Temas candentes: violencia de xénero, acoso ou bullying. Mestura de xéneros: novela e banda deseñada; narrativa transmedia. Todo ese armazón (Novelas. Autoaxuda. Temas candentes: violencia de xénero, acoso ou bullying. Mestura de xéneros: novela e banda deseñada) e algo máis. Dous libros, dúas historias noveladas que se acompañan de banda deseñada a modo de ilustración, de forma que lembran aqueles obras populares xuvenís de hai un tempo e que hoxe situaríamos no transmedia. As dúas están escritas por X. Antonio Perozo e publicadas por Auga editora.
A primeira delas, cun título marabilloso, Amor amargo, acompáñase das ilustracións
limpas e cun estilo xuvenil de Victoria Riveiro Currais. Unha moza vai sufrir violencia
de xénero por parte do seu mozo, ela está rematando bacharelato, el xa está na
universidade e é o típico “guaperas” con cartos. A historia vai ser un completo
inventario de formas de violencia, de acoso e derribo, de percorrido por todos
os niveis e etapas deste maltrato coa separación do seu grupo e familia, de illamento
e negación, de celos e esixencias desmesuradas fronte ás infidelidades
manifestas del, de facerlle perder todos os dereitos a cambio de nada... de
facela sentir mal perdendo toda a seguridade e autoestima que podía ter... Un
xoguete roto nas mans dun machista. É grazas ao seu grupo de amizades e á súa
irmá que pode rachar os fíos nos que está enredada e conseguir liberarse desa
mala relación. A obra remata cun texto que busca a reflexión acerca desta temática.
Contigo na nube ilustrada por Zaida Novoa, achega imaxes algo máis infantís porque vai dirixida a un lectorado algo menor. Os personaxes tamén son máis novos. Aquí, trátase do tema do acoso escolar. Como sempre, os acosados son os máis débiles, neste caso un rapaz ao que seu pai abandonou e vive coa nai e os avós nunha situación de escaseza. O bullying é tan cruel que os someta ao illamento e insolidariedade máis absolutos porque aqueles que queren apoialos tamén serán perseguidos e acosados, sen perdón. O que comeza sendo presencial remata na nube, coas fotos, insultos e calumnias a través do móbil. Cando a situación é continua e non se ve saída, o suicidio aparece como solución, unha ave negra pairando polo ceo. Non se fala coa familia por evitarlle problemas e desgustos, o profesorado non se enteira ou non se quere enteirar chegando ao extremo de castigar as vítimas. Ao acoso a un rapaz con problemas por parte dunha banda de “malotes” engádese o acoso a unha rapaza por racismo e non se perdoa que se faga moza dun dos “malotes” senón que se pasa a acosalo tamén a el. A solución, no primeiro caso, vén da man dun tío que chega de América (coma nos soños de xeracións anteriores) e lle ofrece ao neno toda a axuda que precisa para recuperarse; na superación do segundo terá moito que ver a obra de teatro que crean entre todos e todas e na que representan todo o sucedido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario