Só para adultos de Iria Misa é unha obra necesaria.
A presentación editorial dío claramente: "Unha novela que afonda, con crueza e tenrura á vez, na adolescencia actual atravesada polas pantallas, o contido sexual e as redes sociais. Daniela vive nun mundo onde os límites da intimidade e do consentimento están desdebuxados. Xandre e o seu grupo de amigos son rapaces educados polo consumo masivo de pornografía, que converte os corpos das mozas en trofeos e contido para compartir. A través da amizade, das traizóns, do «bullying» e dunha dura representación da normalización da violencia sexual que está latente na nosa sociedade, a obra cuestiona o modelo relacional do que se está a nutrir unha xeración que medra co móbil na man".
A cita coa que comeza "Os rapaces teñen o cerebro cheo de porno e o porno, hoxe en día, é violencia contra as mulleres. É urxente abordar este tema" dun chío de Leticia Dolera, a feminista actriz, guionista, directora de cine e escritora. A cita final de Maruja Torres devolve a reflexión -despois de toda unha vida- sobre o que vale a pena, o que realmente permanece das relacións e o que se perde.
As conversas a través do whp (ou outras aplicacións) achegan unha frescura e actualidade que seguramente anima ao lectorado ao que vai dirixido a lela.
Co dedo daslle a entrar no sitio web +18 e comezas a ler. Un texto duro de instituto, con grupo de mozas e de mozos, coa aula inmanexable, cos rapaces comentando os ligues do fin de semana na rolda informativa (ligues ou sexo contabilizado). Trunfos duns e derrotas daqueles que non o conseguen, frustración e distribución de roles, o papel de machos cazadores e conquistadores de corpos, mozos consumidores de porno que humillan ás mulleres tal como ven nas películas porno, mozas dispostas a enviar fotografías ou practicar o sexo que non lles gusta para non quedar no grupo das estreitas ou das que ninguén escolle. Sexo que non se disfruta pero non se confesa, porque o que vale é entrar na selección, non importa como. A presión por compartir fotos que non quixeras que anden pola rede, por practicar un sexo que non apetece... e a onda vai a máis, ata que explota.
Moi ben trazadas as personalidades deses catro rapaces e as catro rapazas. Ben retratado o ambiente. As situacións poden resultar duras, violentas... pero o título avisa e o lector ou a lectora puxo o dedo na tecla de "entrar". Entrar é o que ten, unha vez que estás dentro é complicado saír, pero pódese; esa é a mensaxe, necesaria (tamén).
A trama co ritmo acaído, a información entregada na dose axeitada e no momento adecuado para ser dixerida.
Moi boa novela e sobre todo imprescindible despois de todo o que levamos visto e lido sobre a pornografía que consumen os homes e o dano que esta lle pode facer ás mulleres, despois da manosfera e das acusacións de feminazis, despois de todo o ataque ao feminismo. Isto é o que hai e con isto hai que xogar.
Un aviso: ninguén está a salvo cando non o está alguén; non é posible a indiferenza nin a neutralidade.
Non nos defrauda a autora como non o farán tampouco as mulleres que está escribindo sobre esta temática como Chis Oliveira, Amada Traba e Priscila Retamozo que nos entregaron Las trampas de la pornografía. La sexualidad que deseamos.
... Grazas a todas elas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario