O Peculiar de Érica Esmorís está ilustrado por Dani Padrón e publicado por Cuarto de inverno.
Unha ilustracións realmente marabillosas que retratan os personaxes na súa peculiaridade. O mellor é a maneira de contar a historia, esa forma de narrar dende o voz dunha nena lista que observa e opina, que non cala e sinte afecto pola xente que a rodea. A nena que todos quixeramos nunha casa porque resolve problemas en vez de crealos. A súa naturalidade serve para iso, para facer mellor o mundo, para que todos podan ser un pouco máis felices.
A historia dun bar, dunha familia, dunha clientela. Unha historia que non che deixará indiferente porque vas rir sen querer, faralo como o fixestes cando lías O misterio dos fillos de Lúa. Unha autora que consegue aproveitar o fío da inspiración e aínda que o final igual non é o mellor perdónaselle por todo o resto, polo ben que nolo fai pasar.
Así se presenta: "No barrio do antigo porto hai un bar que nunca pecha. Chámase O Peculiar… e dentro del atoparás:
- un pirata coxo que loitou contra icebergs
- unha nai con cinco xemelgos rebuldeiros
- dous inimigos que se adoran
- unha avoa que todo o xulga
- e moitos personaxes máis!
Para Comba, O Peculiar é o centro do mundo e os seus clientes, unha extensión da súa familia… ata que, de súpeto, morre o avó e chega o tío Balbino cun can anano e unha maleta cargada de plans.
Poderán Comba e os extravagantes clientes do bar deter a modernidade que ameaza con borrar para sempre a esencia do Peculiar?
Un libro cheo de humor e aventura sobre unha nena, un bar e os seus clientes e todo o que pode pasar cando o que máis queres está a piques de desaparecer."

Ningún comentario:
Publicar un comentario