Amosando publicacións coa etiqueta Fomento da lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fomento da lectura. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de xuño de 2021

Un pequeno ensaio sobre a lectura

Douche a miña palabra é un bo título para falar de lectura e escrita. Unha obra de Fran Alonso que retoma o diálogo cos lectores e lectoras despois de Poetízate. "Cunha linguaxe comprensible e chea de anécdotas, Fran Alonso cóntanos neste libro inusual cousas sobre a escrita, a literatura ou a lingua e convídanos a reflexionar sobre o superpoder da lectura e a importancia de sentir a chamada das palabras." Detense o autor o papel de lectorado e autoría, do respecto con que autores/as deben tratar ao lector ou lectora, de como a arte debe axudar a aque nos cuestionemos a realidade, que a literatura nace de quen a escribe e das súas circunstancias, de que ela - a literatura- tamén pode e debe sinalar as inxustizas, a lectura e a escrita como as dúas partes dunha moeda, de como facernos coas palabras, o papel dos premios e as publicacións, o poder das palabras, a invisibilidade da lectora ou lector, a riqueza da lectura que compara con mirar dende unha alta terraza, a lectura como sanación, a poesía como un globo cheo de significados, as emocións que levan as linguas dentro... Dende un principio que comeza: "Eu son escritor, sabes? Sei que o sabes, evidentemente, porque estás a ler un libro que escribín eu" ata o final, cando explica a emoción que sente ao pensar que alguén vai ler o que el escribe e poda lembrar algo do que di, para rematar "Moitas grazas por lelo". É a ilustradora, quen mellor define o libro "Esate escrito ten alma de poema, de reflexión nostálxica, de didáctica amiga"  

As ilustracións de Bea Gregores acompañan o texto traendo riqueza propia e metáforas visuais a un texto de non ficción. Os pequenos paxaros vermellos que rodean os papeis escritos e á rapazada, esa casa con tellado de libro (igual que a biblioteca Ánxel Casal) ou pode ser unha tenda de campaña na que nos refuxiamos para ler e contar,  os libros dos que caen as palabras como  sementes, o mundo creado cun lapis, o neno que coma Principiño le sentado nun planeta, as conversas con globos de letras, os mundos de papel que viven entre nós, a vexetación que vai de lector/a en lector/a, os globos de palabras que nos permiten voar, o idioma coma un acubillo ou unha dor non resolta...