martes, 6 de xaneiro de 2026

Premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2025

O Premio Neira Vilas de Literatura Xuvenil 2025 é o resultado dun acordo entre a Fundación Neira Vilas que o convocaba anteriormente (cun destinatario non tan definido) e a editorial Galaxia. A obra ganadora desta primeira convocatoria é Odio de Gabriel Romero de Ávila 

Preséntase así: "Todo apunta ao comezo dunha nova guerra entre humanos e droides nas Terras de Poñente. Neo Vigo, a cidade dos neons e os rañaceos antigravitatorios, aínda lembra a bomba atómica que estourou sobre o estadio de Balaídos hai dez anos e que terminou coa revolta da Nai Computadora. Pero agora hai un influencer que se dedica a reavivar o odio entre os vellos bandos, á vez que apareceron mortos seis replicantes no Museo do Pobo Galego de Compostela. Seis policías que participaron nunha carreira ilegal para divertimento dos humanos, e da que pronto vai haber unha nova edición xunto á catedral de Auria, da que toda a galaxia vai estar pendente. Este é un caso para a inspectora N4rv43z, da División de Seguridade da Fundación Omnia."

Unha estraña obra, non por distópica, igual por como comeza co uso dun léxico con cantidade de palabras estranxeiras introducidas de forma "natural" que, conforme avanza a obra, semellan desaparecer, como se responderan á busca de distanciamento co lectorado. Unha sociedade futura ou doutra dimensión na que humanos, seres resultado de híbridos con animais e absolutamente artificiais comparten unha Galicia que recoñecemos con cidades como Vigo e Auria ou lugares coma o Museo do Pobo Galego. Droides que confundimos con humanos, cunha gran habelencia para a supervivencia e a recreación de si mesmos.   

O autor descríbese como creador de novelas de aventuras e diso vai a obra, dun droide que volve a Vigo (agora Neo Vigo) para investigar un crime, pero debe enfrontarse a un activista do odio en forma de influencer que estende violencia baixo o nome de Meco. Esa mestura de personaxes que nacen do entroido galego, para aproveitando as redes e ese tempo de disfraces, provocar a loita e a persecución da protagonista. Un personaxe que volve ao lugar do crime porque foi ela quen apretou o botón da bomba que destruiu a cidade, a colaboración da irmá adoptiva (un ente sen presenza física) que lle axuda introducíndose no ordenador central e achegándolle toda a información que precisa... pero máis alá de cuestións persoais, os exércitos privados nos que se vai privatizando (redundancia precisa) a seguridade, o poder dos "influenciadores" a través das redes  e da súa omnipresenza, os supremacistas que ccontinúan existindo, agora en relación a outras criaturas. Pelexas a morte disfrazadas de competicións deportivas, a maldade de matar por distración, a mentira como moeda de cambio 

Replicantes que se realizan cirurxías xenéticas para ter, por exemplo, a cabeza dalgún animal, seguros de reencarnación para poder volver á vida, axentes de pacificación, programas de adopción de droides. De todo hai... pero tamén é certo que todo continúa igual "xente anónima que morre porque outros o deciden así e sobrevivintes que escalan por encima", a web profunda con matanzas programadas a modo de campionatos. Esa mestura de referencias (as luces de Vigo, Jules Verne e Nemo, o tesouro de Rande, as irmás Touza, o nubeiro, o gólem...), de cousas dun futuro afastado xunto cun presente absoluto lembran a ciencia ficción nun escenario de billas de auga coma as do meu fregadeiro.  

A protagonista, unha droide militar, inspectora da División de Seguridade da Fundación Omnia, da que esquecemos sexo ao longo da novela, é a voz narradora. A música que escoita son os versos de García Lorca escritos en galego ou a música de Andrés Dobarro nos salóns. Pandora, a primeira muller autómata é a antecedente desta droide. Porque a presenza da mitoloxía vaille dando sentido á ciencia ficción.

Atopamos situacións que rachan ante o dilema irresoluble de Hofstadter-Moebius e tamén afirmacións que nbos asustan: unha mentalidade pura e virxe é o caldo de cultivo para o odio, a radicalización e o desprezo. ç

Por veces, a maneira de ganar é deixar de xogar, abandonando para demostrar a contradición, porque todo enfrontamento xa ocorreu antes, porque o sangue non se lava con sangue senón con perdón, porque hai que rachar o círculo do odio. As masas matan o Meco e a protagonista, como todo policía pensa nos papeis que terá que cubrir...   

Un anexo coa cronoloxía das Terras de Ponente achega información dende os comezos mitolóxicos ata as guerras das máquinas transcurridas dez anos antes cando Pandora, Talos e o gólem de Ribadavia son feitos prisioneiros e ela consegue activar o lanzamento dunha bolba sobre o estadio de Balaídos destruíndo a cidade enteira. Unha presuela en forma de pequenas notas que percorren o tempo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario