domingo, 15 de novembro de 2026

Un novo libro para a colección Pequena memoria de Xerais: Cachita, o paraugas e máis eu


 

Cachita, o paraugas e máis eu de Rosa Aneiros e Miguelanxo Prado está publicado na colección Pequena Memoria de Xerais.

Da presentación editorial: "De súpeto, unhas mulleres guindaron pedras contra a casa do alcalde e, coma unha castaña sen picar no lume, estourou a rebelión. A irrupción da Infantería e Cabalería da Garda Civil desatou o pánico e comezaron caer corpos ao chan. Cachita liscou a fume de carozo. "Teño que ir, Lucía, pareceume ver a mamá!" Corrín atrás dela, subín ao faiado, apañei o meu prezado paraugas encarnado e tendinllo: "Toma, necesitarás algo para te defenderes".» En 1918 prodúcese na bisbarra de Ferrol a coñecida como «Revolta das pedradas», un movemento liderado por mulleres que protestaban pola alza do prezo da fariña e a escaseza de provisións. Como consecuencia da Gran Guerra, os comerciantes acaparaban produtos de primeira necesidade para vendelos fóra a un custe máis elevado e, o pouco que distribuían, tiña prezos prohibitivos. Fartas das restricións e da inacción das autoridades, as mulleres (labregas, panadeiras, obreiras...) e os traballadores do arsenal organizaron comisións e convocaron folgas, manifestacións e asaltos a comercios para requisaren alimentos de primeira necesidade. Nese contexto convulso nace a amizade inquebrantable entre as nenas Lucía e Cachita. «Cachita, o paraugas e mais eu» é o quinto título da colección Pequena Memoria, para recuperar as voces silenciadas da historia."

Coma sempre, nas gardas aparecen fotografía reais relacionadas cos feitos e lugares dos que se fala. Un apéndice final sitúa a historia na Historia do movemento reivindicativo desa época e nese lugar, e tamén da emigración. Desta maneira vemos que o que se relata está baseado na realidade demostrándose con datos. 
Esa denuncia de tratos coma o da "vaca posta" onde ata había que pagar con rapaces, a soedade da vellez, as escolas feitas por emigrantes, as viúvas de vivos, esa prohibición de mostrar o que tes (aínda que sexa un agasallo) porque vives de fiado, as mulleres e os seus traballos, a diferenza entre as dúas rapazas (unha toda inocencia e a outra xa afeita a enfrontar a vida)... pero tal vez, o cerne do relato está nestas palabras "Vina marchar coxeando, como se cargase todo o peso do mundo no lombo, e pensei no pouco que se parecía a aqueloutra rapaza afouta que dera na miña mellor amiga". Unha carga policial polo medio e todo pode cambiar. 
A autora aproveita para contarnos unha historia da que derivan moitas outras, dun paraugas vermello que regresa branco, da emigración que nos salvou da miseria e do analfabetismo, de América como utopía, das escasas mostras de afecto que ocultaban todo o amor e sensibilidade (por exemplo entre nai e filla). 
As ilustracións de Miguelanxo Prado do que nos gusta todo, ata a sinatura que é ese selo que lle dá conformidade á obra.  
Moita sorte e orgullo pola historia, polas ilustracións e pola colección. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario