venres, 30 de xuño de 2017

Libros de María Canosa



A recén estreada premio Merlín,conta con moitos libros de literatura infantil; citamos un par deles.

A cazadora de estrelas. María Canosa, finalista do premio Merlín 2015 e 2016. Publicado por Xerais a colección Merlín.
Un narrador omnisciente conta a historia de Megumi, a cazadora de estrelas. 
Na noite, a cazadora sae montando no seu cabalo Terrón, levando as súas frechas (sempre cunha pluma lila), escollen a estrela e disparan de tal maneira que non a feren de morte senón que o fan nun lado e así, feridas caen e o cabalo axuda a buscalas no chan; recóllena e lévana ao seu cuarto, onde ao soltala situase no teito alí só pode ter un número máximo de 27 así que hai que ir cambiándoas e levando as outras ao Observatorio. Todo vai ven ata e un día, alguén que a odia lle tend unha trampa... e daquela a cazadora de estrelas ha de demostrar a súa escola de valores, o poder da amizade e a capacidade para continuar partindo de cero. 
María crea un mundo propio, de nenos e nenas cazadores de estrelas, a secas, con elementos do mundo real que se introducen: envexas, aproveitados que explotan as estrelas quitándolles o seu po a base de lastimalas e case matalas...  Un final feliz, en estilo Roald Dahl.
As ilustracións, sempre interesantes de Dani Padrón.
Del son tamén as lustracións de O que nunca che contaron, no que María escribe a dúas mans con Kike Gómez, unha serie de relatos plenos de orixinalidade quen  van desde "O mecánico de estrelas" (Que pasa se buscas un traballo e non che importa que teña horario nocturno? Que farías se tiveras a posibilidade de escribir no ceo? Que mensaxe enviarías? ata "O transformador de froias" (Un mago que crea froitas con mil posibilidades, coma as dos contos marabillosos), pasando por "O debuxante de horizontes" (Se tiveras nas alas toda as cores, que farías?), "O vendedor de ideas" (Ferguson, o home das ideas, non vía o que había senón o que podía haber e con toda esa creatividade ía inventando dende o lume ata a roda ... nun percorrido pola historia do home, pero o mellor do seu comercio era o que podía cobrar por cada idea que era, por exemplo, a pluma dunha á de pato), "A doadora de bolboretas" (Uns seres que apenas duran unhas semanas, igual poden sobrevivir facendo cóxegas) "A repartidora de onomatopeas" (Escoita, os sons están aí, e se o fas con atención poderás escoitar ata o ruído da Terra ao xirar). Como se partira dun binomio fantástico, as ideas van medrando con dose de creatividade e imaxinación. Imaxinación por milleiros. E bo facer nas imaxes, moi bo facer.





mércores, 28 de xuño de 2017

Eugenia Osterberger

Sempre botamos de menos certos materiais en galego.
Agora van aparecendo. Igual que o fan determinados materiais que nos poñen en comunicación con personalidades que ian desaparecendo nunha nube de invisibilidade. Cando se trata de mulleres esta néboa semella medrar.
De aí que deamos  benvida a este material de Ouvirmos, referido a Eugenia Osterberger (Santiago de Compostela 1852 - Niza 1932. Unha compositora galega que traballou a cabalo dos séculos XIX e XX contribuíndo de forma singular á creación dunha música galega académica de raíz popular, creando ducias composicións para piano solista así como cancións ou melodías galegas para voz e piano. Ademais, participou de forma activa na vida cultural e social da Coruña e Compostela, cun contacto moi estreito con Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, Canuto Berea ou Filomena Dato e foi académica correspondente da Real Academia Galega desde a súa fundación. Porén, hoxe en día é toda unha descoñecida, mesmo nos ámbitos estritamente musicais.
A publicación do libro-CD Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), que percorre a súa vida, analiza a súa obra e permite escoitar 15 das súas pezas de orixe máis popular, con Beatriz López Suevos ao piano e a voz de Susana de Lorenzo. Tamén participa no estudio Rosario Martínez.
Gústanos ler frases coma esta: "Eugenia Osterberger contribuíu de forma singular á creación dunha música galega de raíz popular. É a única compositora galega da Belle Epoque"
Máis información nos enlaces

luns, 26 de xuño de 2017

Novidades: libros infantís

 
Oqueleo é a colección de literatura infantil de Obradoiro.
E nela, desde a presentación, foron aparecendo unha serie de obras que debemos lembrar:
Nube de neve de Xabier P. Docampo con ilustracións de Xosé Cobas. Unha historia que se reedita con moi bo senso porque non poden desaparece;, non poden pasar de moda cando son boas. Esta nube de neve que un día de inverno garda Oria no conxelador, para poder facer nevar cando lle praza fala do tempo e da imaxinación. Con ditos e frases váiselle dicindo á nena que o tempo é o que é e con el non se xoga... que boa ensinanza, eh? e que boa historia... a que trata das ocorrencias da rapazada que pode gardar nubes na mochila. Cobas achega algunha marabillosa imaxe que fai que a literatura se reflicta pintura.
No mesmo tramo de +6,  identificado pola cor amarela, atopamos unha novidade moi agardada porque significa a volta dunha escritora moi querida, Gloria Sánchez.
A vaca dixo mua tráenos, de novo, o universo de Gloria. Agora é un pobo no que un malo (que sempre os hai en todas partes) escolle o día da festa para tocar a tuba con tanta forza que o aire que sae do instrumento fai voar e abanear as cousas dependendo do seu tamaño, pero o peor é que con el leva as vogais, e como se van a entender sen elas? Probade a facelo e veredes o difícil que resulta. Por iso, Eira, a rapaza que se entende con todos os seres da natureza irá a buscalas. Como as atopa é unha historia ben divertida que se debe ler. Hai rapazas heroínas que saen a arranxar os males, tal coma quixotes. As heroínas teñen esas cousas... as vacas as súas, e poden entenderse. Iso é o mellor! 
Ilustrado por Teresa Bellón


  

domingo, 25 de xuño de 2017

Libros de ciencia. Versión galega

Cen anos despois da publicación de Teoría da relatividade de Albert Einstein, publícase en galego, grazas ao Consello da Cultura, que ofrece a descarga gratuíta na súa web. Esta edición galega realizada por Patricia Buján Otero con revisión científica deJorge Mira, inclúe a obra revisada, a edición facsímil e dous estudos, de Jorge Mira (situando a obra no seu momento histórico) e  Francisco Díaz - Fierros (que dá conta da repercusión que tivo na cultura galega); ambas contextualizan esta obra no mundo científico e no eido galego. Máis información na web

martes, 20 de xuño de 2017

X Xornadas dos Clubs de Lectura

 
Unha festa da lectura, con todos os ingredientes.
Unha festa para mostrar que lectura é educación pero tamén cultura.
Unha festa na que se comeza con circo arredor da lectura, con teatro plástico e expresivo, cun marabilloso vestiarioe zancos enormes que nos guían no percorrido. Pista Catro en performance ou redireccionándonos.
Continúase cun xornalista, Óscar López, director e presentador do programa Página Dos para ensinarnos a realizar un programa sobre libros, acompañado de rapazas e rapaces dos clubs de lectura e da booktubers Violeta Moon, para que se poida escoller entre o traballo en equipo ou o individual.
Obradoiros de graffiti, petiscos poéticos, dramatización, dobraxe, de relato de misterio ou banda deseñada, de radio ou manga, de versos en pegatina ou contadas de medo, de dobraxe ou regueifas, de liteatura transmedia ou narración cinematoráfica. Encontros con autores e autoras para fala de literatura de viaxes ou estereotipos, de claves literariasou de como botarse a escribir.
Xantares saudables indo dun food truck a outro para escoller desde o polvo de toda a vida aos zume, os doces o as filloas, ensaladas ou churrsco... para todos os gustos e escollendo, cos nosos vales na man.
Qedadas "entre clubs" ou quedamos "para ler".
Conferencia de César Mallorquí para eloxiar a mala lieratura.
E festa de peche con Xabier Díaz e as Adufeiras do Salitre, unha verdadeira festa para escoitar, cantare bailar... que de todo houbo!
Quen da máis?  
Eran 10 anos de clubs en centros de secundaria para celebrar. Ben merecían unha festa!!!!!!!     

luns, 19 de xuño de 2017

Opinións que poden crear malentendidos

Pode ser cousa dos xornalistas que recollen frases descontextualizadas, ou poden ser outras as razóns, incluso a miña sensibilidade polo tema.
Queremos crer que non se trata de identificarse co moderno a secas, e moito menos deixarse levar pola demagoxia de defender aquilo que nos semella que pensan os máis novos e acusar a aqueles aos que os adolescentes lles toca enfrontarse por estar na idade que están, pode ser descoñecemento... pero a miña reacción responde a un certo cansazo, por escoitar en relación aos adultos e á escola, opinións que non recoñezo no profesorado co que trato: o das bibliotecas escolares de Galicia.
Di Care Santos que o problema dese momento crítico no que se perden lectores, coa chegada da adolescencia "ten moito que ver co adulto pesado e censor que se interpón entre o mozo e o libro", e defende os booktubers e redes sociais que recomendan e socializan. Todos e todas apoiamos as redes e booktubers, por algo as bibliotecas escolares galegas foron as primeiras que contaron con bitácora na rede, por algo Javier Celaya pasou por Galicia no principio dos tempos e comentou que ese día se dou conta de que había futuro para a industria do libro na rede. Pero, non podemos ler declaracións que acusan aos adultos da perda de lectores cando eses adultos son maioritariamente os que fan que eses adolescentes lean, pasen pola biblioteca, teñan os libros a man, lles entreguen recomendacións lectoras (que quen lles dera a algún que outro escritor coñecer...). Cómo se pode ser tan demagogo para pensar que a rapazada que le o fai por xeración instantánea, que nacen os lectores coma as setas... sen o apoio dunha serie de adultos que lles esperta o gusto pola lectura, que os acompaña mentres adquiren o hábito lector, que traballa con eles para que teñan a competencia lectora que precisan para amar a lectura e non fuxir dela?
Como se pode ser tan desagradecido e, sobre todo, como se pode xuzgar a todos por uns poucos que igual non recomendan o que a esa autora lle gustaría?
O dito, desculpas se alguén lle entendeu mal, pero antes de criticar o mal que se faga... hai que recoñecer o ben, porque se non fora por esas forzas brancas xa me gustaría saber quen lería e como. 

mércores, 14 de xuño de 2017

Premio para as bibliotecas municipais de Oleiros

Había que ver cantos premios levan recibido. 
Porque son moitos e de prestixio.
Había que ver o que fan para merecelos, porque son un bo exemplo para outros concellos.
Pois si, as bibliotecas municipais de Oleiros acaban de recibir o Premio Fomento da Lectura a bibliotecas abiertas ao público, da Federación de Gremios de Editores de España 
Este galardón ten como obxectivo recoñecer e destacar a labor que as bibliotecas desarrollan no desenvolvemento do hábito lector e na transmisión dunha imaxe da lectura como actividade cultural, positiva, útil e placentera.
Este recoñecemento concedeuselle o ano pasado á Rede de Bibliotecas da provincia de Barcelona.
Parabén, e que cunda o exemplo!!!!!

luns, 12 de xuño de 2017

Maruja Mallo e o Día da Arte Galega

Serviu para algo dedicarlle o Día da Arte Galega Maruja Mallo?
Penso que si. Por un lado fíxose máis visible a súa biografía e obra. Por outro foi un bo punto de partida para unha celebración que foi facendo real a sociedade civil, especialmente a educación. Pena que non se lle tivera máis en conta (ao estudantado) nun principio, e se fixara a data tendo en conta algo que xa eles puxeran en marcha, de forma que se tería comezado sen partir de cero senón de bastante máis adiante, porque quen fai seus os días D son as escolas, sen ningunha dúbida. Pena que, por estas razóns, tiveramos pasado por Castelao sen tocalo, matándoo de novo, levándoo ao esquecemento sen telo recordado debidamente, algo que só pode pasar neste país, no que temos tanto... que semella que necesitemos acabar con el. 
Pois ben, Maruja Mallo, a sen sombreiro, a muller que revirou a consideración cara ao feminino, que estivo na xeración do 27 e foi negada, a que foi libre a pesar dos pesares e foi recoñecida (non na medida debida pero si na que resultou imposible negarlle), volveu a agardamos que se quede mostrando a súa arte e o papel que representa e que debe verse dentro do feminismo. A muller soa, como mi ben di Bernárdez, porque non é o mesmo presentarse -ao mundo- desde ela unicamente que ao lado doutro artista famoso.

1 de abril e todos os días do ano.
Este ano e todos os anos!
 

domingo, 11 de xuño de 2017

A entrega dos Xerais

Un ano máis a illa de San Simón foi o punto de encontro de lectores e traballador@s a favor da lectura.
Unha vez mais fíxoo posible Xerais, editora comprometida.
Cando xa a AGE, A FLG e a AELG se xuntaron para integrar os seus premios, cando xa quedaron menos oportunidades de que este comando lectura se reúna, continúa Xerais facéndoo posible, levándoos a unha illa para que se vexan e falen entre eles, para que fagan -da lectura- festa.
Agasallos nas cadeiras. Un libro, neste caso Un mundo de palabras, con textos sobre a lectura e a literatura, de Agustín Fernández Paz, que segue presente na illa da memoria. Un texto, o discurso do mantedor, neste caso, Xurxo Mariño "A pedra negra".
E douse noticia dos ganadores, que ese é o motivo da festa:
Premio Merlín, María Canosa por Muriel,
Jules Verne, Manuel Lourenzo por Ceiba de Luz.
Xerais de novela, Santiago Lopo por A arte de trobar.
E aí están, os nosos ganadores na escaleira.

mércores, 7 de xuño de 2017

Libros que acadan os Premios da Crítica Española en lingua galega


















Hai uns días tivo lugar en Compostela o acto de encontro cos ganadores do premio da crítica de novela e poesía en galego. 
Unha data complicada: víspera da Ascensión, non evitou que os participantes tiveran oportunidade de asistir a un acto cheo de maxia onde ao recitado de Eva Veiga acompañou ao de Isaac Xubín que repasou anacos do seu libro e doutros de prosa e poesía doutros autores en diferentes idiomas e grazas á súa portentosa memoria. O tradutor do euskera, ex lector en Cork e residente -actualmente- en Gran Bretaña quixo responder á laudatio de Ana Luna unicamente con textos maioritriamente recitados, facéndonos partícipes dos seus sinais de identidade. Eva Veiga, a poeta que provén do xornalismo cultural e que ten sido galardoada nestes ámbitos, foi introducida por María do Cebreiro cun magnífico texto que lle dou pé a todo un recitado da súa obra co que agasallou aos asistentes.
No seguinte enlace podemos acceder ao video.


martes, 6 de xuño de 2017

A lectura, de moda

 
Está no ambiente. Dise e coméntase. Os que máis len... as mulleres ata os sesenta? Os que menos os maiores e os homes? 
Pois un artigo achega algo máis. Titúlase "De rato de biblioteca a moderno booktubers". Escrito con motivo do concurso Bibliotuber organizado pola rede de bibliotecas provinciais de Albacete.
Así comeza: 
"O rato de biblioteca deixou de ser unha persoa ha dejado de ser una persona huraña, coas pestanas pegadas ás letras, cargada de libros que pesan un quintal’ e solitaria. Agora, o amante da lectura le libros en formato dixgital, e ademais comenta as súas impresións por redes sociales, está última en novídades e participa coas súas propias recensións audiovisuais no fenómeno universal que representa a plataforma Youtube."

luns, 5 de xuño de 2017

Accións lectoras

 
Unha noticia dános a coñecer o CAPDETUMBOOKMOB, aínda que o nome é o de menos; o importante é a idea.
Nese caso trátase dunha acción de lectura colectiva, que teá lugar o  día 7 de xuño, ás 12:00 horas, ao longo de 15 minutos.
A idea é que o maior número de lectores se poñan a ler ás portas da Casa de Cultura de Caudete, enchendo toda a rúa. Unha acción simultánea que pretende manifestar o poder dos lectores e que, á vez, sirva de celebración da lectura, como un marabilloso acto de comunicación.
Poden participar todaa as persoas: adultos, pequenos, centros educativos, asociacións,…
Para participar só é necesario levar o libro que andes a ler. Ímoslle facer algo de publicidade, co cartel.

venres, 2 de xuño de 2017

Ler con cans, lerlles aos cans

Na Feira do Libro de Madrid vai haber un obradoiro de lecura con cans. 
"Precisamente, o obradoiro mostrará como os cans poden se de gran axuda para solucionar problemas específicos coa lectura, xa que nen xuzgan ninse impacientan, así que os rapaces non se senten frustrados".E dise tamén: "Os cans de educación asistida, coa axuda de técnicos especializados e coordinados cos profesores/educadores, contribúen á formación dos nenos xa que lles incrementan a motivación, identifican problemas de socialización, fomentan os hábitos de lectura, disminúen a ansiedade, estimulan a súa atención e concentración, e aumentan a súa autoestima e confianza".
Alguén dá máis?
Pois xa van sendo horas.. ou é que non vimos o marcapáxinas de bibliotecas escolares para o día do libro? 
Sempre por diante!!!!!