xoves, 30 de xullo de 2026
Libro de pastas duras e mensaxe esperanzada
mércores, 29 de xullo de 2026
Novos títulos en OQO
Da presentación editorial: "Este álbum conta, en verso, a historia da xirafa Oriana, que se ve obrigada a emigrar e buscar traballo noutro país." En verso rimado, dun a outro continente, deixando caer cales son as causas de ter que emigrar, as dificultades para integrarse no país, a colaboración de nenos e nenas coas boas causas, a necesidade do activismo social cando non queda outra opción e como este pode (e debe) dar resultados positivos poñendo aos políticos a debater os verdadeiros problemas da xente... pero tamén o poder da narración oral coa que remata o álbum no mesmo lugar no que comezou a historia, porque a Historia ha de ser contada!
Todo ten valor no álbum, dende a sobrecuberta con solapas (*que ademais de recubrilo e protexelo, nos propón un traballo manual a realizar coa axuda dun código QR para elaborar unha xirafa Oriana) ás gardas onde se nos anticipa a historia, dende o principio ata o final. Un obxecto moi coidado para educación literaria e visual, pero tamén para centrar a atención en cada detalle pola información que nos ofrece. As tomas e angulacións, os diferentes planos e o que neles aparece dannos para moito mirar e falar. A historia sitúanos na sabana, vémolo polo tipo de chan e árbores, estamos noutro continente: Oriana leva no seu alto pescozo colocados moitos colares, a través dos prismáticos ve o cruceiro do que desembarcan os castores (nun turismo masivo que non nos sorprende), pero que fan os castores? acaban coas árbores e, polo tanto, coa comida das xirafas. Mentres eles se divirten, Oriana pensa en marchar. Chega ilusionada a outro país, non lle dá medo traballar pero non todas son alegrías: o lixo está por todas partes, os pelícanos vixían as aduanas, moitos traballos xa non precisan quen os faga porque están automatizados e para outros piden estudos que ela non ten. Tamén se pode observar a explotación dos estranxeiros (aquí é doado recoñecelos), cando máis desesperada está ao pasar por diante dunha escola os pequenos fálanlle e dinlle que quede con eles, como non conseguen que lle dean traballo han de manifestarse con moitos máis e levar o asunto aos gobernantes (o bufo, a tartaruga pero tamén o burro e o raposo) e chegar a "un bo trato" cun traballo a medida que só ela pode facer con ese pescozo longo e o afecto pola rapazada. Remata a historia na sabana, sobre os troncos das árbores taladas un animal conta a historia "porque traio na memoria / a miña querida Oriana", ela é a mesma que podemos seguir dende a escola, con ese lazo rosa avermellado na orella. Quen conta tamén é protagonista e así o demostra. Esa lámina final móstraa coas lentes da idade pero cos colares de Oriana e fronte a unha nova xirafa con chupete, no seu ollo reflíctese! Cada animal ao seu dende unha á outra garda: o escaravello lento coa súa bola, todos escoitando.
Importante o que se le, fundamental o que se mira e este álbum dá moito para pensar porque está reflexionado en cada pormenor, minuciosamente.
*Así explica o ilustrador que facer: "O álbum vén cun plus, que é un videotutorial —accédese a través dun código QR, mentres que un segundo permite imprimir novas maquetas— para amosar as posibilidades do que se pode facer coas sobrecubertas, que en realidade son para que os nenos poidan abrilas e pintar nelas... Neste caso, non é só colorear, senón que eles poden facer as súas propias creacións de xirafas (...) A xirafa ven sen vestir, polo que podemos facerlle un vestido ou un pantalón, ou podemos poñerlle a roupa que queiramos. É xogar a vestila e a darlle a nosa propia imaxe ou a que nós quereríamos que tivese Oriana."
domingo, 14 de xuño de 2026
Onde está a mamá? e O irmán maior máis mellor de todo o mundo
Onde está a mamá? de patasedepeixe de Julia Donaldson e Axel Scheffler, traducido por Laura Sáez e Sandra Sánchez Sáez.
O moniño perdeuse, busca a mamá; o bolboreto quere axudalo e pregunta: como é? a cada resposta do mono o bolboreto lévao xunta un animal que non se corresponde co que andan a busca. Se o mono di grande, o bolboreto lévao co elefante, se di que co seu rabo se agarra ás árbores condúceo xunto as serpes, se di que ten patas preséntallo ás arañas, se vive na cima das árbores lévao co papagaio... que ten o pelame marrón, logo debe ser un morcego... e así unha e outra vez nunha especie de xogo de adiviñas que semella desesperar ao mico. Ata que se enfronta e lle di que ningún deses animais se parece a el, a resposta é magnífica "nunca me dixestes que vos parecedes e os meus non se parecen a min." Tamén é certo, as crías de bolboreta son vermes e nada teñen que ver coa gracia das bolboretas. Daquela o bolboreto lévao co pai e xa se sabe... Os dous encamíñanse ata onde está a nai. O xogo está servido, describir un animal polas súas características (podemos facelo dunha nunha ou de dúas en dúas...) e ver quen acerta primeiro.
Un final feliz e un percorrido divertido, que máis se pode pedir? Non perderse máis que para xogar!
O irmán maior máis mellor de todo o mundo de Ben Mantle está publicado por Andana editorial e preséntase así: "Ter un irmán é o mellor do mundo ata que... Din que ter un irmán é un agasallo, pero aqueles que o experimentaron saben que vivir xuntos é unha mestura de amor e conflito. Este libro ilustrado captura esa realidade con sensibilidade e humor. Nano e o seu irmán maior, Fèlix, son os mellores irmáns do mundo. Len as mentes un do outro e teñen palabras secretas, como "súper lichi". Fan todo xuntos, desde xogar a monstrocamións dinoaplastadores ata ser unha parella artística incrible. Pero un día, Nano descobre un cartel na casa da árbore de Fèlix que di: "Prohibido o paso a Nanos" Como resolverán este conflito? Unha historia que explora sinceramente os matices da relación entre irmáns, desde a adoración ata as pelexas máis tolas."
A historia está contada polo pequeno en primeira persoa, el está feliz con seu irmán, pero Félix o maior cansa del ás veces (desfaille cousas, métese moito nos seus asuntos, cópiao en todo, non lle deixa espazo propio...). O pequeno conta "Somos como unha persoa en dúas copias". Todo comeza pola casa na árbore á que Félix lle prohibe entrar, o pequeno fai a súa propia casa pero lévalla o vento, o maior decide pedirlle perdón e facerlle unha moi grande para que cando o pequeno o convide a entrar podan xogar os dous observando o que sucede ao seu arredor, pero a meirande ensinanza é que hai que deixar liberdade e autonomía, cada un precisa o seu propio espazo e o seu tempo, por moito que se queiran.
martes, 9 de xuño de 2026
Parchís de María Girón
Parchís de María Girón está publicado por Kalandraka con tradución de Iago Nicolás.
Trae un taboleiro de parchís para que o xogo se faga real e o tempo compartido sexa verdadeiro. Catroi casiñas, cada un coa súa cor e o seu animal, a súa casa.
Preséntase como unha historia tenra, enxeñosa e divertida sobre a amizade, o xogo e o pracer de compartir as pequenas cousas. O que conta é unha historia de convivencia, de como todo é mellor cando se comparte, de como non tmeos que ser iguais nin achegar o mesmo senón complementarnos e achegar cada un o aquilo no que destaca. Unha mañá de inverno, todo nevado, gato pensa que o mellor é tomar unha cunca de leite quentiño, pero se vai buscar alguén máis o leite saberá mellor, meteo nunha botella abrígase (pon o abrigo, a bufanda e o gorro) e sae á busca. Para na casa da árbore onde coella acaba de sacar do forno o seu biscoito de cenoria, pero pensan que mellor vai saber se almorzan en compañía, así que coella abrígase (abrigo, bufanda e gorro) e xuntos van á casa do lago. Alí parrulo di que é un día perfecto para tocar o ukelele a carón do lume, pero aínda soará mellor se comparten ese tempo con alguén máis, abrígase (de novo a repetición: abrigo, bufanda, gorro) e vanse á casa do outeiro, pero non atopan a teixugo, porque este saiu, ben abrigadiño e co parchís, na súa zorra e vai pasando polas diferentes casas (a do río, a da árbore, a do lago) e seguindo as pegadas vainos atopar na propia casa, na do outeiro onde o están a agardar. A carón do lume, toman o leite, o biscoito, escoitan o ukelele e xogar ao parchís mentres a roupa seca. Son felices!
Unha historia acumulativa na que as ilustracións nos contan máis que as palabras e onde se demostra que a felicidade compartida é máis e mellor. Unha historia circular como a amizade que envolve aos amigos e amigas e os conduce dunha a outra casa, dun a outro refuxio, dun a outro mundo, dunha a outra soidade que, de vez en cando, se alimenta da compañía.
venres, 22 de maio de 2026
Onde caben dous... ou Onde caben catro
Onde caben dous caben tres de Cristina Oleby e Xiana Teimoy está publicado por Jaguar na colección Miau.
Da presentación editorial: "Raposo está a esperar a unha amiga para celebrar unha velada romántica. Pero van chegando varios amigos que non queren cear sós. Así, Mapache, Lebre, Sapo e Curuxa únense a esta improvisada cea na que pode haber sorpresas. Cristina Oleby e Xiana Teimoy convídanche a unha cea romántica con Raposo e os seus amigos do bosque, haberá comida para todos? Ou haberá cambio de menú? Descúbreo neste divertidísimo álbum ilustrado".
Raposo agarda coa mesa posta pola amiga coa que vai compartir cea romántica. Mentres agarda, van aparecendo diferentes animais do bosque que van cear sós, e Raposo convídaos a compartir mesa porque onde caben dous caben tres. A repetición e acumulación son pautas importantes no que se conta ou le para estas idades ("Non me digas! No me gustaría nada que ceases só. Cea connosco! Onde caben dous caben tres"). Unha sorpresa final para aqueles e aquelas que son quen de observar detidamente as ilustracións e comprender as frases que poden ter máis dun sentido; isto amplia o significado do relato.
mércores, 6 de maio de 2026
PATAS ARRIBA
Una paleta de cores vivos, figuras de contornos definidos sobre fondos planos e personaxes con expresións divertidas caracterizan plásticamente esta obra de Anne Derenne que nos lembra a algunhas producións de animación. Un orixinal libro-xogo cheo de humor que convida a lectores y lectoras a pasar á acción para axudar aos desconcertados habitantes da sabana de libralos dun final non desexado. Feliz aventura!"
O poder de quen le faise evidente nesta obra, porque ti, lector, lectora, tes a capacidade de facela avanzar cada un lado ou outro, de ordenar ou desordenar o mundo, de colocar cada cousa n o seu sitio ou deixala dunha maneira absurda, pero tamén de descubrir quen se quere aproveitar da ocasión para cazar algún deses animais que andan medio mareados pasando dun lugar a outro. O principoio da historia fálanos desa inxenuidade do elefante que se move con toda a alegría que lle é propia (como elefante en garaxe, diríamos) e descontrola o mundo. Cada plana dános a ocasión de ver que animal está fóra de lugar e cal deles xa está onde corresponde, un a un teremos que revisalos para descubrir que é o que debemos facer, ir comentándoo e ir tratando de situalo na paz primixenia é o que corresponde a partir de agora, pero non é tan doado, non, as nosas mans tamén poden ser moi brutas e os movementos non ser os axeitados pero ademais, a autora introduce un novo elemento que debemos descubir para evitar unha hecatombre de verdade, cando o fagamos, cando toda a fauna o mire, avergonzarase e marchará por unha esquina, esa mesma esquina da que está colgado na garda final da obra.
Dende o mesmo título escrito seguindo o significado ata a plana colocada ao revés do sentido, todo se converte nun xogo total. O xogo do abaneo...
Escrito, todo el, en letras maiúsculas.
sábado, 25 de abril de 2026
O bosque sobre as ondas
O bosque sobre as ondas de Nacho Rubio e Salitre está traducido por José-Luís Morais publicado por Plantasueños.
Debuxos en branco e negro, con motas de verde nun pequeno personaxe que percorre o libro e nas follas, nas copas das árbores vivas.
Teremos que pensar no título para anticipar o contido. Non é difícil, de que se facían as armadas? de verdadeiros bosques que había que talar para construír barcos. O marabilloso deste libro é que consegue transformar a realidade para que de novo volva a vida porque "cando os tempos se volven convulsos, sempre hai alguén que vela por restaurar o equilibrio."
Un álbum fermosísimo na forma e no contido, nas frases contundentes e as imaxes con todo o simbolismo posible, coas palabras en verde para que non se nos esquezan, con esa relación tan compacta entre a ecoloxía e o pacifismo porque se tala o bosque para ir á guerra pero non poden chegar porque o bosque abrolla de novo e acaba formando as illas do Báltico... o mar que ían dominar.
martes, 21 de abril de 2026
Álex ten vergoña de Natalia Shaloshvili
Álex ten vergoña é un álbum ilustrado de Natalia Shaloshvili, traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka.
Despois de Que precisa un gato pequeno? e Pablo está de mal humor, aparece esta nova obra que nos mostra emocións introducíndonos no mundo dos pequenos animais.
Así se presenta: "Cando Álex chega á casa de Leo para gozar dunha tarde de xogos, encóntrao cheo de enerxía e listo para a acción. Leo quere xogar coa súa amiga aos restaurantes, formar con ela unha banda de rock ou voar xuntos á Lúa. Álex imaxínase preparando esponxosos pasteis, actuando sobre o escenario ou sucando o espazo, pero a súa timidez véncea rapidamente e só desexa volver á casa. Como poderá demostrarlle a Leo que de verdade quere xogar con el?
Natalia Shaloshvili regresa con outra historia inspirada nas súas propias experiencias infantís dedicada a aqueles nenos e nenas que necesitan máis tempo para socializar. Un álbum cheo de tenrura e humor no que un pequeno cachorro de lobo é capaz de superar a súa vergoña e timidez coa axuda do seu amigo para, por fin, gozar xogando xuntos."
Xogando coa tipografía (fragmentos en letra caligráfica) váisenos presentando a situación. Unhas ilustracións a base de manchas, moi expresivas e doces que nos van levando a entender a eses animaliños que se atopan para xogar. Mamá leva a Álex á casa de Leo para que xoguen xuntos, pero o pequeno rato prefire xogar con súa nai e non ter que enfrontarse a novas situacións que o poñen nervoso. Por riba, Leo é todo seguridade en si mesmo, quere xogar a ser cociñeiros, tamén a ser estrelas de rock e ata astronautas. Álex, a pesar de que lle apetcen todas esas opcións, queda paralizado e quere volver á casa. Daquela Leo confésalle a tristeza que lle dá o feito de que non queira xogar con el, porque o que máis desexaba é que puideran ser os mellores amigos para sempre. Ela dáse conta de que é o que tamén desexa e confésalle a súa vergoña. Nada hai mellor que a sinceridade. Leo fálalle desde o corazón, tamén el ten vergoña ás veces e ademais pode mostrarse un pouco berrón e mandón. Agora si que poden xogar, a todo, a facer chulas e a ser rockeiros do espazo. Un cachorro de lobo e un ratiño poden xogar xuntos, só llo pode impedir a vergoña dun deles e, quen é o máis animoso? pois, o ratiño! (non vos deixedes levar por prexuízos)
Falar de que se sente, dos afectos, das emocións... é máis necesario que nunca, para continuar sendo humanos, para que nos importe o que pasa, para que a indiferencia non nos gane. Para non perder ningunha oportunidade que compartir e ser felices!
Ula vergoña?
luns, 23 de marzo de 2026
Papá, por favor, achégame a lúa
Papá, por favor, achégame a lúa de Eric Carle aparede publicado por Kalandraka con tradución de Chema Heras e Pilar Martínez, nunha nova edición. Na colección Tras os Montes de Kalandraka, nun novo formato que introduce a posibilidade de abrir as páxinas ata amplialas en vertical ou incluso nas catro dimensións.
Preséntase así: "Unha orixinal proposta de Eric Carle con lapelas e páxinas despregables para descubrir a maxia das fases lunares."
Unhas gardas de estrelas, unhas ilustracións en colaxes con predominancia do azul para falar da noite e darlle forma ao desexo dunha filla. A lúa foi dende sempre ese misterio que queremos descifrar, a nena quere tocala e ao non ser capaz pídelle a seu pai que lla achegue. E o pai non o pensa, colle unha escada moi moi longa e lévaa ata a montaña máis alta, e comeza a subir ata chegar a ela (que non fará un pai pola súa filla?) e poder falarlle, a lúa dille que cada noite se vai ir facendo máis pequena ata que o pai a pode coller e levarlla... para saber o que pasou a continuación non queda outra que coller o libro nas mans igual que fixo a nena coa lúa.
Lembremos que deste autor en Kalandraka podemos contar en formato especial con Unha eiruga moi larpeira en pop up, en acartonados con sons Un grilo moi silencioso, e outros acartonados (con texturas) Soño de neve, (xogo) Queres xogar comigo? e Da cabeza aos pés, Oso pardo, oso pardo, que ves aquí?; álbums como Amigos, A araña moi ocupada...
domingo, 15 de marzo de 2026
Ganapán e Garabato
Ganapán e Garabato de Chus Álvarez e El primo Ramón (Borja Ramón López Cotelo e María Olmo Béjar) está publicado por Pepa a Loba editora, na colección Calidoscopio.
Da presentación: "Ganapán é un can que non sabe ladrar e Garabato é un gato que non sabe miañar.
Ambos séntense diferentes. Choran na soidade. Pero xuntos atopan unha solución.
Un libro ilustrado, amable e enxeñoso, sobre a soidade e sobre como as diferenzas poden crear verdadeiros lazos de amizade." E se alguén se ri de ti, cando ti sexan quen de transformar o problema noutra cousa, riranse contigo e con todos os que decidan falar como queiran, porque os bufos poden facer oinc, as vacas auuu, os lobos muuu e... ser felices!
Unha boa historia e mellores ilustracións para presentar animais pouco convencionais, amigos e seres coa picardía suficiente para defenderse de quen se atreva a mofarse deles.
Recuperar a El primo Ramón, na compañía de María Olmo, sempre é unha boa nova, e moito máis cando nos sitúan ante unha historia que resulta interesante.
martes, 3 de febreiro de 2026
A gran fuxida de Xosé Tomás
A gran fuxida de Xosé Tomás é un álbum ilustrado publicado por Belagua
Da presentación editorial: "Que ocorre na cidade mentres todo o mundo dorme? Que misterio agocha a noite? Algo incrible está a piques de suceder!"
Múltiples onomatopeas e letras de diferentes tipo e tamaño para introducir aos primeiros lectores neste relato. Unha historia que comeza no silencio da noite xusto antes da amanecida, no zoo. O gorila pon en marcha o plan de fuxida ao romper os barrotes da súa xaula, libera a familia de elefantes que non deben barritar, a xirafa dende o alto controla a operación, saen os chimpancés que rouban as chaves das xaulas e van liberando a todos agás aos cocodrilos (que teñen fama de traizoeiros), o papagaio engana ao vixiante contestándolle que todo está en calma cando o nota sorprendido. A avoa e o neto que agardan a que abra o zoo asústanse e perden a voz cando ven ao gorila montado no elefante marchando. Alá van, sen barritar, sen ruxir, sen cantar e sen ouvear. Cando os vixiantes se dan conta, aquilo máis que un zoo semella un deserto e aínda que os cocodrilos queren contar como foi, ninguén os escoita. Será o papagaio quen remate o conto cantando e o elefante quen lle poña o fin.
Unha banda deseñada para as crianzas ás que lles gustan os animais e van aos zoos para poder atopar aqueles aos que só aí poden acceder.
sábado, 31 de xaneiro de 2026
VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético
O VI Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético recaeu en Noa e a cidade sen maxia de Angie Roa.
Da presentación en Xerais: "Noa é unha nena que medra escoitando relatos sobre unha cruel batalla librada por culpa da maxia, da que todo o mundo renega. A rapaza non imaxina, ata que lle é desvelado, que ela provén dunha liñaxe de grandes magos e que chegou o momento de que coñeza os seus poderes e a verdadeira orixe do que semellaban ser só lendas."
Unha nena que vive soa coa nai, o pai desapareceu nesa batalla da que se fala en voz baixa. A nai teme a maxia, pero ela vai superar esa traba e experimentará ata crear un compañeiro de aventuras, marchar a outros lugares onde a xente non odie a maxia e poñer en práctica o que sabe e posee. Así poderá cambiar a vida dos avós e da xente que a rodea. O mundo volverá ser outra cousa dende que NOa recupera a maxia.
Un guión que atrapa como esa nena que xoga cos poderes, infantil e inxenuo, unha historia na que se cumpren os desexos, a xente pode deixar de ser cruel e o mundo pode volver a ser feliz... Canta falta fai esa maxia no mundo actual!
domingo, 25 de xaneiro de 2026
Álbum ilustrado con alternancia de contrarios
Afortunadamente de Remy Charlip está publicado por Lata de Sal na colección Vintage.
Con moi pouco texto e grandes ilustracións, vai xogando coas cores (cando a fortuna lle sorrí aparecen os vermellos e azuis mentres que cando o abandona os grises fanse donos da plana). Porque a boa e mala fortuna vanse alternando así que imos de "afortunadamente" nunha plana a "desafortunadamente" na seguinte. Porque afortunadamente un neno recibe un convite a unhs festa sorpresa pero desafortunadamente queda moi afastado o lugar onde se vai celebrar, aínda así aproveita que lle prestan unha avioneta (afortunadamente) pero esta estoupa no aire (desafortunadamente) e así continua ata un final que non deixará de ser sorpresivo. Tal como a v ida coas súas idas e voltas, tal coma os días con calificativas de todo tipo... así será a viaxe de Ned, ese neno intrépido que non dubida en seguir adiante.
Da presentación editorial: "Afortunadamente este libro se ha traducido por primera vez al español, porque este libro es una auténtica maravilla. El protagonista es un niño llamado Ned y todo lo que le sucede es como un baile, el baile de la vida. A veces, la fortuna le sonríe. A veces, no. Pero Ned, sigue adelante siempre, a pesar de las dificultades, a pesar de las páginas en blanco y negro que le ofrece a veces la vida. Porque la suerte y la fortuna es, finalmente, de los que la buscan."
venres, 9 de xaneiro de 2026
Unha nova entrega de Elmer
O elefantiño de retallos de cores de David McKee, tráenos unha nova aventura: Elmer e as baleas, en Kalandraka, na colección Tras os montes con tradución de Xosé Manuel González.
Elmer vai co curmán Wilbur (o alefantiño de retazos brancos e negros) visitar o avó, este cóntalle que cando tiña a súa idade, nesta época do ano ía río abaixo para ver o paso das baleas. Os pequenos non queren saber máis e decídense, queren animar ao león pero prefire botar a sesta e o tigre non está disposto a perder o té. Alá van, seguindo o río e contando o fan, os cocodrilos aconséllenlle que fagan unha balsa con troncos e o monos vanlles axudar a amarralos, os rinocerontes empúxanos para que os leve a corrente. Pasan apuros pero para cando espertan están no mar entre baleas. Elas aceptan levalos a terra e cóntanlles que hai tempo coñeceron a outro elefante... quen sería?
Arriscarse ten premio, estes elefantes corren aventuras igual que o avó, algo así lle pasou ao hobbit Frodo que tamén escoita ao tío. As imaxes tamén nos obrigan a ler e opinar, que teñen en común os elefantes e as baleas? que fan Elmer e Wildur ao paso dos elefantes? a que animal dos que aparece no conto te asemellas máis ti? pon onde pasa o río? como recoñecemos a natureza cando se achegan ao mar?
sábado, 3 de xaneiro de 2026
Poemario cunha presentación de álbum
Tesouro de Milj Praagman preséntase nun libro de pastas duras, formato vertical e ilustracións que ocupan as páxinas case ao completo. Está publicado por Hércules ediciones en tradución de Antón Vialle e Ana Alonso Seisdedos, na colección Novas lecturas de Hércules. Un libro case preciosista con páxinas de dioferentes cores para acompañar unha ilustracións.
Así se presenta: "Chispeantes debuxos e poemas de Milja Praagman. Poemas acerca de ti e mais eu, acerca dese instante único, de pelexas e barullo, dunha nena na avoa e dunha avoa nena. Unhas veces etéreos e outras realistas. Cheos de curiosidade polo mundo e marabillosamente ilustrados. Para todas as idades."
Unha vez máis temos que epxlicar que para atopar a cuberta e a presentación editorial do libro en galego temos que buscar fóra da editorial. Algo ben estraño e contraditorio.
Un libro de hai algún tempo que tamén nos chama a atención por tratarse dun abecedario: Abecedario ilustrado se chama, é unha tradución que realiza Anaír Rodríguez; o texto é de Carles Cano e as ilustracións de diferentes artistas; de feito, cada un faise cargo dunha letra. Unha tradución, un abecedario e a dificultade que entraña porque non son as mesmas letras en galego e castelán.
"27 ilustradores españois e latinoamericanos participan neste abecedario ilustrado. Unha letra por cada dobre páxina, unha palabra que comeza por esa letra e un pequeno texto literario, en ton divertido e asequible para os pequenos lectores, no que aparece esta palabra, escrito en maiúsculas e letra ligada." Si, maiúsculas e minúsculas, un pequeno texto e unha ilustración a páxina completa.
Ivar da Coll por Colombia; Isol e Gusti por Arxentina; Roger Ycaza por Ecuador; Rafael Yockteng por Perú. Xan López Domínguez, Miguelanxo Prado, Víctor Rivas, David Pintor, Nuria Díaz por Galicia. Adolfo Serra, Miguel Ángel Díez, Carme Solé, Alberto Gamón, Óscar Julve, Ximena Maier, Goyo Rodriguez, María Espluga, Lucía Serrano, Javier Olivares, Iban Barrenetxea, Federico Delicado, MIkel Valverde, Emilio Urberuaga, Antonia Santolaya polo resto das Españas!
martes, 23 de decembro de 2025
Pedra a pedra
Pedra a pedra de Giuliano Ferri é un libro silente, de pastas duras, publicado por Kalandraka.
Para derrubar muros e construír pontes (di a presentación editorial) e non hai maneira de explicalo mellor.
Un muro e nel unha planta que nace, o ratiño quítaa e sae unha pedra de forma que se ve un anaco de paisaxe. O gato axúdalle quitando outra pedra (agora é máis doado) e aumenta a vista da natureza que hai detrás do muro., vén o porquiño e colabora, ñlogo o coello e a ovella. Xa non hai muro e vese o que hai do outro lado: un mono, un león, un elefante, unha xirafa... Cando se ven ao auga polo medio separándoos, deciden utilizar as pedras para construír unha ponte e poder atoparse, abrazarse, facerse amigos!
Para os tempos que corren non hai mellor ensinanza. Mentres os adultos se portan como maleducados, os pequenos móstrannos o camiño. Haberá alguén que escoite?
xoves, 18 de decembro de 2025
Máis álbums
Avelina es divina de Gracia Iglesias e Sara Sánchez está traducido por Vanessa López e publicado por Miau de Jaguar.
Así se presenta: "A hipopótama Avelina está na casa morta de aburrimento, pero apareceranlle unha morea de opcións para ter cousas que facer. Saír da casa e dar un paseo? Dar unha volta en coche con Timoteo? Quedar coas amigas? Ler un libro ou quedar na casa calcetando? Neste libro-xogo terás que elixir que camiño tomará Avelina para ver que acabará facendo ao final." Unha historia rimada en pareados que ten pouco sentido, está aburrida e fai mil cousas pero non se ve o nó nin a historia...
Algo pasa na casa do lobo de Susana Isern e Ayesha L. Rubioestá traducido por Marisa Núñez e publicado por OQO. Da presentación editorial: "Amencía no bosque. Papá Marmote ergueuse e foi espertar á pequena Moti; pero na cama da súa filla só asomaban as orellas longas de Teo, o coelliño..." cando vai mirar á casa do coello na súa cama está a tartaruga, van á casa da tartaruga e na súa cama está o esquí pero aparece a nai do esquí con Moti (alí a atopou). Os peques non contan que pasou, ou non o saben ou non queren facelo. Noite a noite os pais van observando ata descubrir que os pequenos espertan e marchan detrás da chamada dos grilos e van á casa do lobo, alí el cóntalles contos e despois devólveos ás súas casas. Unha marabillosa historia acerca do poder das palabras, da bondade dos seres, dos contos contados doutra maneira e da amizade que nace grazas á rapazada, porque aos maiores tamén lles gusta escoitar as historias do lobo, así que alí se van xuntar todos noite a noite, convivindo.
Por que será que as editoriais con historia nos ofrecen produtos de máis calidade? Así sucede con este álbum con algo que contar e ben contado tanto nas imaxes como nos textos.
domingo, 5 de outubro de 2025
Partes de serie
Curriño. Fama ou fuga de Ledicia Costas está ilustrado por Mili Koey e publicado por Xerais. Terceira parte da serie protagonizada por ese can, Curriño, ao que lle pasa de todo. Pasa de ser un can influencer de primeiro nivel a caer de desgraza? cando a súa ama desaparece levada por unha onda mentres anda a facerlle fotos. A segunda parte conta a vida do can abandonado na rúa sen ama, como o pasa mal ata entenderse cunha manda de cans libres. A terceira, cóntanos como é secuestrado o can ao ser recoñecido por unha nena que o adora, que ten a súa foto ocupando todo o cuarto xunto con todos os produtos do seu merchaising e como, de novo, se ve abocado a converterse nun can comercial (agor ade máis baixo nivel) ata que consegue fuxir axudado pola manda. Esa nena á que el ve cun brillo diabólico nos ollos de vez en cando, disposta ao que sexa por cumprir os seus desexos, vai ser para elmoito peor que a carracha que levaba no pescozo na vida anterior, ela, Superferolítica, será quen consiga libralo do chip... A diferenza entre as "creadoras de contido" e as seguidoras e fans, unha materia para a reflexión. Igual que a relación coas mascotas, para que as queremos?
O tempo dos influencers, eses seres dispostos ao que sexa por conseguir fama e cartos, os egocéntricos ao máximo, enfróntase ao da liberdade dos animais de rúa. Os avós permisivos pero cun toque. Uns pais dos que nada sabemos e unha nena consentida. Cores alegres, moito rosa que semella ser a cor de moda igual que os selfies...
Así se presenta: "A nova saga infantil de Ledicia Costas,
protagonizada por Curriño, o can máis famoso de Internet" "Socorro! Secuestraron a Curriño! Non imaxines uns tipos fortes e con
cara de malos, non. A secuestradora é Anxélica, unha nena moi fan de
Curriño, que o recoñece na rúa e o leva á súa casa para coidalo e volver
facelo famoso. Queira el... ou non.
Curriño bota en falta os seus amigos e, aínda que Anxélica é bastante
prosma, tamén bota en falta ter preto alguén que lle dea agarimo e que o
adore (como debe ser!). Así que terá que escoller. Que prefire
recuperar: a súa antiga fama ou a liberdade, que acaba de descubrir?"
martes, 22 de xullo de 2025
Álbum ilustrado: Non é uha caixa, é unha cidade
Non é uha caixa, é unha cidade de Antoinette Portis está traducido por Chema Heras e Pilar Martínez, publicado por Kalandraka en Demademora.
Así se presenta: "O coelliño quere construír unha cidade con caixas de cartón e cre que non precisa axuda de ninguén: nin da xirafa, nin das formigas, nin sequera do camaleón. Pero non hai nada mellor que o traballo en equipo." O valor da creatividade, a colaboración e o traballo en equipo.
Porque a seguridade nun mesmo debe ter un límite, a posesión tamén ("esta é a miña cidade"), deberamos crer nos demais e compartir con eles o traballo e o froito porque todos axudamos e así conseguimos que esta "sexa a nosa cidade!"
Marabillosas ilustracións cheas de caixas e elementos xeométricos que se combinan cuns debuxos figurativos mínimos de animais (xirafa, formigas, camaleón) que ocupan o espazo ao lado do coelliño branco que vai cambiando de actitude.
domingo, 20 de xullo de 2025
Álbum ilustrado
As mans da miña avoa de Inés Cardoso e Susana Matos está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka na colección MareMar.
Da presentación editorial: "Unha historia tenra e chea de amor que nos traslada no espazo e no tempo a través da sempre curiosa ollada da infancia. Unha homenaxe ás avoas, as mellores mestras, que nos achegan sempre memoria e sabedoría." Na páxina de Kalandraka relaciónano con A avoa adormecida, O comedor da avoa e Avós.
Contado dende o punto de vista da neta, este libro é unha declaración de amor e respecto polas súas mans. As mans da avoa son máxicas, fai doado o que é difícil, as súas mans son sabias e fortes, ela observa o que fai a neta e está presta a botarlle unha man, sabe que para ter unhas mans como as súas hai que pasar moitas penurias. Ademais das mans, la observa a avoa: a súa cara chea de engurras coma surcos na terra, os ollos cansos de tanto ver, as lembranzas doutros tempos, coñece o nome de todo canto hai no campo (plantas e flores, froitos e animais), sabe o que debe coidarse e o que hai que eliminar, cando aguar e cando podar, ensínalle aplantar unha árbore para que medre tanto como o fixoa cerdeira que ela plantou de pequena, tamén lle ensina a cociñar e os seus platos poden ter o sabor da saudade, tamén cose non desbotanto aacos de tea ou botóns que sempre reutiliza e ademais, ensínalle a agardar polas estacións, por outros tempos, polo futuro, polas árbores para que medren...
As mans da avoa gardan o tesouro que nin siquera os piratas teñen.





















