Non é unha palabra bonita de Bharti Singh e Urvashe Dubey está traducido por César Lorenzo e publicado por Aira.
Da presentación editorial: "Algunha vez che apeteceu dicirlle «non» a alguén, mais non quixeches mancalo? Hai veces que queres dicir «non», mais acabas por dicir «si» e sénteste a desgusto? Acompaña a Sia nunha fascinante viaxe na que ha aprender a dicir «non» con seguridade e elegancia. Un libro que axuda a comprender o valor da asertividade, a sermos amables sen ignorar os nosos propios sentimentos."
Trátase de reivindicar a palabra "non", de axudar a entender que se pode utilizar sen sentirse mal.
En primeira persoa unha nena vai explicando unha situación: unha compañeira pídelle sentarse ao seu lado, contesta que si, pero cando esta lle pregunta se pode usar a súa caixa de pinturas contéstalle que non. Case chora do desgusto e a compañeira ao darse conta explícalle que lle presta outras pero non esas. A esta nena non lle costa traballo negar algo mentres que á que nos conta a historia resúltalle difícil e pensa que pode incomodar ao outro; ela déixase levar aínda que ás veces lle mnolesten determninadas condutas dos demais, tenta ser amable... pero a primeira obriga é cunha mesma, quererse, tratarse ben, estar a gusto. Por iso hai que practicar a maneira de dicir "non" con respecto pero asegurándonos de que nos toman en serio, nas relacións persoais e nas reivindicacións sociais dicindo "non" aos abusos, atendendo á intuición. Certo, débese practicar o "non" para mellorar nós e o mundo, pero non para cumprir os nosos caprichos. Hai que saber cando dicir "si" e cando "non".
Nas ilustracións aparecen personaxes como Gandhi que dixo "non" para liberar un país, aparece carapuchiña e o lobo tentando enganala, escritos como o de Novoneyra "Chove para que eu soñe" traendo a historia ao noso mundo. Polo tanto, estamos ante un libro que nos vai permitir traballar a asertividade na súa xusta medida, reflexionar sobre o uso da palabra e das diferentes situacións que se nos presentan no día a día e, ao tempo, atopar as referencias culturais que nos integran nun mundo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario