venres, 28 de abril de 2017

Construír comunidades a través da lectura e a escrita

 
Organizado por Fundalectura "Iguales pero diversos: Congreso Nacional de Lectura 2.017" invita a explorar os lazos entre a lectura, a reconciliación e a convivencia en Colombia, entre el 26 e 28 de abril.
Mostraranse diversas experiencias para poder utilizar a lectura como unha ferramenta social, para poder pechar brechas. Nisas andamos...
Explican: “Colombia é un país dividido. Un prolongado conflito armado, diversas disputas polo uso e aproveitamento dos recursos, desconfianza nos políticos e no Estado, e unha longa historia de actividades ilegais deixaron na nosa sociedade feridas moi profundas. Frente a esta delicada división, temos a obriga de recoñecer que se queremos construír unha paz verdadeiramente estable e duradeira debemos realizar unha reflexión profunda sobre a reconciliación e a convivencia. Por esta razón el 13o Congreso Nacional de Lectura é unha oportunidade para preguntarse sobre o lugar que teñen a cultura e a educación no reto de vivir xuntos e de sandar as feridas. Para explorar as achegas das bibliotecas, da escola, dos entornos familiares e, moi particularmente, dos mozos como axentes de cambio”.
A lectura para curar feridas, para pechar brechas, para coser o que está rachado a través das lecturas e os libros, da palabra. Porque a palabra cura. Teremos quen darlle volas a eses conceptos...

xoves, 27 de abril de 2017

Unha nova fórmula para escoller libros

Cidades lectoras. 
Oportunidades para falar, de novo, da necesidade de proxectos municipais de lectura, de documentos que recollan aquilo que consideramos debemos poñer en pé, manter... difundir para que a lectura pase a ser más común. Proxectos para crear lectores e acomapañar aos que len.   
Co motivo do Día do Libro, os madrileños tiveron a oportunidade de "elixir o libro que non queren que falte na túa biblioteca"; unha especie de itinerario lector con aquelas obras que significaron tnto para nós que non queremos que os demais as perdan. 
Os cen primeiros pasarán a formar parte dalgunha das 31 bibliotecas públicas. 
"O meu libro para Madrid", será unha ocasión para coñecer os gustos dos cidadáns: ese libro que co que agasallan a súa cidade.  
E da cidade ao barrio e á cmunidade de veciños, como na foto, os libros nas escleiras, nos lugares comúns



mércores, 26 de abril de 2017

Un premio co nome de Agustín Fernandez Paz



O día do libro facíanse públicas as bases da convocatoria do premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, promovido polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e o Concello de Vilalba, coa colaboración de Edicións Xerais de Galicia.
Nel poderán participar todas as persoas que presenten narracións inéditas en lingua galega dirixidas ao público infantil e xuvenil, cunha temática vencellada ao compromiso pola igualdade, un tema ben querido por este autor. 
O prazo de presentación do orixinais remata o 12 de xullo de 2017, coincidindo co primeiro cabodano do pasamento de Agustín Fernández Paz. O autor ou autora da obra gañadora, que será publicada por Xerais en 2018, recibirá 3.000 euros. O xurado emitirá o seu ditame no mes de outubro. 
Unha iniciativa que promete. Un proxecto ilusionante que quere manter vivo o compromiso deste creador co valor da igualdade.
Accedemos ás bases a través do blog de Xerais.

martes, 25 de abril de 2017

Convocatoria de premio Edebé

 
Fonte: www.edebe.com
XXVI PREMIO EDEBÉ DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL 2017
Xénero:  Novela, infantil e xuvenil.
Premio:   30.000 € e edición
Aberto a:  sen restricións por nacionalidade ou residencia
Entidade convocante: Editorial Edebé
País da entidade convocante: España
Data de peche:    15:09:2017
BASES
Convidamos a todos os escritores e escritoras a participar no 26 Premio Edebé de Literatura Infantil e Xuvenil, un acontecemento anual que reúne as obras de maior calidade literaria para infancia e mocidade.
Establécense dúas modalidades de premio: modalidade infantil; para obras de narrativa dirixidas a lectores de 7 a 12 anos, dotada con 25.000 euros, e modalidade xuvenil, para obras dirixidas a lectores de máis de 13 anos, dotada con 30.000 euros. O feito de participar nunha modalidade exclúe a posibilidade de facelo na outra.
A concesión do Premio nas súas dúas modalidades supón que o autor cede en exclusiva a Edebé todos os dereitos de explotación sobre a obra, por toda a vixencia da propiedade intelectual, en calquera lingua, formato, canle de distribución, xa sexa de forma directa ou mediante terceiros, para todo o mundo; cesión que o autor se obriga a formalizar mediante a firma do contrato de edición estándar que nese momento teña en vigor a editorial. A dotación do Premio computarase como anticipo a conta dos dereitos de autor obtidos mediante esas explotacións. A editorial Edebé terá unha opción preferente para a adquisición dos dereitos, en todas as linguas do Estado español, das obras que o Xurado considere de interese publicar e que non obtivesen o Premio nalgunha modalidade. As obras deberán ser orixinais totalmente inéditas, de tema libre e escritos en castelán ou en calquera das linguas do Estado. O xénero literario debe ser novela.
Remitiranse dúas copias a esta dirección: Premio Edebé de Literatura Infantil e Xuvenil. Editorial edebé, Paseo San Juan Bosco, 62, 08017 Barcelona. Deberá especificarse claramente a que modalidade do
A extensión das obras será dun mínimo de 20 páxinas e dun máximo de 80 para a modalidade infantil, e de 80 a 200 para a xuvenil. Os traballos presentaranse mecanografiados a dobre espazo e escritos por unha soa cara en follas de papel tamaño DIN-A4. Acompañaranse de copia en soporte informático.
Os orixinais enviaranse baixo plica. As plicas deben conter o nome, a dirección, o e-mail e o teléfono do autor.
O Xurado procederá á apertura de plicas unha vez fallado o Premio nas súas dúas modalidades.
Cada concursante poderá enviar cuantos orixinais da súa propia autoría desexe para unha soa modalidade. O feito de participar implica o compromiso de non optar a outros premios coas obras presentadas a concurso, así como a ausencia de compromisos editoriais previos ou simultáneos para as devanditas obras.
O prazo de admisión de orixinais terminará o 15 de setembro de 2017. Non poderán presentarse ao concurso o persoal do grupo Edebé nin os gañadores da anterior edición.
O Xurado será nomeado por Edebé e estará formado por especialistas en literatura e educación. A súa composición darase a coñecer no momento de publicar o fallo do Premio. O Xurado emitirá un veredicto inapelable. O veredicto do Xurado será dado a coñecer a finais de xaneiro de 2018 no transcurso dun acto que se convocará para este fin. Os orixinais non premiados serán destruídos dentro dos catro meses seguintes á adxudicación do Premio. A editorial non responde, en ningún caso, do extravío ou perda dalgún orixinal.
A participación no Premio Edebé de Literatura Infantil e Xuvenil implica a plena conformidade e aceptación destas bases.

martes, 18 de abril de 2017

Cidades educadoras reunidas

Hai un tempo, celebrábase o Encontro Internaciona de Cidades Educadoras porque moita xente pequena, en pequenos lugares, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo... se non que llo pregunten ás bibliotecas escolares dos centros que escolarizan alumnado de infantil, primaria e secundaria obrigatoria e postobrigatoria, centros públicos con alumnado de todas as procedencias tranformando día a día a educación. E as cidades... tamén teñen o seu papel. As cidades de e para todos e todas, con educación pública de gran calidade.
Neste enlace pode verse o video presentación e neste outro a información acerca do que é posible facer nunha cidade como Granollers, que visitaron os aprticipantes ao Encontro.

luns, 17 de abril de 2017

Lectura controvertida

                                                                     Interior do centro loxístico de Amazon España en San Fernando de Henares, Madrid. Foto: Álvaro Ibáñez (CC)
Jorge Carrión escribe "Contra Amazón: sete razóns / un manifesto" que comeza así:
I: Porque non quero ser cómplice da expropiación simbólica.
Durante cincuenta e cinco anos ese edificio, un dos poucos exemplos de arquitectura industrial moderna de Barcelona, foi a sede da editorial Gustavo Gili. Agora, tras unha remodelación que custou varios millóns de euros, converteuse na central de operacións de Amazon nesta cidade. Grazas a toda esa tecnoloxía da eficiencia e a inmediatez que agora alberga, Barcelona é xa una das corenta e cinco cidades do mundo en que a empresa asegura a entrega do produto nunha hora. A librería Canuda, que pechou en 2013 tras máis de oitenta anos de existencia, é agora un Mango de proporcións faraónicas. A centenaria librería Catalònia é agora un McDonalds con decoración modernista e kitsch. A expropiación é literal, física, pero tamén simbólica.(...)

domingo, 16 de abril de 2017

Político denominado "Candidato da lectura"

Pasou en Perú. Trátase de Arturo Valverde, columnista de varios medios de prensa e autor de varios libros de ficción.
No 2016 saiu á rúa a repartir os libros da súa biblioteca persoal polas rúas de Lima. A súa proposta, no caso de ser elixido, era a campaña nacional de lectura "Por un Perú que lee". Declara que o seu desexo é poñer ao Perú a ler, tamén titula; afirma queler tan pouco como o fan leva parello esquecer o golpe de estado de Fujmori, prque unha sociedade que le poderá escoler mellor as autoridades que o representen.
E uha das súas frases máis célebres: "A biblioteca é o mellor consultorio que coñezo" 
Porque os libros son refuxios. Con eles pódense construír abrigadoiros. 


sábado, 15 de abril de 2017

Sobre a lectura: declaracións dun presidente


Barack Obama, afirmou que a lectura lle ofreciu "a oportunidade de desacelerar e atopar unha perspectiva e a habilidade de poñerse nos zapatos dos outros, e  redescubrindo, reconstruíndo... poder redescubrirme”. Este voraz lector declarouse inspirado polo pensamiento de Nelson Mandela (“unha prensa crítica, independente e de investigación é o elemento vital de calquera democracia”), Abraham Lincoln (“mellor é calar e que sospeiten de túa pouca sabiduría que falar e eliminar calquera dúbida"), Martin Luther King e Mahatma Gandhi (“A educación é o gran motor do desenvolvemento persoal. É a arma máis poderosa para cambiar o mundo”), ademáis de polos novelistas norteamericanos de cor James Baldwin, Ralph Ellison, Langston Hughes e W.E.B. Dubois, todos loitadores polos dereitos civís, como este último, que sendo sociólogo, historiador e activista dos dereitos civís panafricanos propuxo accións contra o racismo e a discriminación, o colonialismo e o imperialismo nos seus libros The Souls of black folk e Black reconstruction in America.
Obama fixo públicas listas de libros que tiña pensado ler, por exemplo no último verán; pero tamén ten falado dos escritores que influiron na súa maneira de ser. Recoñece que sempre recurriu á literatura para "fuxir da burbulla do egocentrismo" ou para adquirir discernimento, así o conta no seu primeiro libro "Os soños de meu pai".

venres, 14 de abril de 2017

De mestres e educación


Manuel Bartolomé Cossío, un intelectual, historiador da arte, pedagogo krausista colaborador de Francisco Giner de los Ríos ao que dou continuidade á fronte da Institución Libre de Enseñanza, residente das Misións Pedagóxicas, hai un século, declaraba:“dádeme un bo mestre e el improvisará o local da escola si faltase, el inventará o material de ensinanza, el fará que a asistencia sexa perfecta, pero dádellele a el a consideración que merece”. Por iso, seguía firmando: “Gastade, gastade nos mestres”. 
Gastade na formación dos mestres, na educación pública para todos/as e aforrade nas subvencións onde non sexan necesarias... 
Que empresario investiría no que non é del? 
E por que o debemos facer cos cartos de todos/as?

mércores, 12 de abril de 2017

Títulos de libros



Tragaxán e Tragadiño de Bernardino Graña conilustracións de Patricia Castelao
Un matrimonio que vive á beira do río (e, de nome, Xan Guindán), pensan en ter en fillo e póñense a ilo; naceu un neno que primeiro se chamou Xan pero comendo como comía houbo que chamalo Tragaxán. Era un homiño gordón; demasiado tranquilo e os nenos metíanse con el. Vai a nai e despois de pedir un neno que comera ben (Tragaxán) pideu un pequerrechiño; pedíronllo a Deus e soñárono e tivérono... faltaría máis! Chamouse Albertiño. Como é tan pequerrecho teñen que pedirlle a todo o mundo que axuden a velalo para non perdelo. Comendo chegou a ter o tamaño dun zapato do pai, vestíano coa roupa dos bonecos e andaba a corricar por debaixo da mesa e cadeiras; encantáballe xogar e perdíano continuamente. El era alegre e sempre ría; un día, coma quen non quere a cousa, acaba na barriga da vaca e todos o teñen que buscar e sacalo pola boca cunha corda... e desde aquela chamáronlle o Tragadiño. 
 “Date conta de que tes un irmán e tes que buscalo e coidalo”, dille a nai ao irmán máis vello, pero de pouco serve, ata que... (has de ler para saber como remata a historia) 
Árbore, de Galaxia, a partir dos oito anos.

martes, 11 de abril de 2017

Catalogo de libros infantís e xuvenís galegos 2017


GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaban de facer públio o catálogo de libros galegos publicados no ano 2016.
Este é o catálogo que se leva á feira de Boloña para dar a coñecer a produción en galego.
Podes descargar o catálogo 2017 neste enlace e  podes ver o resto de catálogos na páxina de recursos, na sección Catálogos, guías e recursos online, ao final da páxina http://www.galix.org/

luns, 10 de abril de 2017

Variedade de libros (2)




Catro cascarolos de Marilar Aleixandre con ilustracións de Enjamio, publicado na colección Sopa de libros de Xerais. 
Catro caracois de diferente tamaño (Cascarolo, Carolo, Arolo e Rolo) e especializados cada un deles nun sentido, deben abandonar o parque no que viven (ao ser lousado) e buscar outro. O camiño vai estar infestado de obstáculos, e nel, o mellor serán as confusións entre o mundo natural e o artificial, as cancións que van cantando, o xogo de adiviñas e as preguntas que semellan as da avoa de Carapuchiña.
As ilustracións de Enjamio no estilo acostumado, creativas e propias, enchendo as páxinas ou acompañando o camiño na parte baixa. A máquina moi de debuxo ao natural realista igual que o balón, os cascarolos case surreais cos ollos humanos ao final dos corniños ou na representación dos cascarolos ao lonxe que semellan case botóns, a mestura de coche e quenlla acompañando o texto, a cidade xeométrica ou o xogo divertido ao colocar o caracol no semáforo en lugar do humano.

martes, 4 de abril de 2017

Problemas coa lectura?



Convén ler estas declaraciós de vez en cando, para caer na conta de que igual hai que actuar máis nuns campos que noutros, igual non hai que actuar tanto a posteriori como a priori, igual é mellor coidar as condicións a ter que facerlle fronte ás desviacións,... e sobre todo, actuar o antes posible, partindo do valor da lectura como basamento e chave de toda a aprendizaxe.   
Ismael Fuentes, presidente da Asociación de Logopedas de España, afirma: "A aprendizaxe é un todo: Se non podmeos er, non podmeos aprender matemáticas, nin xeografía, nin historia..." 
Ao referirse a posibles trastornos como a dislexia ou o TDAH, este experto afirma que "cada vez van aparecendo máis porque existe unha predisposición. Os nenos teñen un entorno familiar e social determinado que dá lugar a ciertas situacións nas que os pequenos non se van a desenvolver adecuadamente (...) porque podemos ter un entorno xenético co que nacemos pero podemos desenvolvelo ou non ao longo da nosa vida. O incremento destas alteracións ten connotaciones noutras áreas enoutros sistemas que fan que, dalguna forma, se xeren máis problemas de dislexia, de inatención ou outros ámbitos» (...) cada vez hai máis TDAH e disléxicos pero hai unha gran cantidade destes nenos diagnosticados dunha maneira incorrecta, porque non digo que non teñan algo, pero haa moitos trastornos derivados do comportamento. O comportamento é una área na que hai moitas cousas. É como un saco onde se mete todo e despois se van sacando etiquetas para poñerlles aos nenos". Remata recalcando que estes problemas hai que detectarlos canto antes, xa que "os nenos son iguais que unha pequena árbore. Hai que endereitalos desde pequenos".

luns, 3 de abril de 2017

Os consellos de Sierra i Fabra para a escrita dunha novela xuvenil

Na Vanguardia, hai uns días o escritor de máis produción (posibilemente) da literatura xuvenil, decidiu publicar un consellos para a escrita dunha novela para a mocidade. Di así:
* Non penses no lector da túa novela.
Os rostros son anónimos. Os gustos, infinitos. O público variado. Pensa en ti mesmo, no neno ou o mozo que levas dentro, no que che gustaría ler. Se es honesto contigo mesmo, se gozas escribindo unha historia, é probable que o lector tamén a goce. A enerxía transmítese, e un bo libro é o mellor dos transmisores.
* Fíate sempre do teu instinto.
Non dubides máis do necesario e toma decisións rápidas. Unha novela ten mil camiños. Escolle o que máis sintas como bo para ti, non para a galería nin te preguntes se é o que a xente espera. Sé fiel á túa ética e mantén os teus principios como bandeira.
* Escribe como fales.
Non pretendas ser o que non es. Narra de forma sinxela e comprensible. Sé breve. Que poidas xustificar cada capítulo, cada páxina, cada parágrafo, cada palabra empregada. Nunca poñas palla nin alongues as cousas innecesariamente. Es un contador de historias. Se queres impresionar a un lector novo, sentirte mozo, pola contra parecerás impostado e el notarao.
* Os nenos e os mozos son o público máis difícil.
Non finxen. Din o que pensan. Son duros. Para chegar ao seu corazón e á súa mente debes espirte animicamente e quitarlle todo vestixio adulto. Non busques moralinas nas túas novelas, non eduques, non pretendas que aprendan senón que pensen.
* Nunha novela xuvenil, o primeiro capítulo ha de atrapar ao lector e non soltalo xa.
Despois, nas 25 primeiras páxinas has de mergullalo na historia ata ser un con ela. Pero lembra que tes todo un libro para describir aos teus personaxes, non os queimes na primeira páxina dicindo como son e furtando ao lector o pracer de imaxinalos. Ama aínda máis aos teus personaxes secundarios e lembra que teñen menos oportunidades de brillar.
* O que digan dous personaxes dialogando, que non o conte o narrador narrando.
A xente fala, exprésase, e os sentimentos flúen a través desas palabras e os xestos que as acompañan. Unha novela con extensos mazacotes de narrativa cáeselles das mans. Os datos aburren. Ti has de dominar a historia, es Deus, pero ao lector dálle só o necesario. O mundo de hoxe é pura vertixe.
* A perfección non existe. O instinto si.
Prepara un guión previo antes, minuciosamente, no que apareza todo o esqueleto da novela e a base dos diálogos. Despois escribe o máis rápido que poidas, todos os días. Leva o ritmo. Non corrixas máis do necesario (e se é posible, nin iso): vas arrefriar a túa obra. Vomítaa e déixaa quente e viva. Os artistas mediocres seguen as normas. Os inquietos rómpenas.
* Os teus editores tentarán mellorar a túa novela.
Se estás seguro do que escribiches, non cambies. Eles poñen o diñeiro, si, pero o nome da portada é o teu. Non te deixes manipular porque unha boa novela xuvenil non é manipulable, sobre todo polo público ao que vai dirixida. Loita contra a implacable censura que se exerce nos libros para nenos e novos.
* A arte non se mide polo que che pagan por facelo, senón polo que sentes ao facelo.
Non sexas un mercenario. Non penses no diñeiro nin o premio que queres gañar, foxe do éxito ou o halago fácil. Pasa das infames redes sociais cheas de depredadores que non son máis que parásitos improductivos. Escribe só a historia que queiras escribir e pensa que é imposible gustar a todo o mundo.
* E para rematar, a etiqueta de xuvenil é un termo en grao sumo impreciso, un cul-de-sac ambiguo.
Un libro xuvenil ha de estar protagonizado por un mozo entre 15 e 18 anos? Moby Dick ou Gulliver no seu día foron grandes novelas para todos os público, a segunda mesmo deostada. Hoxe son clásicos para nenos e novos. Como diría alguén, unha boa novela xuvenil é a que pode ler calquera persoa á que lle guste, simplemente, a boa literatura.

domingo, 2 de abril de 2017

Día Internacional do Libro Infantil


O 2 de abril é o Día Internacional do Libro Infantil, elebrando o día do nacemento de Andersen. Así o promove o IBBY desde o ano 1997.
Cada ano é unha Sección do IBBY a que presenta o cartel e a mensaxe para promocionar os libros e a lectura, que posteriormente será traducida a todas as linguas para ser difundida por todas e cada unha das seccións. Este ano correspondeulle a Rusia. De alí son o poeta Sergey Makhotin que escribiu a mensaxe e o ilustrador Mikhail Fedorow, autor do cartel.

Traducións de libros



Cabeza de can de Morten Ramsland. Esta novela reportoulle, ao seu autor,  os galardóns máis importantes da literatura danesa (autor do ano, libro do ano e Golden Laurel) ademais de ser traducida a unha vintena de idiomas. Publicada en Rinoceronte contradución de Moisés Barcia.
Tras pasar uns anos en Amsterdam intentando gañar a vida como pintor, Asger volve a Dinamarca para ver por derradeira vez a súa avoa, a piques de morrer. E vai narrando a riquísima historia familiar dos Eriksson, un mosaico de relatos que se estenden desde  os anos 30 ata o presente. 
O clan comeza nunha chaira xeada de Alemaña, cando o avó –enxeñeiro naval e contrabandista- consegue escapar do campo de concentración, algo que tamén marcará a súa vida porque semella que o fai matando ao compañeiro de fuxida cando son apresados os dous e lles dan a posibilidade de salvarse un (semella que o outro non o ataca), unha sombra de culpa que pode ser unha das causas que o levan ao alcoholismo. A partir de aí, toda unha saga, unha serie de xeracións nas que sempre hai un perdido, un que pretende fuxir, un que semella salvalos... para nada é branco nunha terra de neve. Unha historia que non deixa lugar para a esperanza nun futuro algo mellor, porque unha e outra vez non hai ninguén no que crer; se se trata de velos peor do que nós somos e por iso sentirnos ben... enténdese o éxito. 
Estraños exemplos, falta de lealdade de calquera tipo, alcoholismo e ludopatía, acoso e derribo dos máis debiles, malos traballadores que sempre lle botan a culpa aos demais de que acaben despedíndoos, vivir de ter sido un supervivinte da guerra, as culpas, o que vende as gravacións dos encontros amorosos da irmá, o pai que vende a colección do fillo para poder beber... polo medio algo tenro como aquel que envía o aire de Bergen á nai ou avoa facendo que é outro ou o vello que morre perdido na noite despois de crer ter salvado a un grumete que é o neto
Unha novela dura, na que a familia é un verdadeiro karma do que hai que fuxir, porque un defecto sempre che crea mil problemas cos da túa idade dos que tes que defenderte ou fuxir, onde os vellos tampouco son respectables nin respectados. Unha saga de desastres nas que non hai en quen crer, o teu irmán é o que che vende aos amigos e co que tes que seguir entendéndote ao longo da vida. Todo semella vergonzoso e vergonzante, non sei se o que se pretende é que o sexa tanto como para que a vida (dos demais) nos resulte moi aproveitable. Ningunha xeración é salvable, ningún personaxe... e todo rodeado dun halo de mala sorte, pois os cartos tamén se perden, destrúense sós, o tempo non perdoa.