mércores, 4 de novembro de 2026

Algo máis sobre o magosto




 

O magosto está moi dentro da nosa cultura, recollemos alguúns testemuños na poesía culta e na popular, cantigas e ditos, xogos e músicas de variado ritmo, informacións na rede... con agradecementos á AC Alexandre Bóveda, biblioteca do CEIP de Portofaro, Noelia Antelo e Paco Veiga. 

O poema de Francisco Añón: O magosto.

"E d’esta sorte pasamos

A noite con grande gosto,

De parolar nos cansamos,

E defuntado o magosto

C’as meniñas rebuldamos."

O poeta berciano, Antonio Fernández Morales tamén lle dedicou uns versos:

"En bon amor e compaña

co mosto e castañas, presto

se papan toda a merenda

i alegres tornan pra o pueblo.

A xente de máis posibles

ou Señoritos, o mesmo

van ós campos de jolgorio

dos magostos co pretesto.

Cargaos levan os fámulos

ca merenda nunhos cestos

composta de an

guilas, truitas,

polos, pampalliños tiernos,

e sobre todo empanadas

con salmón ou lomo dentro."

O poema de Manuel María "O ourizo"  en Os soños na gaiola:

"Co seu ouro vello, mol,

o ourizo ouriceiro

toma o sol

no bico dun castiñeiro.

Tal un señor moi mandón:

no bico dun castiñeiro

o ourizón

toma o sol moi riseiro.

O ourizo está moi ledo

coa súa casa ben pechada

-ouh, que medo!-

de espiñas toda cercada.

Quer botar unha risada

e os seus dentes arregaña

case un nada:

e xa fuxiu a castaña...!"

O poema de Florencio Delgado Gurriarán: 

“Inda que rendas non cobre,

no outono de ouro vai cheo

o seu verdecente pazo

o ourizo, bon cabaleiro,

e cando olla tal tesouro

o ourizo, que xa vai vello,

sorrí, e ao sorrir amostra

a nobreza do seu peito”

Un anaco do poema de Curros Enríquez

"Aí ven o maio

De frores cuberto…

Puxéronse á porta

Cantándome os nenos;

Y–os puchos furados

Pra min estendendo,

Pedíronme crocas

D’os meus castiñeiros."

No comezo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro

«Has de cantar,

que che hei de dar zonchos;

has de cantar,

que che hei de dar moitos».

Algunha cantiga:

Non chas quero, non chas quero,
castañas do teu magosto,
non chas quero, non chas quero,
que che cheiran ó chamosco.

--- 

Acabáronse as castañas, 
secáronse os castiñeiros,
acabáronse as rapazas;
 quedan os mozos solteiros
"Acabáronse as vendimas
 ahí veñen as esfolladas
para comer coas nenas
 catro castañas asadas"
---
As castañas son castañas, 
os ourizos son ourizos;
os ollos da tua cara,
 para min son dous feitizos"

"Canta a rula, canta a rula, 
canta a rula naquel souto;
Probiño daquel que espera 
polo que está na man doutro"
 
 Ditos

“As castañas queren en agosto arder e en setembro beber ”.

“Agosto seco, castaña en cesto”.

“Polo magosto, castañas e mosto”.

“Auga de agosto, nen bo viño nen bo magosto”.

“Castañas no Nadal saben ben e parten mal”.

“A castaña no ourizo

eu ben sei como ela fai,

dende que pinta madurece

e dende que madurece cae”.

“Castañiñas a roer,

piolliños a nacer ”.

“No outono veñen as castañas

que nós comemos con moitas ganas”.

“Con castañas e viño novo

xa non morre o pobo”.

“Castaña que cae no camino

deixa ao amo vense comigo”.

“Castañas, noces e viño

son a ledicia de San Martiño”.

“En decembro vense as canas

e ábrense as castañas”.

"Polo San Martiño, castañas e viño”

“Castañas, noces e viño, fan a ledicia do san Martiño”

 “Con castañas asadas e viño novo xa non morre o pobo” 

Música:

Canción de Magosto 13 Lúas – Mercedes Rivera

O Rap do Magosto

Chegou Magosto – Jesús Pareja

Sol de outono – Luar na Lubre

O outono xa se acerca – Casa do Neno

 Xogos:

O gran magosto: o xogo de cartas do apalpador de Fernando Cimadevila, publicado por Urco. 

Na rede, recollidos por Paco Veiga: dende o CEIP Campo Lameiro, dende o CEIP de Foz e do CEIP San Luís Romero coa nota: magosto e xogos tradicionais (sexan cales sexan) van sempre de par, só hai que lembrar “Polo San Martiño, peóns ao camiño”. O peón ten que ser o rei.

A castaña na cultura popular galega

https://gl.wikipedia.org/wiki/A_casta%C3%B1a_na_cultura_popular_galega

Magosto na galipedia

Galicia encantada  buscar magosto https://galiciaencantada.com/buscador.asp

APOI (Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade). Buscar magosto

Orella pendella (Ditos, recitados e cancións infantís). Buscar magosto.

O castiñeiro na rede.ttp://www.galicias.com/camba/traballos/t/castineiro.htm

Faltaban as adiviñas, non?

 Teño unha coroa e non son rei

 vivo nun ourizo e ben dura son.

 No magosto todos me queren comer. Que son? (A castaña)

 Boto fume cara ao ceo,

 dou calor sen ser o sol,

e no magosto son o centro.

 Que son?  (A fogueira)

 No outono dou un froito,

 redondiño e saboroso,

 e no magosto son famoso.

 Que son?  (O castiñeiro).

Teño moitos pinchos,

pero non son ourizo de mar;

gardo dentro un tesouro 

 que che gustará probar.

Que son? (O ourizo da castaña)

Caio das árbores no outono,

 son marrón e moi redonda;

 se me asan na fogueira, 

que rica estou!

 Que son? (A castaña)

 Sobre as brasas me colocan,

 e para non estoupar,

 fanme unha pequena ferida

 antes de me asar.

 Que son? (A castaña)  

Outo me vexo no mmeu lugarexo. 

Por unha risada, perdín miña anada.

---- 
"Outo, outo cabaleiro
dalle a risa e caelle o diñeiro"

"Alto foi meu nascimento de doncela recollida;
cando ia para me rir, tal foi a queda que dei
que a casa non máis voltei"

"Altetes, altetes con seus carrapetes;
con o riso que lle deu, todo se perdeu"

Ten pelexo coma a xente,
e é moi boa para comer;
chega polo mes de Santos
e todo o ano a tés.

 Alto me vexo
no meu capelexo,
por unha risada
quedeime sen nada.

Alto está,
barbas ten,
ri e solta o que ten .
 
No aire se cría,
no aire se ten;
bota unha risada
e perde o que ten.
 
EXPRESIÓNS COTIÁS 

 Auga de castañas: dise do café frouxo.

Quedar en auga de castañas: algo que non tivo importancia.

Estalarlle a castaña na man: cando un cae na propia trampa.

Non estar para asar castañas: non ter ganas de festa.

Sacarlle as castañas do lume: librar a un dun problema.

Darlle unha castaña: zurrarlle na cara.

¡Toma castaña!:
 levar un chasco.

¡
Pegarse un castañazo!: Pegarse un golpe forte.    Estoupou como unha castaña: unha explosión seca.

¡Manda castaña!
: Algo que non ten xustificación, que sorprende a un.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario