24 de febreiro Día da Rosalía. Xa está no calendario do Libro, por unha vez a sociedade civil conseguiu que o seu esforzo dera froitos. Nese día, recoméndase agasallar cun libro en galego e unha flor. Non se pode dicir que teña moito eco a proposta, pero vaise facendo o que se pode. Onde apoian con toda a forza é nas escolas, aí está a aldea gala. Todos os de Asterix, con beberaxe ou sen ela dan cada unha das batallas celebrando. A rapazada -sempre disposta e non lle chamedes público secuestrado- fai programas de radio, escolle os libros e realiza lecturas públicas, vídeos e mil actividades máis que saen das bibliotecas escolares para conmemorar que tal día naceu Rosalía para regalía dos galegos e galegas.
Para conmemorar, vou lembrar algún libro -relacionado con Rosalía- dirixido á infancia. Dende aquela antoloxía realizada por Xulio Cobas: Cantando cos nenos: escolma de poemas, para que canten os nenos, publicada en Ediciós do Castro en 1985. O Rosalía de Castro para nenos de Ediciones de la Torre, Colección Alba y Mayo, unha editora española que nos tivo en conta...
A colección “Tres pitas brancas” da Fundación Rosalía de Castro con títulos como Antoloxía para a infancia e Rosalía de Helena Villar e ilustrado por Ánxeles Ferrer.
Un par de libros construídos cun poema : Parece unha rosa ilustrado por Isabel Pintado na colección Luá Lueira de Espiral Maior e Adios ríos, adios fontes ilustrador por Rodrigo Chao e publicado por Baía.
E que mellor que as antoloxías de Factoría K e Tambre con marabillosas ilustracións de Belén Padrón e Jacobo Muñiz?
Ningún comentario:
Publicar un comentario