Oqueleo é a colección de literatura infantil de Obradoiro.
E nela, desde a presentación, foron aparecendo unha serie de obras que debemos lembrar:
Nube de neve de Xabier P. Docampo con ilustracións de Xosé Cobas. Unha historia que se reedita con moi bo senso porque non poden desaparece;, non poden pasar de moda cando son boas. Esta nube de neve que un día de inverno garda Oria no conxelador, para poder facer nevar cando lle praza fala do tempo e da imaxinación. Con ditos e frases váiselle dicindo á nena que o tempo é o que é e con el non se xoga... que boa ensinanza, eh? e que boa historia... a que trata das ocorrencias da rapazada que pode gardar nubes na mochila. Cobas achega algunha marabillosa imaxe que fai que a literatura se reflicta pintura.
No mesmo tramo de +6, identificado pola cor amarela, atopamos unha novidade moi agardada porque significa a volta dunha escritora moi querida, Gloria Sánchez.
A vaca dixo mua tráenos, de novo, o universo de Gloria. Agora é un pobo no que un malo (que sempre os hai en todas partes) escolle o día da festa para tocar a tuba con tanta forza que o aire que sae do instrumento fai voar e abanear as cousas dependendo do seu tamaño, pero o peor é que con el leva as vogais, e como se van a entender sen elas? Probade a facelo e veredes o difícil que resulta. Por iso, Eira, a rapaza que se entende con todos os seres da natureza irá a buscalas. Como as atopa é unha historia ben divertida que se debe ler. Hai rapazas heroínas que saen a arranxar os males, tal coma quixotes. As heroínas teñen esas cousas... as vacas as súas, e poden entenderse. Iso é o mellor!
Ilustrado por Teresa Bellón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario