mércores, 6 de agosto de 2025

Álbum ilustrado e Libro CD

Querémoste profe de Luís Almavisca e Mar Ferrero, traducido por Maruxa Zaera e publicado por NubeOcho

Preséntase así:"Mofeta, Esquío, Raposo, Osiña, Parrulo, Ra e Coello van todos os días á escola cun sorriso porque a súa profe, Gacela, é a mellor. Apréndelles a ler, a cantar e a bailar... e ademais, escóitaos e compréndeos. Pero un día, cando chegan á aula, non hai ninguén agardando por eles. Onde está a profe Gacela? Que lle pasaría? Mofeta, Esquío, Raposo, Osiña, Parrulo, Ra e Coello deciden ir á súa casa investigar." 

Moi tenro, tanto nas ilustracións coma no texto. Este grupiño de crías que van á escola, cando descubren que a profe está enferma, visítana, fan merendas para que coma, lenlle o conto (este mesmo) cando chega a noite... O bosque está pendente da profesora e todas as criaturas dispostas a coidala (igual ata algo de máis). Nas ilustracións descubrimos que un dos alumnos vai en cadeira de rodas, polo tanto visibiliza a diversidade funcional.

A Ramona pequena vai á lúa de Pakolas aparece na colección Sonárbore de Galaxia.

Preséntase así: "Viaxa con Ramona dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar. Quebra os límites con nós nesta nova aventura rockeira!"

Paco Cerdeira, Pakolas, é músico, compositor e produtor, comezou os seus pasos como membro do grupo Mamá Cabra. En 2014 forma a banda de música infantil, A Gramola Gominola, editando o seu primeiro traballo en 2015, A Gramola Gominola, para seguir con Cancións para desafinar (2017) e Bravas. O rexurdir da luz (2019), todos en Editorial Galaxia,  e tendo como eixe central o rock and roll, sendo unha proposta didáctica para os máis cativos da casa. O seu primeiro traballo en solitario sae en 2017, Pakolas (Galaxia), co apoio do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

Poemas, conto coa protagonista e material de traballo no código QR.

Ningún comentario:

Publicar un comentario