Coñeciamos a Kike Gómez por libros anteriores, onde adiviñabamos o seu caudal imaxinativo; agora fáisenos evidente en Rumbo ao horizonte con ilustracións de Dani Padrón e publicado por Bululú.
Chamarse Marco xa ten un plus cando o que queres é navegar (ai, Marco Polo e aquel outro Marco que ía na busca da nai a outro continente) pero sobre todo, ti (en primeira persoa relatando a túa historia) queres saber o que hai na liña do horizonte, esa que levas vendo toda a vida. Coma O Principiño, na súa travesía vai atopando estrañas presenzas: un barco no medio da tormenta no que un tenor canta acompañado por un pianista e saudando aos admiradores, unha illa con fauna e vexetación ben especiais no que destacan dúas sequoias que rematan nunha casa na que habitan dous irmáns xemelgos pero enfrontados (teredes que ler como os engana o bo de Marco e así consegue dous tesouros), logo atopa a Cidade do Mar cos seus paxaros peixe, a Cidade das Sombras... e outros lugares ou non lugares aos que accedemos a través da fantasía do autor, unha creatividade que semella non ter límites.
As ilustracións de Dani Padrón van creando un imaxinario que acompaña eses novos mundos. Un traballo arduo e difícil, pero moi ben resolto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario