Amosando publicacións coa etiqueta Música. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Música. Amosar todas as publicacións

mércores, 6 de agosto de 2025

Álbum ilustrado e Libro CD

Querémoste profe de Luís Almavisca e Mar Ferrero, traducido por Maruxa Zaera e publicado por NubeOcho

Preséntase así:"Mofeta, Esquío, Raposo, Osiña, Parrulo, Ra e Coello van todos os días á escola cun sorriso porque a súa profe, Gacela, é a mellor. Apréndelles a ler, a cantar e a bailar... e ademais, escóitaos e compréndeos. Pero un día, cando chegan á aula, non hai ninguén agardando por eles. Onde está a profe Gacela? Que lle pasaría? Mofeta, Esquío, Raposo, Osiña, Parrulo, Ra e Coello deciden ir á súa casa investigar." 

Moi tenro, tanto nas ilustracións coma no texto. Este grupiño de crías que van á escola, cando descubren que a profe está enferma, visítana, fan merendas para que coma, lenlle o conto (este mesmo) cando chega a noite... O bosque está pendente da profesora e todas as criaturas dispostas a coidala (igual ata algo de máis). Nas ilustracións descubrimos que un dos alumnos vai en cadeira de rodas, polo tanto visibiliza a diversidade funcional.

A Ramona pequena vai á lúa de Pakolas aparece na colección Sonárbore de Galaxia.

Preséntase así: "Viaxa con Ramona dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar. Quebra os límites con nós nesta nova aventura rockeira!"

Paco Cerdeira, Pakolas, é músico, compositor e produtor, comezou os seus pasos como membro do grupo Mamá Cabra. En 2014 forma a banda de música infantil, A Gramola Gominola, editando o seu primeiro traballo en 2015, A Gramola Gominola, para seguir con Cancións para desafinar (2017) e Bravas. O rexurdir da luz (2019), todos en Editorial Galaxia,  e tendo como eixe central o rock and roll, sendo unha proposta didáctica para os máis cativos da casa. O seu primeiro traballo en solitario sae en 2017, Pakolas (Galaxia), co apoio do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

Poemas, conto coa protagonista e material de traballo no código QR.

mércores, 3 de xullo de 2024

Novidades varias

Cholo e Nela XX anos dando a nota é un libro CD, poesía e música da man segundo se di na cuberta "20 anos dando a nota" (e tamén "XX convivencia de educación infantil") de Pai edicións que segundo se di na presentación editorial "Este disco é un recoñecemento a todas as persoas que, integradas en sucesivos equipos, participaron en maior ou menor medida no proxecto que hoxe en día constitúe Cholo e Nela, Cholo un globo do País da Fantasía e Nela unha pinga de auga do río Sil. Un proxecto de plena actualidade nas bisbarras do oriente ourensán e que quere darse a coñecer noutras partes da nosa xeografía. Un proxecto que pon en valor o idioma, a nosa lingua, o galego, como canle acaída e normalizada para imaxinar e descubrir e para achegármonos a outras linguas e culturas." Porque en 1997 da maneira máis espontánea e inesperada, un grupo de m3stres e mestras de educaicón infantil comezou unha convovencia de educación infantil: unhas xornada de festa para toda a comunidade educativa (Nenos e nenas, familias e profesorado compartían unha xornadalúdica e educativa, buscando suxerir, engaiolar e descubrir, buscando que o alumnado das vilas, cidades e aldeas compartisen momentos de felicidade e diversión, cada ano nunsitio distinto, coñecendo e descubrindo valores e diversidade. 

Vermellón de Aroa R. Cao con ilstracións de Alba Lugo está publicado por DABIDI-BÚ. Da presentación: "Vermellón é un camaleón cunha gran preocupación. As súas escamas cambian de cor segundo as súas emocións e cre que a maneira de lograr mimetizarse co ambiente e pasar desapercibido como o resto de camaleóns éreprimiroquesinte.Non tardará moito tempo en comprobar o equivocado que está... Cos valores implícitos: Intelixencia emocional, empatía, aceptación e respecto por un mesmo (amor propio), expresividade." 

Un libro sobre as emocións que tan de moda están, un libro co didactismo que tan de moda está... Expresar con palabras as emocións para que elas non lle poñan cor ao corpo e o deixen á intemperie dos depredadores. Verbalizar e rodearse de agarimo é a solución, polo que apuntan.

xoves, 16 de xuño de 2022

Un poema feito libro e canción

Ana e a lúa lueira de Toño Núñez con ilustracións de Noemí López e música de Fernando Gómez Jácome.

Así se presenta: "Na beira do mar. No canto da praia. Nunha casiña branca. Unha nena vivía. A nena tiña medo. Porque un ogro. Comela quería. Mais… a nena tiña una amiga. Que no alto vivía. Era a lúa lueira. Que de nai ela facía. Porque a nena mariñeira. A pobre, nai ela non tiña."

Unha historia triste e lírica, un poema que se fai libro cun par de cuartetas en cada plana. Enmarcadas polas magníficas imaxes de Noemí, co seu estilo propio, cheo de curvas coma os nosos castros, cunhas cores que se dilúen como ela sabe, cunhas casas que semellan de chocolate a piques de caer, con lúas que sorrín e o afecto que tenta suplir o que falta. Esas árbores redondas, eses pelos cara adiante, a gran diferenza entre os adultos e os pequenos case xigantes e ananos. As sombras malignas que espreitan detrás da noite, que converten o día en escuridade...   

A historia condúcenos a outra sobre abusos, Monstro de ollos vermellos, porque de novo hai un adulto que espreita a nena orfa de nai mentres o pai vai ao mar. Vai ser a lúa, vixiante, quen salve a nena cegando coa súa luz ao ogro. Chamémoslle anxo da garda, adulto titor ou tribo coidadora, o bo é que alguén coide das crianzas e as libre de todo mal, evite esas malas experiencias que van provocar medos a eses seres que son confiados por natureza. En cada plana, á esquerda, nunha estrofa o percorrido da historia, á dereita, en maiúsculas outra estrofa co poema que se canta e di:

Lúa de azucre, / lúa de sal, / lúa de río, lúa de mar. / Nena cativa / que anda a soñar / coa cara en flor / da súa mamá. (...) Esta é a parte que se converte en canción tal como aparece no pentagrama co que finaliza o libro. 

Unha obra a ter en conta, por múltiples razóns.

luns, 20 de decembro de 2021

Un libro disco, un texto cunhas imaxes e a múscia que acompaña. Lingua guapa.

Lingua guapa. Cantos que contan... é un libro cd, un libro de poesías de Fina Casalderrey ao que acompañan as ilustracións de Lucía Cobo e as composicións musicais de Néstor Blanco. 

Moitas mans, moitas voces, unidas para celebrar a lingua guapa, alumnado dos centros de ensino (CEIP Álvarez Limeses, a EEI Fina Casalderrey, o CEP Marcos da Portela e o CEIP A Xunqueira, o IES Luís Seoane e o Valle Inclán), ou dos coros, a Xove Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra; coreografías e gravacións.

Os poemas cancións son introducidos por unha serie de citas (maiormente estrofas ou versos de poetas galegos) que abren boca ao redor do tema que se vai tratar no poema, así ata catorce veces. Unhas ilustracións moi coidadas, nas que se busca a imaxe máis acaídas sen aforrar esforzos, rodeando de debuxos os versos e de cores a cancións.

Unha obra coral.

sábado, 20 de febreiro de 2021

Libro CD Pakolas Ramona órbita. A dona do tempo

 

Libro CD Pakolas Ramona Órbita. A dona do tempo con ilustracións de Laura Romero, en Sonárbore de Galaxia. Rock and roll para protexer a natureza e viaxar ao longo da historia (si, con maiúsculas). Así se conta na presentación editorial: "Neste novo libro contaremos e cantaremos con ritmo moi rockeiro a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega do Courel, posuidora dunha horta cibernética e unha perfeccionada  máquina do tempo. Así levaranos de viaxe pola Prehistoria, o Medievo, o Renacemento, pola China Imperial, ou mesmo ao futuro, con moitas aventuras, personaxes e peripecias que gustarán por igual á xente miúda e a maiores." Paco Cerdeira achega as cancións, os poemas de base e un conto, tamén infomra que podes descargar unidades didácticas e material de traballo para pasalo ben na web da editorial