domingo, 29 de maio de 2016

I GALA DO LIBRO 2016. Literatura Infantil e Xuvenil

E resultaron ganadores...
Na modalidade de literatura infantil e xuvenil:
O meu pesadelo favorito, de María Solar (con ilustracións de María Lires).  Editorial Galaxia.
O que xa fora premio Lazarillo 2014 achéganos unha historia de soños, de diferenza, da importancia dos afectos... Un conto redondo e contado dunha maneira limpa e rápida, compartindo melodía...
Porque o mundo dos soños ten que ver co surrealismo pero tamén cun certo realismo máxico. Porque cando soñas (e máis se dormes pola febre) podes viaxar dun a outro soño e tes que atopar o camiño de volta (para que non che pase como a aquel personaxe de Cen anos de soedade que morre ao non dar atopado a saída do soño). Porque os soños de Manuel van dun mundo a outro, do de Alicia a do país das marabillas ao almacén dos bicos, do extraterrestre aos cans de cor verde, dos inventores doutor Ensaio e doutora Probetaa ese bar no medio do deserto (que nos trae unha imaxe de Hooper) baleiro pero cheo de mentiras, do vendedor de olores á tía Filiberta que dorme na caseta do can... Haberá que pechar cada soño. Haberá que recuperar ao pai que se foi soñando co corpo enteiro e recuperando o seu oficio de tunelador. Haberá que dar os bicos que se deben, eses bicos que nos enchen de enerxía  e dos que non hai que fuxir...

venres, 27 de maio de 2016

I GALA DO LIBRO 2016. Narrativa


E resultaron ganadores...
Na modalidade de narrativa:
O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Edicións Xerais de Galicia.
Unha narración de narracións, unha historia de historias que vai de guerra e posguerra, da clandestinidade aquí e en Latinoamérica, de homosexualidade e de cómo poden pagar uns polos outros, dos tempos do Seminario de Estudos Galegos e o das maletas con doble fondo que traen os libros galegos desde América nas mans dos emigrantes. De novo A Coruña como cidade literaria, onde vive a resistencia nos refuxios habitados polos libros, nas chamadas librarías esas que pechan agora tamén pola represión económica na que colaboramos todos e todas. 
A lírica de Rivas e as súas obsesións, os seus mundos e imaxes, Unha novela difícil e complexa na que o que máis desexamos é que o seu autor faga lecturas dunha soa páxina e a despece co bisturí persoal para sacar á luz as mil e unha referencias. Un exercicio de xenerosidade!

xoves, 26 de maio de 2016

I GALA DO LIBRO GALEGO 2016. Ensaio

E resultaron ganadores...

Na modalidade de ensaio:
Un libro que pensa na poesía, na necesidade de introducila entre a mocidade, de facerlle un oco e así deixar de ser ese Cincenta que semella ás veces... Un libro escrito por poetas que fan ese esforzo, que se aproximan ás escolas e outros lugares de encontro para achegar a poesía aos máis novos. de teoría e aplicacións prácticas, de reflexión sobre o xénero e a súa actualidade, de relación con outras manifestacións artísticas, sen pretensións pero co esforzo e a sabiduría que achega o contacto en obradoiros e aulas. Un libro para os docentes e todos aqueles próximos á mediación. De Apiario, unha nova e pequena editora, á que se lle desexan mil e un éxitos. 


sábado, 14 de maio de 2016

Día das Letras. Letras todo o ano!


Que se celebramos a literatura dos que levan 10 anos mortos.
Que se o Día das Letras non debería ser festivo.
Que... que se pode agardar dunha literatura que só se acorda dos seus cando xa non poden intervir.
Que... dar vacacións para que vaian falar galego a outros sitio.
Bla, bla, bla, bla...
O caso é que este ano tivemos sorte.
Que Manuel María é un gran acerto. Foino vivo e segue a selo a través da súa literatura, dos seus libros, das músicas que derivaron da súa poesía... Que está máis vivo que nunca, e que tentaremos que o continúe a estar nos días que faltan deste ano e dos que han de vir.
Porque as Letras non son unha vacina de maneira que unha vez pasadas quedas inoculado para as lecturas dese autor. Que non ten razón para ser así... eu sinto que se segue a ler a Lois Pereiro e Nimbos pasou a formar parte das bibliotecas ás que volver.
Polo tanto, a seguir lendo ao Manuel e a seguir gozando co que el nos legou para tod@s, porque soubo estar sempre onde tiña que estar (cant@s o dixeron) e escribir todo canto sintei que tiña que escribir... porque era tan grande o oco que encher que non daba feito.

venres, 13 de maio de 2016

I Gala do Libro Galego. Obras finalistas


Obras finalistas do Premios Gala do Libro Galego 2016
Ensaio
Narrativa
§  Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo. Xerais
Literatura infantil e xuvenil
§  O home que sabía voar, de Xabier López López (ilustracións de Jacobo Muñiz). Tambre
§  O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia
§  Todos os soños, de Xavier Estévez (ilustracións de Marcos Viso). Tambre
Libro ilustrado
§  Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka
§  Lendo lendas, digo versos, de Xosé Cobas (texto de Antonio G. Teijeiro e A. Reigosa). Xerais
Iniciativa bibliográfica
§  Cociña II, de André Arzúa, (fotografía e deseño de Alberte Sánchez Regueiro). Servizos Hosteleiros Arzúa S.L.
§  Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais
Tradución
§  A utilidade do inútil, de Nuccio Ordine, tradución de Carlos Acevedo, Faktoría K
§  Astérix. O papiro do César, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), Xerais
§  Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin
Poesía
§  Dez anos na porta. Antoloxía poética 2005-2015, VV. AA. (A Porta Verde do Sétimo Andar). A Porta Verde do Sétimo Andar
Teatro
Iniciativa cultural ou de fomento da lectura
§  Culturgal
Proxecto literario na rede
Xornalismo Cultural
§  Sermos Galiza

xoves, 12 de maio de 2016

I Gala do Libro Galego

GalaDoLibroGalego2016Organizan AELG, Asociación Galega de Editores e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e Fundación Luís Seoane.
Desde hai anos viñan convocándose os premios literarios da AELG coa súa Gala das Letras, a Noite da edición en Galicia da Asociación Galega de Editores e mais os Premios Irmandade do Libro da Federación de Librarías de Galicia. A partir de agora todos estes galardóns desaparecen para transformarse nuns únicos premios literarios co libro galego como protagonista principal, convocados de forma conxunta polas tres organizacións. O nome escollido, é Gala do Libro Galego.
Estes galardóns nacen co obxecto de recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galicia; as obras gañadoras faranse públicas no transcurso da Gala do Libro Galego 2016, presentada por Camilo Franco, que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 14 de maio, segundo o seguinte horario:
18:30 h. Sesión de fotografías (fotocall) de lectoras-es e autores-as e sinatura de libros á entrada do Teatro.
19:30 h. Comezo da Gala (entrada libre até completar aforo).
21:30-23:00 h. Nova sesión de fotografías (fotocall) e sinatura de libros.
No fotocall as persoas asistentes á Gala poderán facer fotos cos/as seus/súas autores/as favoritos/as e mesmo levar libros para seren asinados.
Na Gala entregaranse as distincións nas seguintes categorías:
  1. Obra de ensaio
  2. Obra de narrativa
  3. Obra infantil e xuvenil
  4. Libro ilustrado
  5. Iniciativa bibliográfica
  6. Obra traducida
  7. Libro de poesía
  8. Libro de teatro
  9. Iniciativa cultural ou fomento da lectura
  10. Proxecto literario na rede
  11. Xornalismo cultural
  12. Escritor galego universal
  13. Premio honorífico á libraría
  14. Premio honorífico á editora
As directivas das organizacións convocantes, previa votación dos seus asociados e asociadas, fixeron chegar a listaxe de finalistas nas once primeiras modalidades a un xurado externo, que nomeado de común acordo polas Xuntas Directivas da AELG, AGE e Federación de Librarías, formado por sete persoas, quen se encargarán de fallar estes galardóns sen dotación económica.
O premio ao Escritor Galego Universal será concedido pola directiva da AELG, que xa decidiu outorgarllo a Pere Gimferrer (pode consultarse aquí a súa axenda de actividades para os días 13 e 14), o Honorífico á libraría será concedido pola directiva da Federación de Librarías e o Honorífico á editora corresponderá á directiva da AGE.
Tomado, ao pé da letra da AELG

luns, 9 de maio de 2016

O último día de Terranova. Os últimos días de dúas librarías de Santiago



                                                                                                                                 El País

A novela de Rivas, O último día de Terranova, acadou o premio da Crítica Española na modalidade de novela en lingua galega.  Unha novela que camiña da man dunha familia por tres etapas diferentes a inmediata posguerra ditatorial, os tempos da morte de Franco e a actualidade (cando a libraría se ha de pechar por razóns económicas que non deixan de ser tan sociais e represivas como as anteriores). A novela é un tributo ás librarías, unha homenaxe na ao lado da tristeza por algo que remata está a dignidade do que sempre estivo aí, as ideas para lelas e falalas, a liberdade para vivir da maneira que sexa, as voces dos escritores e pensadores que nos acompañan saíndo dos libros...
Mentres a AGC (Asociación Galega da Crítica) e o Ateneo de Santiago realizan o acto de recoñecemento a esta novela e ao poemario Deserto de María do Cebreiro, a menos de cen metros o dono da libraría Encontros tamén acaba de colgar o cartel “Liquidación final de existencias por peche inminente.” 

luns, 2 de maio de 2016

Librarías que pechan. Libros que deixarán de estar.

Hai uns días despediuse a libraría do Toural.
Dentro duns poucos farase tamén coa libraría Encontros (que bo nome!), situada na rúa do Vilar e que dista da anterior uns cincuenta metros.
As dúas no casco vello da capital de Galicia, en plena rosa mística de pedra, tal como valle Inclán a chamaba. A cidade eterna vai perdendo librarías pero non así tendas iguais de "recordos" a baixo prezo e ínfima calidade. Non queremos mirar atrás, non queremos converternos en estatuas de sal, porque houbo artesanía que vender e exportar nas diferentes rúas da améndoa histórica.
Así nolo conta o propietario:
Recortamos, por se non funciona o enlace ao artigo publicado por La Voz de Galicia: "O libreiro recorda que nos anos 70 había «sete librerías na Rúa do Vilar» e a súa contorna máis próxima, pero aos poucos foron botando o ferrollo. A lista de peches é, sen dúbida, un «drama para a cultura», en palabras de Segade. Nesta zona «estiveron e xa non están: as dúas de González, Gali, Carballo, Porto e Fernández». A librería Toural cesa tamén a súa actividade estes días, como o fixeron hai un tempo Universitas, en Fernando III O Santo; e Médica, fronte á Facultade de Medicina . «E haberá máis, porque a cultura se considera innecesaria. Co tempo non quedará ningunha, e tampouco quedarán quioscos. Entón, o que queira un libro terá que ir a unha gran superficie, e cando só estean eles haberá que pagar o libro ao prezo que impoñan», laméntase. «Están a matar aos negocios pequenos, non só ás librerías, a todos os de proximidade. 
Como anécdota do que se vive cada día no seu establecemento, Segade conta que «cando acoden pais con nenos e estes piden un libro de lectura en castelán e outro en galego, a nai ou o pai xa lle di ao neno que só un, e rexeitan comprar un que pode custar seis ou sete euros. Toda unha fortuna». Esta historia «non é un caso illado. É só un exemplo de como a lectura non se considera necesaria. A cultura non importa. Gástanse 90 euros nunhas zapatillas de marca, pero non dez nun libro», critica."