realista, a da relación entre xeracións, entre as nenas e os maiores; as historias de soños sen límite porque soñar non ten cancelas e todo cabe nun soño.
As ilustracións de Noemí López son especiais, porque continúan no seu estilo curvilíneo e volumétrico pero están suavizadas, as cores son pastel ou case, a nena é unha nena recoñecible coa roupiña que corresponde e a expresión precisa, as pombas son case de deseño e non sei a que agardan os nosos ceramistas para pasalas ao barro... Eu quédome coa imaxe da biblioteca, unha fermosura que debe permanecer máis alá da historia. E con ese final magnífico que lle dá sentido a toda a historia!
Ningún comentario:
Publicar un comentario