xoves, 30 de xullo de 2026
Libro de pastas duras e mensaxe esperanzada
luns, 27 de xaneiro de 2025
Acartoados de Xerais
Unha unicornia de El Hematocrítico con ilustracións de Alberto Vázquez. Preséntasenos unha unicornia e cóntanos que o que máis lle gusta neste mundo son as nenas, dinlle que non existen, pero ela cre na maxia e sabe que algún día poderá coñecer unha nena e cabalgar levándoa con ela. Así é, vai atopar un portal marabilloso debaixo do arco da vella e nese mundo máxico que atopa, hai unha nena que o colle no colo e o leva con ela. Outra historia á que se lle dá a volta.
Outro título dentro dos Hematiños de Xerais e aínda que as ilustracións non son nada do outro mundo, a historia merece a pena... e máis se vemos que por fin O Hematocrítico xa escribía en galego. Unha sorte que perdemos, tampouco dese avance poderemos gozar!
martes, 24 de setembro de 2024
Un novo libro de Fréderic Stehr: "A hora da sesta"
A hora da sesta de Fréderic Stehr (traducido por Xosé Ballesteros) é o terceiro título que publica Kalandraka deste autor. Libros duros para que as criaturas podan manipulalos a pracer.
Así se presenta: "É a hora da sesta na escola infantil e Leo non ten sono. Para entreterse, fai unha cabana e esperta o seu amigo Oli para amosarlla. Pouco a pouco, os demais compañeiros irán sumándose para construír unha na que caiban todos."
O mellor do libro non é o que conta senón como o fai. Entre as ilustracións e as escasas conversas entramos no mundo desas crías de aves e o seus tempo na gardería. Esa maneira de contar que nos leva a eses instantes nos que a tenrura envolve a situacións: as posturas porque hai quen dorme do revés e quen o fai ocupando o colchón de lado, a personalidade de cada un deles, o boneco que os acompaña e a maneira na que se apuntan ao xogo... podemos seguir a evolución do sono de cada un deles, de como o quen non durmiu antes necesita facelo despois, a transformación da cabana... Na contra cuberta continúa a historia cando un dos pequerrechos pon a durmir a sesta aos seus bonecos e tamén lles prepara esa posibilidade de construír a cabana.
Como é posible seguir gardando esa primeira infancia para facérnola chegar?
xoves, 28 de decembro de 2023
Libros acartoados de Kalandraka
Da cabeza aos pés de Eric Carle preséntase así:"Descubrimos as partes do corpo xogando a movernos como algúns animais. Desafíos divertidos para prelectores e primeiros lectores neste libro en edición acartonada". Cada animal (pingüín, xirafa, bisonte, mono, foca, gorila, gato, crocodilo, dromedario, burro, elefante e loro poñen a proba ao neno e a nena para ver se son quen de facer o que eles fan e, de verdade, que o conseguen. Un divertido xogo que nos obriga a movernos e ver ata onde podemos facelo, dende a cabeza aos pés.
Oso pardo, oso pardo, que ves aquí? con texto de Bill Martin Jr. e ilustracións de Eric Carle. Preséntase así: "Un oso pardo, un paxaro vermello ou un cabalo azul
son algúns dos curiosos personaxes que se asoman ás páxinas deste
divertido álbum acartonado, ideal para aprender as cores e
os nomes dos animais." Cada un dos animais di que ve ao seguinte que se vai presentar e así pasamos do oso ao paxaro, do paxaro ao pato, do pato ao cabalo, do cabalo á ra, da ra ao gato, do gato ao can, do can á ovella, da ovella ao peixe, do peixe á profesora e dela aos nenos que a miran. E agora, "nenas, nenos, que vedes aquí?". Toca contestar...
Ambas traducidas por Iago Nicolás para a colección Tras os montes de Kalandraka.
As obras de Eric Carle son recoñecibles pola técnica, unha especie de colaxe impresionista, coas figuras case sempre recortadas sobre fondo branco.




