sábado, 27 de marzo de 2021

27 de marzo, día mundial do teatro

 Ver las imágenes de origen

O calendario do Libro e da Lectura asume esta conmemoración que se vén celebrando dende 1961, 27 de marzo Día do Teatro.

A nivel literario podemos pensar que o teatro é a cincenta dos xéneros, o que menos se le, o que menos se escribe, o que menos se publica... pero tamén é certo que o teatro ademais de presentarse en libro, represéntase. É un espectáculo!

A nivel infantil, o texto teatral préstase a ser lido individual e silenciosamente (como facemos sempre) pero tamén podemos lelo entre varios asumindo cada un o seu papel, facendo teatro lido. Podemos representalo converténdonos en actores e actrices afeccionados ou por medio de monicreques. Mirade se non dá de si o texto teatral! O libro de teatro pode ser un dos que máis se preste para compartir un tempo de calidade cos pequenos da casa... sobre todo nestes tempos de pandemia.

No Día do Teatro é costume encargarlle unha mensaxe a alguén representativo a nivel mundial, e lévano feito persoas tan recoñecidas como Ionesco, John Malkovich, Federico Mayor Zaragoza, Peter Brook, Antonio Gala, Richard Burton, Visconti, Pablo Neruda, Miguel Ángel Asturias ou Arthur Miller.

GALIX, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, pediulle a Paula Carballeira unha mensaxe para o día do Teatro. 

Lembra, é preciso o teatro 

Hai pouco escribín unha peza de teatro.

Tiven a sorte de que unha compañía de teatro me encargase o texto dunha peza que querían representar, porque ao teatro lle falta algo se os textos non se representan.

Tiven a sorte de que unha editorial quixo publicar o texto de teatro, porque hai unha chea de textos de teatro que ninguén publica e acaban esquecidos.

As historias non existen se ninguén as imaxina, aínda que acontecesen de verdade.

Por iso hai que contalas.

Vouvos contar un anaco da miña historia.

Pero non a vou contar eu soa.

Para iso está o teatro.

Para que as historias teñan vida.”

Precisamos teatro.

Lembra.

Ao final, somos seres sociais.

Sen teatro nunca aprenderemos a confiar nos demais, a inventarnos e reinventarnos, a buscar as palabras coas que mellor expresar o que sentimos, a disfrazarnos de todas as persoas que levamos dentro e ser directores e directoras desas infinitas postas en escena que nos dan outras perspectivas, que nos axudan a poñernos no lugar do outro, da outra, que nos ensinan que se poden contar historias con luz, música, movemento, poesía, nun acto artístico complexo.

Sen teatro esqueceremos o que somos.

Sen teatro, as pantallas tomarán o poder e xa se sabe que as pantallas teñen pouca imaxinación.

Porque o teatro é irreverencia, rebeldía, liberdade.

Porque a miúdo non nos convence a escenografía, nin a iluminación, nin o vestiario da nosa realidade e precisamos pensar noutras posibilidades.

Porque queremos ver como cobra vida diante dos nosos ollos a poesía, as emocións na carne e nas palabras de quen as interpreta.

Porque cada acto teatral é un momento efémero, único no tempo e no espazo, como un riso ou unha bágoa, que nunca son iguais a outro riso ou a outra bágoa.

Porque durante o breve tempo dun espectáculo esquecemos as nosas miserias, grandes ou pequenas, os nosos medos e as nosas tristezas. Só existen na escena. E sempre é un xogo o que acontece en escena, que empeza e acaba nela.

Precisamos xogar o mellor e o peor do ser humano enriba dun escenario.

Precisamos compartir momentos de vida con persoas coñecidas e, sobre todo, descoñecidas, sen pantallas polo medio.

Precisamos rir e chorar ata quedar sen folgos coa complicidade da ficción que se nos presenta, coa seguridade de saber que, no teatro, non funcionan as convencións de fóra, e que é difícil sentirse so, sentirse soa.

Precisamos comprobar que os seres humanos podemos confluír para crear beleza.

Precisamos estirar os límites do tempo e do espazo, derrubar paredes, respirar a pleno pulmón.

Lembra.

Non o esquezas.

Precisamos teatro.