A señorita Buble Baixo cero é a última entrega de Ledicia Costas. As ilustracións son de Andrés Meixide que semella divertirse xogando cos retratos de época de ambos nas lapelas ou coa imaxe de un dos personaxes mirando ao debuxante como se se tratara dunha fotografía.
Na presentación editorial dísenos: "Lady Bubble comeza unha nova vida en Rovaniemi, unha preciosa vila de Laponia. Os problemas non tardan en petarlle na porta. Unha familia de pingüíns necesita da súa axuda con urxencia. Non son os únicos: os elfos da fábrica de xoguetes están vivindo unha situación desesperada. Abrígate ben e prepárate para vivir unha aventura baixo cero, onde Bubble vai ter que enfrontarse a un poderoso inimigo. Papá Noel cruzou ao lado escuro." Unha familia inmensa de pingüíns, un enorme grupo de elfos... de todos se fará cargo Lady Bubble, a todos coidará; nese empeño non estará soa, Vincent -o seu fillo- será de gran axuda porque é o apoio que toda filántropa precisa, alguén tan sensible e solidaria coma ela, que está convencido das súas capacidades para resolver calquera problema, ben o demostrara cando lle construíra un corazón. Un inventora cun parche nun ollo, unha cámara detrás dese apósito coa que ver a través das paredes; onde estea Bubble todo se amaña. Esta vez terá que loitar contra Papá, que deixou de ser Noel para converterse en Cruel, explotando e maltratando aos elfos, trasladando aos pingüíns ao Polo Norte onde non poden vivir... pero todo terá un bo final: se hai que convocar unha folga faise, se hai que alimentar a varios centos de animais tamén ou construír unha pista de patinaxe para que podan vivir, reunir aos responsables de entrega de agasallos (Rato Pérez, os Reis Magos, Mamá Noel) e facerse cargo do reparto... a señorita Bubble pode con iso e máis. E cando a aventura se pecha, aparecen os corvos para anunciar que terán que viaxar a Londres para un novo traballo.
Dá gusto atopar estas historias nas que os malos son castigados, onde os seres son agradecidos e solidarios, onde os rapaces son amables e bondadosos. As historias de sempre, co regusto de amañar o mundo, de poñer en camiño o que deriva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario