Amosando publicacións coa etiqueta Ensaio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ensaio. Amosar todas as publicacións

venres, 4 de novembro de 2022

Bárbaras! Unha achega desenfadada á menstruación para adolescentes divers*s (e non só)

Bárbaras! Unha achega desenfadada á menstruación para adolescentes divers*s (e non só) de María Reimóndez aparece na colección Seica de Xerais con ilustracións de Alicia Rocha

Preséntase así: "Por incrible que pareza, falar da menstruación segue sendo complicado e mesmo controvertido. Un proceso corporal e cultural que afecta nalgún momento da vida a máis da metade da poboación humana non debería ser un tema fundamental de reflexión? Cun enfoque desenfadado e co obxectivo de facernos reflexionar, Bárbaras! utiliza a menstruación como vía de entrada para achegarnos unha gran diversidade de temas: os corpos, o sexismo, a ecoloxía, o racismo, a transfobia. Porque, ao final, falar da regra é falar do mundo enteiro e, en particular, de tantas Bárbaras! que se negan a seguir os ditados e que, coa súa rebeldía, crean un mundo mellor para tantas outras."

A autora vai percorrendo unha presentación, o apartado Muller (corpos e reprodución, categorías e privilexios...), Do espectáculo ás fases da lúa (hormonas, saúde, dispositivos...), O sangue non mancha (xenitalidade, desexo, hixiene...) para rematar con Bárbaras. Todos e cada un dos textos busca a reflexión e a ruptura de prexuízos, o desenmascaramento das mentiras grandes e pequenas para ir atopando camiños máis conscientes. Xogando coas cores, as preguntas ao lectorado e as otas explicativas, Bárbaras vai resultar un texto necesario para o traballo con adolescente e adultas.

xoves, 19 de maio de 2022

Dúas biografías de mulleres singulares

Libros que visibilizan mulleres galegas que están de centenario. Dúas mulleres, EmiliaPardo Bazán e María Casares, vistas por outras dúas mulleres: María Canosa e Bea Gregores. Libros grandes, de pastas duras nos que texto e ilustración colaboran na biografía de mulleres enormes que fixeron máis grande o seu tempo.  Dúas biografías de mulleres singulares. 

A de Emilia Pardo Bazán, publicada no 2021, cando se cumprían 100 anos da súa morte e a de María Casares no 2022, cando conmemoramos un século do seu nacemento.

María Canosa, a escritora, pon os textos, Bea Gregores, a ilustradora, as imaxes.Trátase de libros que conmemoran, que nacen para que a rapazada teña onde beber, onde saciar a súa sede de saber sobre estas mulleres que foron e son bandeira. A editorial, Bululú, publícaos achegando calidade no formato, papel,  reprodución...

venres, 11 de xuño de 2021

Un pequeno ensaio sobre a lectura

Douche a miña palabra é un bo título para falar de lectura e escrita. Unha obra de Fran Alonso que retoma o diálogo cos lectores e lectoras despois de Poetízate. "Cunha linguaxe comprensible e chea de anécdotas, Fran Alonso cóntanos neste libro inusual cousas sobre a escrita, a literatura ou a lingua e convídanos a reflexionar sobre o superpoder da lectura e a importancia de sentir a chamada das palabras." Detense o autor o papel de lectorado e autoría, do respecto con que autores/as deben tratar ao lector ou lectora, de como a arte debe axudar a aque nos cuestionemos a realidade, que a literatura nace de quen a escribe e das súas circunstancias, de que ela - a literatura- tamén pode e debe sinalar as inxustizas, a lectura e a escrita como as dúas partes dunha moeda, de como facernos coas palabras, o papel dos premios e as publicacións, o poder das palabras, a invisibilidade da lectora ou lector, a riqueza da lectura que compara con mirar dende unha alta terraza, a lectura como sanación, a poesía como un globo cheo de significados, as emocións que levan as linguas dentro... Dende un principio que comeza: "Eu son escritor, sabes? Sei que o sabes, evidentemente, porque estás a ler un libro que escribín eu" ata o final, cando explica a emoción que sente ao pensar que alguén vai ler o que el escribe e poda lembrar algo do que di, para rematar "Moitas grazas por lelo". É a ilustradora, quen mellor define o libro "Esate escrito ten alma de poema, de reflexión nostálxica, de didáctica amiga"  

As ilustracións de Bea Gregores acompañan o texto traendo riqueza propia e metáforas visuais a un texto de non ficción. Os pequenos paxaros vermellos que rodean os papeis escritos e á rapazada, esa casa con tellado de libro (igual que a biblioteca Ánxel Casal) ou pode ser unha tenda de campaña na que nos refuxiamos para ler e contar,  os libros dos que caen as palabras como  sementes, o mundo creado cun lapis, o neno que coma Principiño le sentado nun planeta, as conversas con globos de letras, os mundos de papel que viven entre nós, a vexetación que vai de lector/a en lector/a, os globos de palabras que nos permiten voar, o idioma coma un acubillo ou unha dor non resolta...