O calendario do Libro e da Lectura asume esta conmemoración seguindo o ditado da UNESCO que declarou o 21 de marzo, de cada ano, Día Mundial da Poesía, dende 1999.vNa súa declaración di que a poesía é unha das formas máis prezadas da expresión e identidade lingüística da humanidade. A poesía, practicada ao longo da Hª, en todas as culturas e en todos os continentes, fala da nosa humanidade común e dos nosos valores compartidos, transformando o poema máis simple nun poderoso catalizador do diálogo e a paz. Considera a UNESCO que celebrar este día é unha maneira de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética fomentando a visibilización daquelas linguas que se atopan en perigo. Unha ocasión para honrar os poetas e as poetas, para revivir tradicións orais, promover a lectura, a escritura e aumentar a presenza da poesía nos medios de comunicación.
Esta vez queremos presentar un libro...
A editorial Chan daPólvora, dirixida polo poeta e xornalista Antón Lopo, puxo en marcha a colección Udra de poesía infantil. Só ten dous libros, pero moi ben escollidos. O primeiro, Tinta de luz foi unha colaboración entre os irmáns Álvarez Cáccamo: Pepe nos poemas e Berta Cáccamo (a artista contemporánea con exposicións nos nosos mellores museos) nas ilustracións. Hai un par de meses sacou á luz un libro de Marica Campo ilustrado por outra artista contemporánea, Menchu Lamas. O seu título é Nos outras. Escollín este libro polo que supón esta colaboración entre dúas mulleres que proveñen de campos diferentes e nos entregan un produto moi actual, cheo de oficio e calidade, a todos os niveis. Ramón Nicolás, escribe en Caderno da crítica acerca das imaxes: “ese estoupido cromático e esa enerxía innata que arrastran as imaxes de Menchu Lamas coas súas recorrentes mans abertas como símbolo de unión colectiva que, dalgún xeito, articulan un convite á integración e á confluencia nos valores do respecto á igualdade do ser humano” E continúa... “O libro abeirase a unha temática moi concreta que dirixe a súa ollada cara á diversidade, algo máis necesario que nunca nestes tempos de confusión. Velaí como as composicións de Marica Campo percorren, con claridade expositiva e ritmo propio, a cerna de asuntos como son a paz, a solidariedade, o cultivo da liberdade persoal e o amentado respecto ás persoas que posúen as súas propias características: un camiño operativo para combater, por extensión, os prexuízos sociais, os estereotipos ou o acoso escolar e non só. Un libro, ademais, editado requintadamente. Oxalá sexa moi lido.”
Un bocadiño:
Auriga sen cabalo
Vai en cadeira de rodas
a soñar que é un auriga.
Hai festa grande e o pobo
acode a velo na liza.
O circo estala en aplausos
e os aplausos en cantigas,
as cantigas en historias
que contan cousas moi lindas,
como aquela dun rapaz
que está tolleito e camiña
polo carreiro dos soños.
Leva as rédeas ben sostidas
e o cabalo que non hai
ten orballadas as crinas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario