A R.J. Peralta & Blanca Millán xa as temos atopado en libros anteriores: lembramos Manuela e Monstro de ollos vermellos (ese libro que nos desacouga porque trata os abusos infantís). Recoñecemos as imaxes por esa mestura de pintura e colaxe con fotos, por eses personaxes de nariz afiado inconfundible. Agora preséntannos Acouba, Babau. Un álbum que nos vai levando polo día dun neno e o seu can, que nos obriga a preguntarnos quen di a frase para poder repetila nós tamén con el: Acouga, Babau..., acouga. Porque "unha casa enteira para un neno só podería ser aburrida, pero eu teño a Babau. Hoxe espertamos cedo e fomos ao baño. Uf, non aguantaba máis! Logo, volvemos para o cuarto e agardamos por papá e mamá. Babau quería xogar e comezou a saltar na cama." Estes contos nos que repite unha frase son estupendos para ler por conta allea e que o pequeno ou a pequena nos acompañe, dicindo / lendo a repeticións, tal como "Julieta, estate quieta!" que lembramos de hai tempo. Babau vai poñendo todo patas arriba, desobedecendo a papá e mamá, pero é a compañía que se precisa, o amigo visible e invisible imprescindible, ese ao que poder botarlle as culpas e co que poder actuar a modo de superego. Hai un xogo que comeza nas capas interiores que vale a pena observar comezando polas anteriores e rematando coas posteriores, de mesma maneira que podemos buscar referencias da xeración dos pais e máis atrás, dende Bowie ou Elvis aos xoguetes antigos, os debuxos infantís, a louza e as caixas de Cola Cao, os textos colocados na madeira ou no papel, outros libros das autoras, os mapas e bonecos de diferentes fasquía. Tamén se debe ter en conta a ruptura de roles tradicionais que se simboliza a través dos pais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario