Amosando publicacións coa etiqueta Mar Ferrero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mar Ferrero. Amosar todas as publicacións

mércores, 19 de novembro de 2025

Álbums ilustrados

A colleita de ratiño de Leticia R. Gancedo & Mar Ferrero está publicado por OQO na colección O

Da presentación editorial:"Achegábase o final do verán, a terra estaba seca e os froitos escaseaban. Entón Rato atopou un garavanzo e pensou que podería preparar un bo guiso, pero un tropezón inesperado e, máis tarde, unha divertida cadea de sucesos entre os habitantes do campo, fixeron desaparecer “o seu pequeno tesouro”."... Tempo despois chegou a primavera e todo espertou, o ratiño púxose a buscar o garavanzo e oh sorpresa! o que atopou foi a planta con moitos garavanzos, con eles puideron facer o guiso para toda a cadea de animais que andaban polo medio; así que ao final todo saiu ben, moito mellor do que se agardaba. Unha historia ben levada!

Maruchi e o gancho de Laura Cid Rascado conta co premio Alberte Quiñoi de álbum ilustrado 2023 e está publicado por Galaxia. O xurado destacou que "é unha historia que se entretece perfectamente a través de texto e imaxe, tecida con ritmo, claridade e ollada poética. Presenta un nó que a protagonista ten que desenredar o cal se vai enfiando de xeito equilibrado, tenro, humorístico, perspicaz. Trátase, ademais, dun álbum ilustrado perfectamente apto para todos os públicos." É inverno, a galiña abúrrese porque non pode saír da casa polo frío, como ve que todas as demais teñen frío decide facerlle algunha roupa de abrigo aproveitando que ten unha madeixa de la, pero todo lle sae mal... ata que aparece o can coas gafas e... as cousas cambian.

mércores, 6 de agosto de 2025

Álbum ilustrado e Libro CD

Querémoste profe de Luís Almavisca e Mar Ferrero, traducido por Maruxa Zaera e publicado por NubeOcho

Preséntase así:"Mofeta, Esquío, Raposo, Osiña, Parrulo, Ra e Coello van todos os días á escola cun sorriso porque a súa profe, Gacela, é a mellor. Apréndelles a ler, a cantar e a bailar... e ademais, escóitaos e compréndeos. Pero un día, cando chegan á aula, non hai ninguén agardando por eles. Onde está a profe Gacela? Que lle pasaría? Mofeta, Esquío, Raposo, Osiña, Parrulo, Ra e Coello deciden ir á súa casa investigar." 

Moi tenro, tanto nas ilustracións coma no texto. Este grupiño de crías que van á escola, cando descubren que a profe está enferma, visítana, fan merendas para que coma, lenlle o conto (este mesmo) cando chega a noite... O bosque está pendente da profesora e todas as criaturas dispostas a coidala (igual ata algo de máis). Nas ilustracións descubrimos que un dos alumnos vai en cadeira de rodas, polo tanto visibiliza a diversidade funcional.

A Ramona pequena vai á lúa de Pakolas aparece na colección Sonárbore de Galaxia.

Preséntase así: "Viaxa con Ramona dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar. Quebra os límites con nós nesta nova aventura rockeira!"

Paco Cerdeira, Pakolas, é músico, compositor e produtor, comezou os seus pasos como membro do grupo Mamá Cabra. En 2014 forma a banda de música infantil, A Gramola Gominola, editando o seu primeiro traballo en 2015, A Gramola Gominola, para seguir con Cancións para desafinar (2017) e Bravas. O rexurdir da luz (2019), todos en Editorial Galaxia,  e tendo como eixe central o rock and roll, sendo unha proposta didáctica para os máis cativos da casa. O seu primeiro traballo en solitario sae en 2017, Pakolas (Galaxia), co apoio do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

Poemas, conto coa protagonista e material de traballo no código QR.

venres, 6 de decembro de 2024

Álbums infantís: OQO e NubeOcho

Mamá pingüín é a mellor de Chris Haughton, traducida por Maruxa Zaera e publicado por Nubeocho. O autor recolle un proverbio árabe para pórtico da obra "O Paraíso está aos pés das nosas nais"Pingüiniño pasea da man do pai observando o que fai a nai para afirmar unha e outra vez "Mamá Pingüín é a mellor".  Poucas palabras, só as necesarias, unhas ilustracións case minimalistas co branco de neve e xeo, co azul de mar... cores planas, colaxes, as caraterísticas propias das ilustracións deste artista, os elementos mínimos para dar fé do máis básico e fundamental. O valor dunha nai! 

Unha vez máis, a editorial non mostra o libro en galego; as linguas que aparecen na súa páxina son o español, inglés, catalán e italiano. Que está a pasar?

A colleita de ratiño de Leticia R. Gancedo e Mar Ferrero, traducido por Marisa Núñez e publicado por OQO. Asi se presenta: "Achegábase o final do verán, a terra estaba seca e os froitos escaseaban. Entón Rato atopou un garavanzo e pensou que podería preparar un bo guiso, pero un tropezón inesperado e, máis tarde, unha divertida cadea de sucesos entre os habitantes do campo, fixeron desaparecer “o seu pequeno tesouro”. Vai o garavanzo dende a tobeira dos coellos ao niño dunha pega, dunha charca á boca dunha ra da que sairá disparada ao petarlle no lombo o sapo... pasa o outono e o inverno e coa primavera ratiño atopa o seu garavanzo, pero ten sorpresa: ao erguer a cabeza descubrirá     que o campo está ateigado de garavanzos, daquela... que será o que sucederá agora?

Unha marabillosa historia que segue o ritmo da natureza e o ciclo das sementes.