Sempre se celebra o Día da Biblioteca, sempre. Tal vez porque se precisa seguir facendo fincapé nese espazo común e solidario, espazo de cultura e aprendizaxe, espazo para todos e todas.
Dalgún sitio recollo que se celebra dende 1997, da man da Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil e do Ministerio de Cultura que apoiou a celebración. Así o presentan: "A edición deste ano, baixo o lema “BiblioTEcuida”,
céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía
como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e
recursos, preocúpanse por atender as necesidades dos seus usuarios. As
bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un piar fundamental
ao servizo das comunidades ás que pertencen." A biblioteca cóidache, non podía ser doutra maneira, ese faro e refuxio, esa casa de saúde...
Dende bibliotecas escolares galegas dise:
"As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como
unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos,
información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para
ler, espazos onde aprender e lugares para descubrir.
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e
todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a
usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do
coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que
son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso
carón: as BIBLIOTECAS.
" Moi certo!
Normalmente, as bibliotecas escolares asumen todos os días do mes como
Mes da biblioteca, porque as festas hai que alongalas e van durando
dende que se pon en marcha e se abren as portas ata reatar co Samaín, o
Magosto, os Defuntos e os Santos.
E para máis celebración, este ano, temos cartel galego, de Xulia Vicente, a moza que realizou para o Consello da XCultura Galega o cómic de Elisa e Marcela para conmemorar o Día do Orgullo LGTBI+ 2020