domingo, 28 de febreiro de 2021

Un libro co Premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil 2019

 

O enigma do baúl pechado de Xosé Antonio Neira Cruz acadou o premio Carlos Mosteiro de Literatura Infantil 2019. No 2020 este premio quedou deserto ao non terse presentado ningunha obra coa calidade suficiente.

Da presentación editorial: "Entre o lixo dun vertedoiro, Max atopa un enigmático baúl pechado. Sen saber que hai no seu interior, está seguro de que garda algo que desexa coñecer. Pero conseguir iso é moi difícil. Non hai forma de abrir o baúl. Ademais, o misterioso obxecto pasou a formar parte das posesión da tenda do malvado señor Lin. Así e todo, vai suceder algo extraordinario. Algo que serve para que Max e os seus amigos entendan a importancia das palabras e da verdadeira amizade." Partindo da inmigración, da pobreza que obriga a ir remexer entre o lixo para atopar algo co que completar a economía familiar, a lembranza daquelas persoas que deixaron lonxe (a avoa coa que Max se comunica a través dos sonos), o encontro coa maldade representada no dono do bazar e na panda de acosadores (Xan o Badulaque e Lucas Gargalladas), a solidariedade dos do Consello de Debaixo da Manta, a riqueza da diversidade de todos as culturas das que proveñen (latinoamérica, o mundo árabe e chinés, o africano, os países do Leste de Europa...), a imposibilidade de abrir o baúl ata que se unen toas as voces, todas as linguas. "O que veu despois", ese último capítulo que nos avanza o que pasa cos personaxes anos despois para rematar coa palabras de O baúl voador de Andersen situando a Max "meu dito meu feito, o rapaz viuse polos aires metido no cofre, logo de saír pola cheminea, e subindo ata as nubes, non parou de voar". A imaxinación aparece plasmada nese final do neno, nesa incapacidade para pousar os pés no chan. O que me preocupa é que nese abano de culturas, a de chegada só se ve representada polo grupo de acosadores.

As ilustracións de Luz Beloso achegan esa maneira tan persoal de representar nenos e nenas e modo de bonecos de ollos grandes e coloretes, neste caso xogando moi ben coas tonalidades grises.

Ningún comentario:

Publicar un comentario