venres, 5 de decembro de 2025

Novelas infantís, escritas en galego e traducidas

Benita e Malva e o crime do crítico gastronómico de Érica Esmorís con ilustracións de Ignacio Hernández está publicado en Ala Delta (Edelvives) para maiores de dez anos.

Da presentación editorial: "A Benita e Malva —dúas xemelgas idénticas só na aparencia— acaban de abandonalas os pais. Unha auxiliar de policía encárgase de levalas cun suposto tío, Eustache Chaillot, que rexenta un restaurante en París. Pero Chaillot foi acusado de asasinar un crítico que falou mal das súas célebres croquetas. As irmás, con Guillou (o pinche do restaurante) e Gioconda (a súa rata), vivirán múltiples peripecias para esclarecer o crime e coñecer o paradoiro dos pais." 


Pódese comezar a ler a historia neste enlace. Unha novla que seguramente teña continuidade porque nos deixa agardándoa, porque dous personaxes como esas xemelgas tan diferentes a nivel de personalidade ben o merecen e porque acaban de subri a un tren que debe levalas ao encontro dos seus pais, sempre coa axudante de policía que viaxa cunha enorme maleta un paso por diante.

Xertrudis busca traballo de Ana Meilán, ilustrado por Agustina Mattar, traducido por Xesús B. Tellado e publicado por Entrenubesycuentos para lectorado a partir de 7 ou 8 anos. Outra historia de bruxas, esta arruinada e chea de débedas que debe atopar un traballo o antes posible para poder facerlles fronte. Vive cun cobrador de morosos fronte á súa porta de tal maneira que chegarán a establecer unha relación. Ao longo do relato imos vendo como pasa de neneira a modista, de veterinaria a traballar nun parque de atraccións con Bradislavo xa co seu carné de maquinista e, por fin, poderá deixar de buscar traballo nos xornais e repetir desesperadamente "Necesito este traballo máis ca nunca". 

Así se presenta: "Desde que Gertrudis perdeu o seu emprego, as débedas non fan máis ca crecer. Cada mañá Bladislavo grítalle que acabará na fogueira se non paga o que debe. É hora de buscar traballo! Coidado con reírte ao tararear os conxuros, xa sabes que as bruxas e os nenos nunca se levan ben. Se queres acompañala, súbete á súa escoba e agárrate forte porque chega tarde ao primeiro traballo. Canto cres que lle durará?"

Ningún comentario:

Publicar un comentario