luns, 22 de xullo de 2019
De novelas e series
Teresa González Costa dálle continuidade ao seu libro Fred Quincalla, o nómade do mar
Trátase dunha nova entrega na que continuamos a coñecer a historia de en Gran Gogol e Leopolda en A nena, o monstro e o mar. Esta, aparece anunciada como "Unha historia de Leopolda Diéguez" e así o presenta a editorial:
"Leopolda Diéguez cóntalle a Gran Gogol a historia da nena que quería saber onde fora parar o mar que antes rodeaba a vila, e do monstro que construíu un muro para que a auga salgada non volvese chegar ata alí. Fálalle da terrible condición que o monstro lle esixe a quen queira atravesar o muro. Gran Gogol escoita con atención, porque se cadra iso é o mellor que pode facer alguén que está pechado no alto dunha torre... Unha nova historia da viaxeira Leopolda Diéguez, fascinante narradora e facedora de artes máxicas."
Dous tenros personaxes aos que perseguen un rei e unha duquesa, o primeiro porque di que Leopolda lle conta mentiras á xente e a segunda porque Gan Gogol lle dixo catro verdades das que non foran do seu gusto.
Dous ilustradores, no primeiro caso Marina Seoane, e no segundo Martín Romero: eu non debo mentir se penso que me gustaría que non se cambiara de imaxe cando se trata dos mesmos personaxes e aínda non andamos a facer múltiples versión da mesma historia.
domingo, 14 de xullo de 2019
Unha novela, cinco mundos, un perigo
Penumbra, de Daniel Landesa, é unha novidade da colección Fóra de Xogo de Xerais.
Presentación editorial:
"A desaparición de Bryn, unha das sentinelas do muro de entullo que protexe Terra de Sol do escuro reino de Penumbra, pon de manifesto a sombra que ameaza a convivencia entre os cinco territorios de Sol: Desértica, Montaña de Xeo, Cavernas de Sombra, Terra de Sur e Illa Dourada.
Ashlyn, a pequena irmá da sentinela desaparecida, é quen avisa as cinco terras do perigo e, ademais, quen guía a expedición na procura de Bryn a través das terras áridas de Desértica.
Mentres, Penumbra maniféstase na terrorífica sombra que intenta darlles caza."
Poderiamos convertela nunha película e resultaría moi ben. Un mundo de cinco mundos. Cinco vellos que un día o salvaron e agora acoden a catro nenos para que descubran que está a ocorrer. Dúas xeracións que se entenden moi ben. Tres mulleres e dous homes nos primeiro dos casos e dous de cada no segundo, porque unha das mulleres que pertence á xeración dos pais non se implica. Destes catro, cada un goberna un dos mundos ou represéntaos, as súas vidas estás no tramo final... cando unha nena corre a buscar axuda (ela soñaba cun pesadelo que só súa irmá maior aplaca, pero a irmá -vixiante da muralla que separa Desértica de Penumbra- desapareceu deixando só o rastro dos seus prismáticos destruídos. Haberá que entrar nese mundo de sombras (cando xa el está a asolar o propio) e haberá que loitar con el coas armas que unhas rapaces e uns rapaces teñen na súa maneira de ser e estar no mundo. Na diferenza está o valor: nese avión pesado ou no vehículo aéreo que é a recreación da mente dunha nena, unha tuneladora e unha cóbrega coa que deslizarse sobre as areas do deserto. Unha aventura que ha ter continuidade ou iso agardamos.
martes, 9 de xullo de 2019
LIbros de poesía a catro mans
Versos e viceversos de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos ilustrado por Juan Ramón Alonso e publicado por Kalandraka.
Unha obra de arte nas mans. Un papel que vai cambiando de ton. Unhas ilustracións que se van superando en lirismo ata chegar a ese mar que coloca, nunha tela nun tendedeiro ou que entra atravesando a porta da casa. Os nenos de Alonso que teñen un aire aos de Juan Farias, atemporais e tristes.
Dous poetas, un do norte e outro do sur, un galego e outro andaluz, traballando o verso para construír trinta poemas "que non levan título, mais si unha entradiña alterna en galego e castelán, na lingua materna de cada un deles".
O mar, o vento, os soños, caderos, a lúa e as letras, nubes, natureza, estrelas... e poesía. O misterio das palabras escollidas como as notas dunha sinfonía, igual de misterioso que o océano que vai e ven sen deterse nunca, igual de enigmático que as estrelas que na noite xiran e nos fan sentir diminutos, igual de indescifrable que a guerra que ninguén debería querer e se declara ou non declara pero sucede, igual de impenetrable que os libros que nunca leemos...
Aí está a maleta con todos os versos. Só hai que abrila!
xoves, 4 de xullo de 2019
Teatro en libro
Somos os monstros de Paula Carballeira acadou o X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018. Publícase, agora na Biblioteca Dramática Galega de Xerais con ilustracións de Ignacio Hernández.
Unha nena e un neno perdidos no bosque, que nos lembran? Pois si, no bosque hai sempre monstros, neste caso unha monstra grande e un monstro pequeniño, está o pai dos nenos e a xente -en xeral- que os busca.
O mellor os dialogos, conversas moi curtas, áxiles, cheas de chispa. Certezas como:
"Monstro Pequeno: Non temos casa.
Monstro Grande: Non temos nada.
Monstro Pequeno: Por iso somos tan poderosos.
(...)
Monstro Grande: Á xente non lle parecemos graciosos.
Monstro Pequeno: A min a xente tampouco me parece graciosa.
(...)
Monstro Grande: A xente chámanos feos, crueis, carnívoros.
Monstro Pequeno: Eu véxopme guapo no espello da auga.
(...)
Nena: Es un verdadeiro monstro!
Monstro Grande: E ti unha verdadeira nena!
Nena: Vasme comer?
Monstro Grande: Pode ser...Se me entra a fame."
Unhas ilustracións moi interesantes que caen, un tanto, cando lembran a obra de Jacobo Fernández.
Temos que dicir, unha vez máis, que cando Paula se po a escribir teatro é unha garantía. Daquela sabemos que contaremos cunha boa lectura de teatro. Que cunda o exemplo!
martes, 2 de xullo de 2019
Cando un libro nos trae personaxes de nome impronunciable
Quokka Moka de María Solar con ilustracións de Víctor Rivas, publicado na colección Merlín de Xerais.
Quolla Mokka é así, tal como nolo contan, pero resulta estupendo asistir a ese relato pouco a pouco, vendo como ela vai facendo bromas que non son tales máis que para ela, como magoa aos demais semella que sen caer na conta de que senten e sofren... ela móvese por un mundo no que semella non darse conta do mal que fai e contesta daquela maneira que nos encanta (porque coñecemos xente así). Aínda nos peores momentos a quokka vai ao seu e nos acompañámola, polo Universo e a Antiuniverso, co mesmo sorriso que ela leva posto.
Unha proba:
"-Miña avoíña, dásme un bico para durmir?
-Non
-Anda, miña avoíña. non vou poder durmir sen un bico teu. Es a única persoíña que me queda sobre a faz da Terra. Dásme un biquiño? Non vou poder durmir sen el, avoíña, nunca xamais durmirei. Na vida! Pasarei a noite desvelada, sufrindo de pena. Por favor, miña avoíña, se non sinto a calor do teu bico na meixela non poderei estar tranquila. Foi un día terrible, só me pasaron cousas malas. Dásme un biquiño, miña avoíña? Si? Si?
-Que non! -aínda non rematara a frase e a avoa xa oíu a Quokka Moka roncar."
Así é ela e así a novela segundo a presentación editorial:
Os quokkas son os únicos animais do mundo que sempre sorrín. Unha especie australiana de marsupiais que está en perigo de extinción. Imaxinas un animal que sempre sorrí, pero que é realmente insoportable? Pois esa é a nosa Quokka Moka. Insoportable ata fartar. Un día, sen querer, extermina a súa especie e só sobreviven ela e mais a súa riseira avoa, que quedou moi enfadada. As dúas, coa axuda do espírito do sapo Roco, o seu mellor amigo, deberán ir ao Antiuniverso na procura dos quokkos para tentar recuperar a especie.Unha divertida aventura vivida entre o mundo do dereito e o mundo do revés.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)