O noso recuncho de Marina Núñez e Avi Ofer publicado en Triqueta Verde. Sobre unhas ilustracións de lapis e aguadas cóntase a historia dunha nena que observa o lugar de xogo e aventuras do barrio (de todos e ninguén) cheo das vellas experiencias, o sitio onde todo era posible. Saben que vai ser destruído, que vai ser tomado, mentres tanto xogan e unha nena planta sementes (ela soa), logo vanse apuntando máis que queren coidar do recuncho que bos momentos lles fixera pasar. Cando chegan as máquinas, eles permanecen e ao non atender a chamada das familias, elas veñen e únense, daquela o espírito do lugar e todas as historias xurdenn con forza, todos se poñen a coidalo e as máquinas han de irse desconcertadas. Ninguén os vai mover de aquí.
Así se presenta: "Hoxe no barrio acordaron cunha mala nova: o recuncho onde os nenos e as nenas brincan cada tarde vai desaparecer moi pronto. Onde continuarán todas as súas historias? Van poder facer algo para salvalo?
Esta historia ocorre en lugar moi especial, un espazo verde onde todo é posible no medio dunha gran cidade. Cando os nenos e nenas descobren que este recuncho no que viviron tantas aventuras vai desaparecer, empezan a coidalo como nunca e a soñar en todo o que podería suceder alí se non fóra a chegar pronto o seu fin. Cando o día temido chega, deciden plantarlle cara ás máquinas que ameazan con acabar co espazo e únense para protexer o lugar no que tantos bos momentos pasaron. Só xuntos poderán salvar este recuncho tan especial, co apoio dos seus familiares e de toda a veciñanza.
Trátase dunha historia que ten lugar nun escenario moi próximo aos nenos e nenas, o lugar no que pasan as tardes xogando, inventando, imaxinando outros mundos. A historia móstranos un exemplo da forza que podemos chegar a ter cando traballamos xuntos. Cóntanos unha historia de loita polos espazos cheos de vida que quedan nas cidades e móstranos a importancia de lugares que sexan para as persoas que conforman a nosa comunidade. Consideramos que é un tema en grao sumo actual, xa que nestes tempos puidemos ver como especialmente as necesidades da infancia tíñanse totalmente esquecidas."
Ningún comentario:
Publicar un comentario