martes, 31 de marzo de 2026

O Premio Raíña Lupa na modalidade xuvenil

O Premio Raíña Lupa na modalidade xuvenil do ano 2024 recaeu en Unha historia de amor como outra calquera de Rosa Aneiros que aparece publicada na colecciójn Costa Oeste de Galaxia.

Da presentación editorial:"Que teñen en común o explorador Ernest Shackleton e a brillante científica Olalla Caínzos? Exacto! A fascinación pola Antártida! A iso debemos sumar o odio que Alma sente por eles. A súa nai era divertida e unha contadora de historias magnífica ata que a obsesión polo continente branco e polo quecemento global a papou enteiriña. Por iso, ela está en guerra aberta co mundo, un mundo que inclúe ao seu pai, a profe Patricia, a súa examiga Lía e o instituto enteiro. Mais Alma non tardará en aprender que na fría, inhóspita e hostil Antártida, numerosas especies sobreviven grazas a unha inmensa capacidade de adaptación ao medio. E ela é un deses fascinantes seres, só que aínda non o sabe. Unha novela chea de xistras, liques extraordinarios, calcetíns desparellos, cibercarrachos, infernos de neve e trenzas viquingas que conforman unha historia de amor coma outra calquera." 

Ela, Alma, unha rapaza de trece anos comeza a contarnos a historia, fala da familia, da avoa Paula sempre encabuxada e falando sen control, do silencioso avó que se converte nun contador de historias e se ten que mudar con eles, do pai metido na internet para descubrir os delitos, da nai na Antártida investigando, de Lola (a muller que lles vai poñer orde na casa), da profesora de matemáticas -amiga da nai- que pretende botarlle unha man pero, como deixarlle?, de como o seu cabreo co mundo a leva á soedade máis absoluta. Ela espiando detrás das cortinas ou das portas,  contándonolo todo: o divorcio dos pais, a súa maneira de non querer chamarlle nai a quen o é, a chegada da moza que bota o pai, a enfermidade da nai e a revoda para poder coidala, o avó que se fai presente nesa casa de caladiños, o acordeón que a acompaña e lle serve aos demais para castigala, pero tamén se castiga ela coas autolesións, unha casa en silencio que se semellaba ó continente de xeo. A dor pode ser tan dura que teñas que negarte a compartila por non rachar, pero Alma vaise salvar, xustamente, pola capacidade de empatía resistencia ante o xeo comunicativo.

A novela da Antártida, do continente branco con todos os seus exploradores e investigadores. O punto xeográfico no que deterse a desentrañalo. O cambio climático de fondo. Unha adolescente que nos marabilla por esa capacidade de mirarse e mirar o mundo e, sobre todo, por contárnola nunha das mellores novelas xuvenís da que nos acordaremos oitos anos despois de lela. Rosa Aneiros non pode negar esta capacidade narradora que transcende para entregarnos produtos esixentes e dunha calidade límpida. Así como en Catro plumas de dinosauro e Faísca, a nena neandertal nos conduce á Prehistoria para que a ficción conteña información, en Unha historia de amor como outra calquera lévanos ao cojntinente máis descoñecido para espertar nos adolescentes a curiosidade, para que podan entrar nunha aventura que vai máis alá das súas vidas e do seu contexto, nunha expedición internacional con expedicións e investigacións que nunca deixan de sorprendernos.

Canto lle debemos a esta escritora que -coma unha abella- constrúe silenciosamente a nos amellor literatura!  

domingo, 29 de marzo de 2026

Unha de Penélope


Penélope tece de María Besteiros e Bea Gregores. 

Da presentaicón editorial: "Penélope tece e lembra. E os fíos do seu recordo cóntannos unha historia onde a nostalxia e a beleza van construíndo un tapiz cheo de cor. María Besteiros toma o mito homérico como punto de partida para compor un poema ilustrado por Bea Gregores. Unha celebración literaria do amor e da resistencia." 

Un álbum para adolescentes e adultos. Volvemos a Penélope e o seu tear, ao mito de tecer e destecer, á muller que agarda a volta do seu home... pero é diferente. 

Contado en terceira persoa; non se dá a razón pola que tece e destece, pola que tece do dereito e do revés, ou si, pois mentres o fai lembra todo o seu pasado como muller: a súa infancia, a mentruación, o parto de Teléaco, a perda da filla ao nacer... Non se fala de Ulises máis que ao final e veredes como: 

"Ulises? 

Ulises, quen é?"

sábado, 28 de marzo de 2026

A tenda de xoguetes de Ledicia Costas


A tenda de xoguetes - Unha viaxe ilustrada pola historia dos xoguetes de Ledicia Costas, ilustrada por Rena Ortega.

Da presentación editorial: "Unha viaxe fascinante polos xoguetes que todos lembramos. A xoguetería de Luz invítanos a percorrer estantes cheos de memoria, historias, risas e tamén algunha caixa con Barbies que chegaron coas pernas ao revés. Este libro divulgativo reúne anécdotas, datos curiosos e a orixe de moitos dos xoguetes clásicos e contemporáneos máis importantes.
Da Barbie ao LEGO, do cubo de Rubik aos Sonny Angels. Un percorrido apaixonante polos xoguetes que marcaron xeracións. A autora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, únese á ilustradora internacional Rena Ortega para crear un libro único: divulgativo, divertido e cheo de anécdotas sorprendentes." 

A historia de como nacen e evolucionan, a descrición, as instrucións para xogar... e xogos de todo tipo: parchís, videoxogos, jenga, pistola de auga, osiño de peluche, Barbie e Ken, skate, futbolín, lego, o cubo de Rubik, Mer Potato, bonecas repolo, Sonny Angels, xoguetes virais, kamagotchi... e a mellor sorpresa: descubir quen che conta a historia!

Un libro para revisar e afondar no mundo dos xoguetes.

mércores, 25 de marzo de 2026

Certame de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos


 O Certame de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos de 2024 premiou O trebón do Norte de Agustín Agra. Aparece publicado por Toxosoutos con ilustracións de Ricardo de Barreiro a base de debuxos e colaxes. 

Así se presenta: "Corre o ano de 1066, co paso da estrela Cometa a enseñorarse do ceo. O drakkar Cabalo das Ondas foxe do río de sangue que abrolla tras a batalla de Stamford Bridge e desembarca no convulso reino de Galicia. Os navegantes que o pilotan carrexan sobre as costas con trinta anos de combates na compaña de Harald Hardrada o último rei viquingo de Noruega. Tras a derrota que o expulsou do seu país, Harald, o Despiadado, loita como mercenario a prol do gran príncipe de Kíiv, Iaroslav o Sabio, e comanda durante anos a garda varega, o corpo de elite do Imperio bizantino. Envaidecido de poder, de prestixio e de riqueza, regresa á súa patria para reclamar a coroa que por herdanza lle pertence. Así, á fronte dos homes do norte, rexe Noruega de xeito feroz e lévaos á guerra contra canta terra os rodea. Porén, nada é suficiente para a súa cobiza. A súa ambición desmedida condúceo á conquista do trono de Inglaterra..." E alí perece, nesa pequena cantidade de terra onde sepultar o seu corpo. 

Unha historia épica de guerreiros e conquistas, de derrotas e mercenarios, de grandes guerras na Idade Media. Noruega, o Báltico, as guerras que expulsan e levan aos protagonistas ata Constantinopla, o honor e a ambición, a vinganza e o ansias de poder. No medio as p`romesas que han de cumprirse e das que non te liberas ata que morre o rei. Daquela, despois de todas as batallas fuxes a un país verde buscando a tranquilidade. Remata: "O tempo fará o seu labor. Perderase o recordo da nosa chegada e a nosa historia sanguenta borrarase da memoria dos homes. No entanto, os nenos seguirán xogando a bater con ferros (...) Entrementres... seremos mito"

Esa referencia a Galicia que aparece ao final da obra, como país de acollida, recóllese tamén no remate da obra Trickstar. Postais dende as estrelas cando a protagonista lembra o lugar de onde provén, fainbo agoa cando se vai perder para sempre no universo.

luns, 23 de marzo de 2026

Papá, por favor, achégame a lúa


Papá, por favor, achégame a lúa de Eric Carle aparede publicado por Kalandraka con tradución de Chema Heras e Pilar Martínez, nunha nova edición. Na colección Tras os Montes de Kalandraka, nun novo formato que introduce a posibilidade de abrir as páxinas ata amplialas en vertical ou incluso nas catro dimensións.

Preséntase así: "Unha orixinal proposta de Eric Carle con lapelas e páxinas despregables para descubrir a maxia das fases lunares." 

Unhas gardas de estrelas, unhas ilustracións en colaxes con predominancia do azul para falar da noite e  darlle forma ao desexo dunha filla. A lúa foi dende sempre ese misterio que queremos descifrar, a nena quere tocala e ao non ser capaz pídelle a seu pai que lla achegue. E o pai non o pensa, colle unha escada moi moi longa e lévaa ata a montaña máis alta, e comeza a subir ata chegar a ela (que non fará un pai pola súa filla?) e poder falarlle, a lúa dille que cada noite se vai ir facendo máis pequena ata que o pai a pode coller e levarlla... para saber o que pasou a continuación non queda outra que coller o libro nas mans igual que fixo a nena coa lúa.

Lembremos que deste autor en Kalandraka podemos contar en formato especial con Unha eiruga moi larpeira en pop up, en acartonados con sons Un grilo moi silencioso, e outros acartonados (con texturas) Soño de neve, (xogo) Queres xogar comigo? e Da cabeza aos pés, Oso pardo, oso pardo, que ves aquí?; álbums como Amigos, A araña moi ocupada...

xoves, 19 de marzo de 2026

Onde están todos? e unha nova historia de bruxas, das boas

 

 

Onde están todos? de Remy Charlip publicado en Lata de Sal (colección Vintage) é un deses libros que nos gana pola sinxeleza e a calidade. Vai presentando a historia elemento tras elemento, dende o branco total no ceo baleiro ata ir angadindo os personaxes. paxaro, sol (traendo a cor), montañas (que non se entende moi ben como poden ser presentadas "sobre o ceo" pero aceptamos que ao estar el baleiro debúxase), río, peixe, árbore, bosque, camiño, cervo, casa, home, rapaz, barco, nubeiro que vai avanzando (tapando o sol, comezando a chover e ocultando todos os elementos que continúan aí ata a derradeira páxina na que só podemos ver a chuvia e temos a pregunta na nosa cabeza). 

O tempo foi avanzando, o sol movéndose e a chuvia aumentando. Coa única cor dese sol mentres está en escena... Cos recursos mínimos un relato completo en si mesmo e que abre múltiples fiestras porque poderemos imaxinar e comentar as historias de cada elemento debuxado e presentado.

Ónde está todo cando non o vemos, qué vida teñen cando non podemos seguilos... preguntas que nos fixemos dende sempre.

Así se presenta: "Cando sae o sol, a terra énchese de luz. O ceo ilumínase e os paxaros voan. Os ríos brillan e os peixes nadan. Os animais corren e as persoas saen das súas casas. Pero cando desaparece o sol, onde están todos? Un libro sinxelo e co ritmo singular que Remy Charlip imprime en cada páxina. Unha obra ilustrada nos anos 60 nunca antes publicada en galego nin en español, que sorprende pola súa beleza sinxela e clara." 

 


Esta é unha nova historia de bruxas boas, Espertina e Esperpenta. Bruxas pasteleiras de Andrea García Martínez e Beatriz Castro publicada por Minicumio. Fan pasteis, son queridos pola veciñanza que agarda para poder comelos cada mañán e unha aventura. Espertenta (que é a lista e ten as receitas) desaparece unha mañá, súa irmá non é quen de descifrar a nota que deixou, un rapaz e unha rapaza deciden axudarlle a buscar a irmá que cren está secuestrada... e todo se resolve ben. Non podñia ser doutro xeito. 

De verdade interesan tanto as historias de bruxas? De verdade ten sentido tanta colección centrada nelas? Outro misterio a resolver, sobre todo se temos en conta que poucas achegan esa gotiña de maxia que precisamos. Pero se as editoriais o fan é porque funciona e nós mostrarémolas.

luns, 16 de marzo de 2026

Libro co Premio de Literatura Infantil Cidade de Málaga

 

Patio de luces de Érica Esmorís resultou ser ganadora do Premio de Literatura Infantil Cidade de Málaga. Ilustrado por Juan Berrio, un debuxante ao que botamos moito de menos na nosa LIX porque acostuma achegar unhas imaxes ben expresivas e ricas. Neste caso, semella buscado a propósito para representar ese patio de luces dende o que podemos observar o que sucede en cada casa e cada tendal. 

Unha moi boa obra e moi ben acompañada. Unha historia coas doses de tenrura e fantasía ou misterio axeitadas para converterse nunha descuberta. Porque as cousas non son o que parecen, porque a curiosidade e a naturalidade ás veces casan ben. Porque alguén ten que rachar a incomunicación e poñer en contacto aos veciños, abrir as portas e darlles a posibilidade de que se coñezan e se traten. Esa nena, Lea, pode ser un pouco indiscreta e insolente pero consegue facer do vecindario unha familia; cada casa, cada familia, cada membro coas súas maneiras pero convivindo como non o fixeran nunca antes. O avó coa profesión en perigo de extinción, non terá que preocuparse, porque a neta non é un encordio senón un motivo de celebración. A verdade é que é o libro que máis de gusta desta autora a moita distancia dos outros: Ulises e as cronoamigas. Surfistas en California, Nena e o mar (premio Merlín) e Quen salva un can.  Un bo libro, digno de premio e enriquecido cunhas ilustracións magníficas.

domingo, 15 de marzo de 2026

Ganapán e Garabato


Ganapán e Garabato de Chus Álvarez e El primo Ramón (Borja Ramón López Cotelo e María Olmo Béjar) está publicado por Pepa a Loba editora, na colección Calidoscopio.

Da presentación: "Ganapán é un can que non sabe ladrar e Garabato é un gato que non sabe miañar.
Ambos séntense diferentes. Choran na soidade. Pero xuntos atopan unha solución.
Un libro ilustrado, amable e enxeñoso, sobre a soidade e sobre como as diferenzas poden crear verdadeiros lazos de amizade." E se alguén se ri de ti, cando ti sexan quen de transformar o problema noutra cousa, riranse contigo e con todos os que decidan falar como queiran, porque os bufos poden facer oinc, as vacas auuu, os lobos muuu e...  ser felices!

Unha boa historia e mellores ilustracións para presentar animais pouco convencionais, amigos e seres coa picardía suficiente para defenderse de quen se atreva a mofarse deles.

Recuperar a El primo Ramón, na compañía de María Olmo, sempre é unha boa nova, e moito máis cando nos sitúan ante unha historia que resulta interesante.  

venres, 13 de marzo de 2026

Biografías: Antonio Palacios

 


Nas horas do seu reloxo. Unha viaxe de Antonio Palacios de Diego Giráldez con ilustracións a base de debuxos e bosquexos de MeliMolita 

 Da presentación editorial: "Antonio Palacios viaxa en tren de Madrid a Galicia na última etapa da súa vida, acompañado pola súa parella, Adela Ramírez. O arquitecto leva varios cadernos de debuxo que lle farán rememorar lembranzas da súa vida e da súa traxectoria profesional. Son unha segunda pel enchida de tatuaxes da que o escritor, Diego Giráldez, se vale para achegarnos a figura de Palacios dun xeito distinto e inédito ata o de agora.
A través da ficción, pero tamén dun rigoroso traballo histórico e documental, e apoiándose nas ilustracións de MeliMolita, descubriremos o artista porriñés dende unha perspectiva máis emotiva e divulgativa."

Un dos arquitectos máis importantes do século XX. Un galego internacional con moita obra en Madrid e tamén en Galicia, dende o concello de Porriño ao Templo votivo do Mar, pasando polo Carballiño ou Vigo. Unha figura que se fai presenta no Círculo de Bellas Artes de Madrid ou no Palacio de Comunicacións. Un home ligado á súa terra tal como os creadores desta obra nos fan saber. Moi interesantes as páxinas nas que son as súas obras as que se nos presentan.

xoves, 12 de marzo de 2026

Animais e animais


Un hipopótamo na bañeira de Kyoko Matsuoka e Akiko Hayashi está pulbicado por Lata de Sal. 

Mete dentro de la bañera una tortuga, dos pingüinos, una foca, un hipopótamo e unha balea... Se que se pode! Este libro demostra que calquera cousa é posible no mundo da fantasía. Porque convirte un baño en algo divertido e no instante ideal para contar esta historia marabillosa.  

Da presentación editorial: "Ao neno encántalle bañarse. Cando vai entrar na bañeira, leva con el o seu parruliño Pukka. A Pukka tamén lle encanta bañarse. Cando abre a porta… click-cleck-clack. O chan do baño é moi escorregadizo. Hai que ter coidado".

O neno entrou co parrulo pero dentro da bañeira vai aparecendo unha tartaruga, dous pingüíns xemelgos, unha foca, un hipopótamo, unha balea... A rapaz faise cargo de todos eles, axúdalles a lavarse, xogan... ata que aparece a nai e desaparecen todos eles quedando unicamente o neno e o parruliño. Todo é posible no mundo da fantasía, ata os animais máis grandes caben nunha bañeira!


Un aniversario diferente de José Carlos Román e Susana Rosique publicado por Canica Books.

Da presentación editorial: "Unha aventura da pandilla de avós máis divertida do bosque, en busca do agasallo perfecto para unha neta moi especial. Como cada mañá, o avó Teixugo levantouse cedo. Mentres tomaba os primeiros sorbos de café, intentaba recordar algo. Intuía que aquel día non era como os demais, pero non sabía moi ben o por que. Claro que non era un día como os demais, era o aniversario da súa neta! Como puido esquecelo? Así que saíu disparado para conseguir un bonito agasallo, pero a tarefa resultou ser máis difícil do que pensaba… Pero coa axuda dos seus grandes amigos a avoa Osa, o avó Mapache, o avó Castor e a avoa Marmota, a búsqueda acabou converténdose nunha aventura cun final do  máis sorprendente.
Unha historia divertida que trata temas próximos á infancia como a amizade, a relación cos avós, os aniversarios ou os agasallos.  Pon en valor o amor de avós e netos, a figura dos avós, a resolución de problemas, a cooperación, a amizade, a perseveranza, o traballo en equipo, a celebración e a ledicia. A retahíla fai máis atractivo o conto, achegando musicalidade e desenvolvendo a linguaxe." 

Cada amigo vaille conseguir algo para o agasallo, xuntos elaborarán a torta de aniversaio e poderán compartir comida e compañía.  O que se fai entre todos ten outro sabor, outro significado...

domingo, 8 de marzo de 2026

A nova novela gráfica de Inés Vázquez

A nova novela gráfica de Inés Vázquez está na rúa para darnos unha alegría. Severina e a raíña dos trasnos está situada en Santiago e contando co debuxo marabilloso e realista desta autora, viaxamos pola cidade seguindo as aventuras desta rapaza, a súa irmán e algún rapaces con menos sorte. Publicada por Demo editorial.

Unha botica, unha tenda de herboristería coa dona con fama de bruxa; dous mundos enfrontados e no medio deles unha moza que loita entre os desexos paternos de facela desexable para os homes da época (ben vestida e peinada, pianista afeccionada...) e o seu interese pola ciencia pero tamén pola ciencia oculta á que non lle nega a presenza. A escola se deñoritas, a festa no pazo de Bendaña, o conservatorio en Madrid que non chega a bo termo. O amigo, un rapaz coxo que sobrevive a duras penas. O trasno que vai aparecendo a salto de mata e acabará introducindo o submundo. A moza que estuda sen parar. O pai descontento. A irmá pequena que é espectacular: infantil e rebelde sen botar en falta aqueles que desapareceron do fogar, disposta a todo por conseguir o que quere. A muller que as coida cun paso na aldea e outro na cidade. 

Tal como pasou anteriormente en Aldara, Inés tráenos un mundo que é noso e non estaba recollido na bd. Un respecto ao popular e unha crítica ante a situación da muller. Ela dános a súa palabra sinxela e libremente, dános a súa imaxe clara e rica para enriquecer a novela gráfica galega. Se o seu libro foi premio Follas Novas, este ben merece recoñecemento.  

Da presentación editorial:"Inés Vázquez regresa cunha nova historia de aventura e misterio na que o mundo real se fusiona con imaxinario de xeito natural. Nun Santiago de Compostela decimonónico, retratado en viñetas preciosistas que engaiolan a mriada, Severina intentará descubrir un misterio sobrenatural que sucede na súa propia casa familiar. 
Severina e a raíña dos trasnos reinterpreta a tradición fantástica galega con grandes doses de imaxinación e, sen dúbida, fará as ledicias do público lector máis esixente. Unha novela gráfica cun gran ritmo narrativo, un guión sorprendente e un debuxo prodixioso." 

venres, 6 de marzo de 2026

Unha nova Marcopola


Marcopola. A illa remeira. 5 Terra a dentro de Jacobo Fernández Serrano está publicada por Xerais na colección Merlín Cómics.

Así se presenta esta nova entrega da serie de banda deseñada: "Marcopola acaba de estrear pernechas e xa está preparada para recuperar o remo roubado. Acompañada dos seus inseparables Libro e Dragoneta, deixará a Costa das Patacas e irá cara ao interior a través de fabulosas paisaxes na procura de pistas que lles axuden a dar con el. No camiño atoparán novos amiguiños, vellos e perigosos inimigos e outros seres que non se sabe que son. Calquera cousa pode pasar nesta incrible viaxe, pasiño a pasiño, TERRA A DENTRO!"

Marcopola ha de elixir pernas e faino, decídese polas dunha bailarina de ballet, estilo Degas di, seguramente polo pintor que tan ben as representou.  Agora que a illa ten pernas poden camiñar pola terra; van buscar o remo que lles roubaron.Van Marcopola, Libro e Dragoneta e o primeiro que atopan é a un trampeiro cazarrecompensas, cando miran o seu arquivador atópanse que alí están algúns como Dragoneta porque ceibou a un ladrón. Continúan o camiño, chove e resgárdanse nunha cova na que atopan ao tal ladrón cos seus fillos e cóntanlle que a súa muller (e nai) está na cadea, a cambio dinlle onde está o seu remo (na cova de Tulpa). Cada grupo ponse en marcha co seu obxectivo. Unha banda deseñada para rapazada a partir dos sete anos, surrealista e co seu culturalismo pois sabedes como remata, cunha referencia aos versos de Cunqueiro:

Non coñeces o mar?
-Non.
Nin o vento do mar?
-Non.
Quén eres pois?
-Unha sombra noviña
recén nascida e núa,
terra adentro!
 

domingo, 1 de marzo de 2026

Álbum ilustrado con trofeo


O gran trofeo de Marta Comín é un album ilustrado publicado por Triqueta Verde, no que o deseño ten un papel fundamental.

A nena ganou un concurso de arte. O premio é un trofeo tan grande que tiveron que desmontalo para metelo na casa. Unha vez dentro van pensando en darlle diferentes usos: colgadoiro, base de mesa... ata que a nena decide que vai facer con el un monumento que presentará ao Certame Municipal e alí daranlle o premio, de novo. E a nena seguirá creando...

Da presentación editorial: "Co seu estilo inconfundible, Marta Comín invítanos a mirar a arte de maneira lúdica, nunha historia que nos recorda que crear é un xogo sin límites e que os premios non son o final do camiño, senón o impulso para seguir creando e explorando.
Humor, arte… E un gran trofeo!
Libro gañador en 2024 do certamen literario Humor con H, dentro do HEMATO FESTI. "