Lingua materna porque ía co leite, lingua primeira porque fora mamada, lingua de iniciación porque nela se dixeran as primeiras palabras, lingua nativa porque era a do lugar, lingua inicial porque estaba no inicio da vida. De calquera maneira había que entender que en Galicia era o galego, aínda que o leite xa viñera de fóra, aínda que os pais non transmitiran a tradición...
Se asistiramos ao derrube silencioso da catedral de Santiago mentres miramos para un ceo infestado de gavotas... asubiando, como se non fóra con nós, se viramos que a rapazada inocente fora rascando nas pedras que se lles desfán entre as mans e non lles dixeramos nada, non sería peor, pero a lingua é un patrimonio inmaterial (chámase así? ) polo tanto non se ve con tanta claridade o seu final, sempre quedará nalgún libro, sempre poderá utilizarse nunha cerimonia.
Alguén, Carlos Blanco, creou un conto no que nos propoñía venderlle a Cidade da Cultura a Inditex, explicaba que a Amancio Ortega lle gustaban os edificios (daquela) e andaba a investir no campo inmobiliario. Pagaríanos polo Gaiás ao completo, ganaríamos cartos, deixaríamos de gastar en mantelo e quentalo, e el sempre lle daría unha saída interesante, por exemplo, un edificio para cada empresa. Dicía o humorista "non sei como non se nos ocorreu antes, aí estaba a solución" pero ninguén o tomou en serio. Agora, a alguén se lle ocorre que a solución do galego sería venderllo á Igrexa (o de vender é un dicir porque non merca, só herda ou matricula/inmatricula). Se o pode considerar seu coidarao, mirade o que lles durou o latín, mirade o que conseguen co seu patrimonio: cóidallo o Estado, pagamos entre todos e segue a ser deles. De verdade, non o pensemos máis animémolos a que o rexistren como propio, a nós xa tanto nos dá, perdido por perdido, facemos como a nai verdadeira de Salomón, preferimos que sexa doutro e non que a maten.
E non disimulemos con multilingüismo, non nos imos poder dedicar todos e todas á tradución, para viaxar cada día precisaremos menos saber idiomas, xa o fai a tableta / o móbil /o ordenador por nós, e cando nos dean un traballo na emigración aprenderemos a lingua que nos vai dar de comer facendo inmersión nela e non pasándonos media vida dándolle voltas a clases particulares que apoian as oficiais. Desculpade esta descarga de adrenalina: cada un pode aprender o que queira e canto máis aprenda mellor, cada un pode facer as casas que queira, mercalas ou o que sexa, o que pedimos é que non destrúan a do avó, a de pedra xenuína do país, a que garda as proporcións e antigas formas. Pero pensade -en serio- no da Igrexa, igual aínda non caeu na conta que era lingua de derrotas e a colle da man como fixo co latín do imperio romano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario