xoves, 18 de febreiro de 2021

Despois de "Ei, superavó!" chega Superavoa


Ei, superavó! é un libro infantil de Paul MacCartney publicado por Xerais. Agora, da man da mesma editora e do autor e ilustrador David Rodríguez entrégannos Superavoa. As avoas son superheroinas, xa o sabiamos dende sempre, lembróunolo Joseba Muruzábal cando as pintou enormes nas paredes dos edificios, para dar testemuña desta realidade de forma divertida e esaxerada, defendendo que o mantemento do minifundio é cousa de mulleres, dicindo a berros que o rural está feminizado, que elas desenvolven unha mentalidade de traballo e unha forza resistente fóra do normal, que non se xubilan do fouciño; un rural chego de sexaxenarias, septuaxenarias e octoxenarias cunha enerxía descomunal. Agora, dínolo, David Rodríguez, deseñador gráfico de profesión e activista político vocacional, con libros de poesía ou de LIX, ensaio, teatro radiofónico e artigos.

Unha avoa que coida da neta, de todos e da casa, que entende de alimentos e de roupa, que cultiva a horta e ata foi moza dun rei mago... a nena ten medo a que desapareza, pero queda tranquila porque aí vén un irmá e nesas circunstancias a avoa non os pode deixar sós, que sería deles? 


Ningún comentario:

Publicar un comentario