martes, 30 de agosto de 2016

De lectura e outras...

Ninguén nega que grazas á lectura se desenvolven a creatividade e a imaxinación, que aumenta a cultura e o léxico... que nos mantemos informadas. Polo tanto unha sociedade lectora conta cunhas condicións educativas, de benestar e saúde mellores.
Hai quen o di doutra maneira: permite vivir noutros mundos, constituíndose nunha maneira de viaxar a lugares imposibles de visitar doutra maneira e a tempos que non son este; mellora da expresión e o relato; convértenos en expertos naquilo que nos interesa; Mellora a ortografía, esa maneira de escribir sen manchas 
Por iso, é necesario que as Administracións leven a cabo políticas públicas e sociais que motiven e incentiven ás persoas a ler.

sábado, 27 de agosto de 2016

Hábito lector

Consellos para crear o hábito da lectura:
      Os expertos lembran que é importante axudar aos pequenos a organizar o seu tempo e a súa biblioteca, as visitas á biblioteca pública e á libraría.
     É interesante reservar un tempo para a lectura, unha hora de ler, un tempo de calidade que fala de sistematización, de constancia e de competencia lectora.
     Os adultos interesados en crear o hábito lector poden pedir consello na escola, nas bibliotecas, nas librarías... para tomar decisións acerca dos libros máis axeitados para cada idade e para neno ou nena, en particular. Por iso, o máis importante é atender aos seus comentarios, ás súas preguntas, para descubrir cales son os seus intereses, os seus gustos... É importante deixarlles a liberdade da escolla aínda que non podemos delegar no mundo comercial, xa só faltaba que no nome da liberdade sexa a publicidade quen nos gane. Nese xogo de propoñer, non impoñer, está a clave do éxito; que non vexan a lectura coma unha obriga.
     Aproveitar calquera situación para achegar un libro como agasallo, como apoio para tratar calquera tema, como obxecto cultural que ha de estar sempre a man.
     Só se ensina co exemplo, polo tanto só cando os adultos len, aproveitan toda oportunidade para facelo, disfrutan desa afición... convencerán aos e pequenas de que vale a pena facelo. A imitación é un gran aliado e o acompañamento as nosas armas; é necesario o apoio dos mediadores en todas as idades, para que o lector en crecemento non se sinta só, tampouco cada xa semella que se valen moi ben por si mesmos.  Compartiremos con el este marabilloso hábito.

xoves, 25 de agosto de 2016

Tonucci, a cidade e a educación

Tonucci, nunha entrevista de El País, falando da cidade da infancia, a educación, a necesidade de autonomía e dos cambios educativos, dos bos mestres e da súa experienica. Tamén fala de Pontevedra, e da lei Wert.

mércores, 24 de agosto de 2016

Premio Andersen para un escritor chino


Por primeira vez é un escritor chino o que recibe o premio Andersen.
Cao Wenxuan é catedrático da universidade e conta con libros traducidos a varios idiomas (como Bronce y girasol situada nunha aldea rural china na época da Revolución Cultural ou a serie Dingding Dangdang sobre dous irmáns con síndrome de Down que fuxen por separado da aldea buscando un ao outro ).
Ten 62 anos e é ben coñecido nos circulos literarios chinos. Cóntase que a súa infancia se viu marcada pola pobreza, véndose refletidas na súa obra as experiencias vividas nas décadas de 1950 e 1960.
Máis de 500 escritores e editores se deron cita en Nueva Zelanda esta semana para o trixésimoquinto Congreso da Organización Internacional do Libro Infantil, IBBY, onde se entregou este premio.

martes, 23 de agosto de 2016

Os avós e as avoas como mediadores de lectura

Por non dicilo coas nosas palabras, recollemos as dunha experta que aparece nos papeis.

"Os avós teñen un rol fundamental como mediadores de lectura por varios factores: o afecto, o tempo, a dedicación. Coma os nenos, eles adoitan apropiarse do tempo con maior liberdade, e cando ven aos seus netos bríndanse por completo ao encontro. Se nese espazo entra o libro, hai moitas posibilidades de inocular o gusto pola lectura", analiza María Luján Picabea, autora do recente libro Todo o que necesitas saber sobre literatura para a infancia (Paidós). Picabea conclúe: "Cando un neto e un avó falan, dialogan dúas visións do mundo, e a literatura pode tenderse como unha ponte entre as dúas miradas".

domingo, 21 de agosto de 2016


Roteiros literarios.
Camiñatas pola lectura.
Paseos para ler en compañía.
Porque ler esperta a voz (ou iso din)... está ben convidar a buscar poesías para seleccionar aquelas que queiramos compartir cos demais, nunha destas sesións. E non só poesías, os pequenos relatos que nos marcaron tamén poden ter o seu lugar.

Porque ademais, acaban de facerse públicos os resultados dunha investigación na que se demostra que ler fai máis longa a vida; non sabemos se todas as variables están valoradas na súa xusta medida ou unhas apoian as outras, por se acaso, o mellor é ler a noticia directamente.



sábado, 20 de agosto de 2016

Encontros de lectura silenciosa

Así ou de xeito semellante, se chaman:  festas, encontros... que máis dá!
Do que se trata é de que igual que nos podemos reunir para ler en voz alta (un ou unha detrás doutro ou doutra) nun maratón de lectura, igual que algunha xente o fai lendo todos á vez (debe ser moito ruído o que se produce, sobre todo se as lecturas son diferentes debe semellar un Babel) podemos facelo en voz baixa, de maneira silenciosa (tal e como o practicamos sen pensar) nas bibliotecas ou librarías, pero neste caso en calquera outro lugar.
Modas que veñen de lonxe pero que podemos adaptar... Propoño un lugar: as escaleiras da Quintana!

mércores, 17 de agosto de 2016

Escritores que falan de lectura nas súas novelas






Benito Taibo, escritor mexicano, declara que a sú anterior novela Persona normal (Destino, 2011; Booket, 2012) fala de como os libros cambian ás personas e a última, Cómplices, narra as diferentes maneiras de ler. Nesta, aparecen personaxes que se amarran á certeza de que ler lles axudará a resistir, narra "como son os lectores, como se fan lectores, como a lectura se converte nun acto independente e aparentemente solitario que acaba converténdose nun acto comunitario" (diso saben moito os lectores dos clubs de lectura, oun non?).
Tamén fala dos bootubers, esa recurso polo que os lectores adolescentes recomendan o que len sen ningún outro afán que o de compartir o mapa do tesouro. El está convencido de que o libro é un instrumento civilizador e transformador, a mellor balsa para calquera naufraxio, a táboa de salvación nestes tempos de violencia e escuridade, aínda que recoñece que mentras siga medrando a brecha entre pobres e ricos será difícil cambiar o estado das cousas. Aquí está a gran discriminación da que non se fala, aquela que lle dá sentido a calquera outra.
Son opinións... de interese.

luns, 15 de agosto de 2016

Innovacións na editoras de literatura infantil. Luabooks

Unha editorial colombiana achega innovacións de interese ao respecto.
Segundo contan trátase de unir a tradición do papel coa innovación do dixital sen perder de vista a imaxinación. A editoral transmedia LuaBooks pretende que os contidos poidan fluír a través de diferentes plataformas desde o papel aos ordenadores, tablets e teléfonos intelixentes en formato libro tradicional ou interactivo, corto animado e aplicacións móbiles que se complementan consolidando unha nova maneira de ler.O obxectivo é conseguir experiencias de lectura memorables a través de múltiples linguaxes e sentidos, lendo e vendo, escoitando, construíndo, tocando  e narrando. Tecnoloxía BookTron con animación en 2D dun libro en papel. Xa lanzaron o primeiro libro infantil de realidade aumentada, El hombre Extraño, a partir dunha canción de Silvio Rodríguez
Unha serie de obras fanse presentes: Malaika, la princesa, El pájaro de los mil cantos, Un gato de verdad, El vendedor de sandías,...
Vexamos...

domingo, 14 de agosto de 2016

Pacto pola lectura

Unha lectura de xornal atrasado falaba de que o Cabildo de Gran Canaria asume e respalda o Pacto pola Lectura. Un pacto que ten como obxectivo "posicionar o libro, a lectura e a escritura no centro de atención da vida cidadá como motor de cambio dos seus hábitos culturais e base sólida para o seu desenvolvemento económico e social"
Que boas palabras, só falta levalas do papel á realidade! 
Haberá que traballar neste sentido. Haberá que ver se vai mellor o método indutivo ou o dedutivo, se partir do pacto ou da lectura a pé de libro ou pantalla, se partir das grandes palabras... ou dos actos cotiáns que constrúen outro mundo.

mércores, 10 de agosto de 2016

Pregón da Feira do Libro de Sevilla, dedicada ao libro infantil

Rodríguez Almodóvar realizou o pregón "Algo máis que entretemento" co que se inaugurou a Feira do Libro de Sevilla: 
«En plena revolución tecnolóxica xa nin se sabe cando foi aquel día en que xurdiu o concepto, máis ben máxico, de literatura infantil. Talvez foi aquela tarde memorable do 4 de xullo de 1862, cando o profesor de matemáticas do Trinity College empuxou a Alicia á cova do inconsciente». Literatura infantil, si, e xuvenil? «Ese é un concepto se cabe máis esvaradío», dixo. Aínda que a súa orixe albíscao na súa propia biografía: «Creo que foi coa lectura de tres libros: Viaxe á lúa, de Xullo Verne; As aventuras de Guillermo Brown, de Richmal Crompton, e o anónimas Mil e unha noites».
Sexa como for o caso é que «o invento da literatura infantil e xuvenil, funcionou». «En certos casos converteuse nun salvavidas do sector, ao redor dun 15% mantense grazas a eses libros. E ata houbo escritores de "literatura seria" que miraron un día á infantil ou á xuvenil», reflexionou Rodríguez Almodóvar.
Con todo, a literatura infantil é tamén a invisible: «Só un par de veces ao ano repárase na súa existencia. Por iso agradezo tanto que esta Feira do Libro se lle dedicara, á invisible, sen o menor recato e sen encomendarse a Deus nin ao diaño». «Hoxe ata se lle está pedindo a esta literatura que fagan o que outros non saben facer: crear lectores», dixo.
Pero o pregoeiro reflexionou nas profundidades do xénero, na trastenda onde se explica por que funciona todo isto. «Agora comprendemos moito mellor aquela insistencia dos nenos en escoitar repetidamente una mesma historia, sen cambios nin engadidos. Porque lles axuda a construír o andamiaxe mental, a básica e simple capacidade do coñecer, aquilo que Machado chamaba "as entendedeiras", asegurou. «Por iso é polo que canto mellor estea construída unha historia, ou máis atractivo sexa un poema, polos seus diversos ritmos, máis se adapten a esa función primeira da mente. Non é nin sequera preciso que informen de contidos concretos. Serve o puro disparate, pero que estea ben dito e ben construído», engadiu despois ao fío do tema.
Pero, «que contarán ou que cantarán as nais polas noites, neses campamentos do horror, e neses bloques onde xa non se acende a luz, porque hai que elixir entre comer ou quentarse?». «A opción non é unha infancia sobreprotexida. Convén poñerlle palabras aos medos e ás pulsións inconfesables. Para iso están os Pulgarcitos e todas as Blancanieves e Cincentas que no mundo foron".
Son... grandes opinións.

luns, 8 de agosto de 2016

Taboleiro do libro galego (xuño - xullo)

Tomado de Caderno da Crítica (Ramón Nicolás), porque nunca está de máis ver o que se vende, o que se considera "mellor"...

1º-. Ramón Nicolás, O espello do mundo, Xerais.
2º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia.
3º-. Manuel Gago, O anxo negro, Xerais.
4º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
5º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
6º-. Diego Giráldez, Galería de saldos, Xerais.
7º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
8º-. Manuel Rivas,  O último día de Terranova Xerais.
9º-.  Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
10º-. Miguel Anxo Murado, Libro de horas, Galaxia.
11º-. Miguel Anxo Fernández, Un dente sen cadáver, Galaxia.
12-. VV.AA., Contos do Sacaúntos. Romasanta, o criminal, Urco.
13º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
14º-. Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos, Xerais.

POESÍA

1º-. María do Cebreiro, O deserto, Apiario.
2º-. Carlos Negro, Masculino singular, Xerais.
3º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
4º-. Gonzalo Hermo, Celebración, Apiario.
5º-. VV.AA.,  Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.

ENSAIO-TEATRO

1º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
2º-. Esther F. Carrodeguas, Voaxa e Carmín, Difusora.
3º-. VV.AA., Atlas arqueolóxico da paisaxe galega, Xerais.
4º-. X.M. Beiras, O proxecto común da nación galega, Laiovento.
5º-. Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (coord.) , As Irmandades da Fala (1916-1931), Laiovento.
6º-. VV.AA., Poesía hexágono, Apiario.

XUVENIL


1º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
2º-. Fran Alonso (ilustrador Dani Padrón), Contos nerviosos, Embora.
3º-. Antonio G. Teijeiro, Raiolas de sol, Galaxia.
4º-. Manuel Sánchez Gálvez, Maelström, Maelström, Galaxia.
5º-. Celia Díaz Núñez, A boca do monte, Galaxia.

INFANTIL

1º-. Ledicia Costas-Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Justin Richardson e Peter Parnell, Con Tango son tres, Kalandraka.
4º-. Federico Fernández e Germán González, Balea, Kalandraka.
5º-.  El Hematocrítico, Feliz Feroz, Xerais.
6º-. Manuel Rivas, Bala perdida, Xerais.
7º-. Gracia Iglesias e Rosa Osuna (ilustración), O fío, Kalandraka.
8º-. Eli Ríos, Marta e a píntega, Galaxia.

LIBROS CD-DVD

1º-. Paco Nogueiras e David Pintor,  Brinca vai!,  Kalandraka.
1º-. Sérgio Tannus e Luís Barbolla (ilustracións), Alegría!, Galaxia.
3º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.
4º-.  Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
5º-. Gelria, Cantos de poeta, Gelria.

BANDA DESEÑADA

1º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
2º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
3º-.  Xosé Tomás, Manual de escola, AS-PG.

VARIOS
1º-. Benigno Campos, Peixes e mariscos, Galaxia.
2º-. VV.AA., Luzes de Galiza, nº 32.

xoves, 4 de agosto de 2016

Opinión de librería

Peira sinala: "A expresión, a sintaxe, a sonoridade e sobre todo as ilustracións son as que conforman o que o neno e a nena escoitan e len. Hai libros que son cantos rítmicos aínda que non se cingan a un tema. Son poesía e danlle vida á palabra lida e cantada".
Os libros infantís son o primeiro contacto que teñen os mozos coa arte, por iso Purman considera que "é moi importante que teñan a oportunidade de coñecer ilustradores talentosos e autores que queiran contarlles algo máis que unha historia aleccionadora". E neste sentido é que a imaxe e o texto son igual de importantes á hora de falar deste xénero.
Son... opinións.

martes, 2 de agosto de 2016

Memorias dun neno labrego en esperanto

Resultado de imagen de MEMORIAS DUN NENO LABREGO + ESPERANTO
A obra máis reeditada e traducida celebra o seu 55 aniversario o mesmo ano  en que poderá comezar a lerse en esperanto. O tradutor é o filólogo vigués Suso Moinhos e a editorial Mondial, ubicada en Nueva York. Esta obra irá acompañada polas ilustracións de Díaz Pardo.
A primeira novela galega traducida a este idioma universal foi Retrincos de Castelao.
"O galego é a miña filla biolóxica e o esperanto, a adoptada, pero ás dúas as quero por igual", di Moinhos.