Amosando publicacións coa etiqueta Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado. Amosar todas as publicacións

mércores, 19 de novembro de 2025

Álbums ilustrados

A colleita de ratiño de Leticia R. Gancedo & Mar Ferrero está publicado por OQO na colección O

Da presentación editorial:"Achegábase o final do verán, a terra estaba seca e os froitos escaseaban. Entón Rato atopou un garavanzo e pensou que podería preparar un bo guiso, pero un tropezón inesperado e, máis tarde, unha divertida cadea de sucesos entre os habitantes do campo, fixeron desaparecer “o seu pequeno tesouro”."... Tempo despois chegou a primavera e todo espertou, o ratiño púxose a buscar o garavanzo e oh sorpresa! o que atopou foi a planta con moitos garavanzos, con eles puideron facer o guiso para toda a cadea de animais que andaban polo medio; así que ao final todo saiu ben, moito mellor do que se agardaba. Unha historia ben levada!

Maruchi e o gancho de Laura Cid Rascado conta co premio Alberte Quiñoi de álbum ilustrado 2023 e está publicado por Galaxia. O xurado destacou que "é unha historia que se entretece perfectamente a través de texto e imaxe, tecida con ritmo, claridade e ollada poética. Presenta un nó que a protagonista ten que desenredar o cal se vai enfiando de xeito equilibrado, tenro, humorístico, perspicaz. Trátase, ademais, dun álbum ilustrado perfectamente apto para todos os públicos." É inverno, a galiña abúrrese porque non pode saír da casa polo frío, como ve que todas as demais teñen frío decide facerlle algunha roupa de abrigo aproveitando que ten unha madeixa de la, pero todo lle sae mal... ata que aparece o can coas gafas e... as cousas cambian.

mércores, 19 de febreiro de 2025

Un par de álbums: Son calado e Papóns

Son calado (Unha historia do ser introvertido que todas as persoas levamos dentro) de Andie Powers ilustrado por Betsy Petersen, traducido por María Fe González e publicado por Hércules ediciones.

Da presentación editorial: "Son calado. Emilio non é tímido. É calado. Emilio pode semellar apoucado e tímido por fóra, pero no seu interior a imaxinación reborda. Mentres que as persoas maiores, e mesmo as outras nenas e nenos, ven a Emilio como alguén tímido que non ergue a man na clase, nós sabemos que Emilio é, en realidade, un aventureiro en alta mar, un explorador intrépido e un amigo dos animais salvaxes. Este relato defende e celebra a beleza de saber quen somos verdadeiramente". 

Comeza presentándose el mesmo despois dunhas gardas con nubes, porque igual nos quere dicir que está moito nas nubes; apoiado na súa imaxinación el é quen quere ser en cada momento, tamén é quen de observar aquilo que aos demais nos pode pasar desapercibido (as gretas no chan, os sons que nos envolven...), pinta o universo e un amigo co que viaxar, fala baixiño en murmurios como se o fixese consigo mesmo, escoita o océano na buguina... E cando lle dan as boas noites el coa lanterna e os libros explora outros mundos e cando se cansa apágaa e di "boas noites", de verdade. 

En álbum con moito branco porque o silencio igual se representa así, o branco da neve que todo o amaina.

Papóns de Sandra Lodi. Premio Alberte Quiñoi de álbum ilustrado publicado por Galaxia

Da presentación editorial: "A Inés encántalle pasar tempo coa avoa e cultivar a horta con agarimo. Un día descobren que alguén fixo desaparecer a colleita en que traballaron todo o ano. Quen sería o papón?"

Gardas con froitas e verduras, ilustracións acordes coa cuberta para contar esa historia de relacións neta avoa na que a primeira terá que investigar quen son os papóns que lles comeron a colleita; eles contaranlles que os bosques xa non teñen froitos e as cidades aumentan deixándoos sen alimento, máis ben demóstranllo levándoa polo aire e a terra a observar estes cambios. Cando vai falar coa avoa atópaa cun espantallo e varios instrumentos para a destrución de pragas, terán que falar. Teñen que chegar a un acordo para que uns e outras consigan o que queren, así o fan e de vez en cando aínda se xuntan para unha merendiña, daquela a avoa sempre lle di: "Comede amodo" Non me sexades papóns!"

venres, 29 de marzo de 2024

Un libro que daba comezo a un premio

 

As filloas de Manola de R. J. Peralta e Blanca Millán resultou ganadora da I convocatoria do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado 2022.

Manola chega á casa despois dun duro día de traballo; fóra chove, así que é un bo día para facer filloas.  Niso se pon. Ceará con filloas salgadas e unhas poucas doces... Ela non conta con que Neves a veciñas vai vir buscar ovos e mentres agarda por eles proba as filloas, a súa irmá Xosefina que vén ás patas,  e tamén proba filloas mentres agarda a que llas dea, o fillo Breixo que precisa leña e fai o mesmo, tal como a sbriña Tareixa que precisa cebolas, o afillado Tomé pedindo ósos para o can, a neta Branca que quere kiwis... cando Manola volve á cociña non queda amoado nin filloas... pero chaman á porta e alí están todos eles, cada un co seu prato para compartir: tortilla, cocido, churrasco, empanada e ensalada de froitas. Porque si, hai que crer que o que das se multiplica e a xente non é tan egoísta como pensabas. Un bo exemplo, para tomar nota, da man destes dous autores que acostuman ter esa mirada cara aos valores.