Trickstar. Postais dende as estrelas de Manuel Esteban está publicado en Boadicea.
Da presentación editorial: "Ano 2076. Nunha Terra a piques de colapsar, a vida no espazo semella a única esperanza para a humanidade. Julie Alban é arquitecta de sistemas, pero tamén unha veterana piloto do Consorcio, o organismo supranacional que está a dar os primeiros pasos na conquista do sistema solar. Non obstante, a irrupción dun misterioso virus en África e unha nova tecnoloxía capaz de protexer da radiación cósmica conducirán a unha guerra de poderes que a converterá na primeira pirata espacial."
O primeiro que pensamos é o perto que está xa a ciencia ficción. O segundo que tamén estamos demasiado próximos á distopía, un mundo no que hai moita xente que xa non quere vivir nel; o aumento de suicidios igual ter relación con este asunto. As protagonistas son maioritariamente mulleres, personaxes con boas dotes que mostran na profesión e toman decisións atrevidas. Unha enxeñeira de sistemas que decide converterse en piloto (camioneiros, chámanlles). Unha IA que aprende máis alá do que ela lle ensina e que non acaba de asustarnos porque a relación con ela é de nai e filla, pero que en calquera momento podería converterse noutra cousa, porque toma decisións, ten intuición... Un Consorcio que representa ás grandes empresas e pode facer calquera cousa por conseguir maiores beneficios. Sempre baixo a apariencia de gobernos ou organizacións de grandes países pero respondendo unicamente aos intereses económicos. Continentes e multitudes destinados a ser coellos de indias, cobaias de calquera experimento... Fálase de cando se deixou de saber onde estaba a verdade e a mentira, de cando deixou de importar e recoñecemos ese pó espacial que atravesa o noso tempo.
Cousas que nos interesan e aparecen escritas: cando bebas debes lembrar a fonte. O idioma da ciencia, esa linguaxe universal que nunca mente, aínda que nunca diga a verdade. As estrelas están aí, pero hai que ter o valor de ir buscalas. A min xa me queda pouco tempo; o futuro é teu, escolle ti. Todos os humanos somos supervivintes. Cando chegue a noite para cubrir de escuridade estes estraños tempos, non quedará de nós máis que o recordo das decisións que tomemos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario