Hai uns días despediuse a libraría do Toural.
Dentro duns poucos farase tamén coa libraría Encontros (que bo nome!), situada na rúa do Vilar e que dista da anterior uns cincuenta metros.
As dúas no casco vello da capital de Galicia, en plena rosa mística de pedra, tal como valle Inclán a chamaba. A cidade eterna vai perdendo librarías pero non así tendas iguais de "recordos" a baixo prezo e ínfima calidade. Non queremos mirar atrás, non queremos converternos en estatuas de sal, porque houbo artesanía que vender e exportar nas diferentes rúas da améndoa histórica.
Así nolo conta o propietario:
Recortamos, por se non funciona o enlace ao artigo publicado por La Voz de Galicia: "O libreiro recorda que nos anos 70 había «sete librerías na Rúa do
Vilar» e a súa contorna máis próxima, pero aos poucos foron botando o
ferrollo. A lista de peches é, sen dúbida, un «drama para a cultura», en
palabras de Segade. Nesta zona «estiveron e xa non están: as dúas de
González, Gali, Carballo, Porto e Fernández». A librería Toural cesa
tamén a súa actividade estes días, como o fixeron hai un tempo
Universitas, en Fernando III O Santo; e Médica, fronte á Facultade de
Medicina . «E haberá máis, porque a cultura se considera innecesaria. Co
tempo non quedará ningunha, e tampouco quedarán quioscos. Entón, o que
queira un libro terá que ir a unha gran superficie, e cando só estean
eles haberá que pagar o libro ao prezo que impoñan», laméntase. «Están a
matar aos negocios pequenos, non só ás librerías, a todos os de
proximidade.
Como anécdota do que se vive cada día no seu establecemento, Segade
conta que «cando acoden pais con nenos e estes piden un libro de lectura
en castelán e outro en galego, a nai ou o pai xa lle di ao neno que só
un, e rexeitan comprar un que pode custar seis ou sete euros. Toda unha
fortuna». Esta historia «non é un caso illado. É só un exemplo de como a
lectura non se considera necesaria. A cultura non importa. Gástanse 90
euros nunhas zapatillas de marca, pero non dez nun libro», critica."
Ningún comentario:
Publicar un comentario